lunes, 17 de diciembre de 2012

COMENTARIOS EDUCATIVOS-LOMCE (III)

III.- Neste anteproxecto de lei (LOMCE) e no segundo faise moito fincapé na excelencia, na eficiencia, na optimización termos moi utilizados na corrente neoliberal e nunha linguaxe moi empresarial e comercial que agora se quere trasladar ao ámbito da educación. Pregúntome se as persoas normais ou mediocres ou discapacitadas non teñen cabida na escola, ou que esta non ten respostas educativas para elas. A sociedade só acolle aos máis capaces, non tendo cabida os que non son rendibles, non os temos en conta, marxinámolos, botándoos fóra, apartándoos. E esa a equidade que queremos? E ese o Estado de Dereito que queremos? Un mundo para todos ou un mundo para os que teñén éxito? Os outros tirámolos á cuneta? Ademais para o logro de mellores resultados e da autonomía dos centros é preciso invertir en educación e invertir máis, non recortar, senón, como vai mellorar todo? E que entendemos por mellorar? Unha escola inclusiva, acolledora, de crecemento persoal e social ou unha escola segregadora, clasista, discriminadora? Certo que hai que empregar ben os recursos de todo tipo, e os máis importantes son os recursos persoais; pero, eliminando persoal docente e técnico e tratándoo mal, como se vai mellorar? Como se vai a lograr a excelencia? Excelencia para todos ou para os que a poidan pagar? Primarase á privatización para que se formen as élites das familias pudientes e dedicarase a escola pública para o pobo, para os probes nunha concepción clasista da escola; e eso o que queremos? O que persigue este goberno cos seus anteproxectos rexeitados por todos e sen consensuar é unha escola para ricos distinta da dos pobres. É alarmantemente crece a pasos axigantados a pobreza infantil no noso país, cada vez hai máis diferencias entre os nenos españois. Estase a producir unha gran distancia entre o ensino público e o ensino privado; entre o ensino do pobo e o das clases pudentes. Se está a establecer unha inxustiza moi grande coa escola pública, dándose pasos cara atrás. Parece que o que prima e o desmantelamento dos servizos públicos para entregalos á especulación privada. Non é certo que os servizos públicos da sanidade e da educación sexan malos e máis caros que os privados, esa é unha idea que están interesados en espallar como desculpa para crear a corrente de opinión de que é nesaria a súa privatización e fanno coa colaboración de moitos medios de comunicación amarillistas, non hai unha prensa libre, hai unha prensa comprada e aborregada coas subvencións das distintas administracións, onde está a prensa libre? Houbo algunha vez prensa libre en España? Todo este discurso neoliberal xa se produxo noutros países, Arxentina e Gran Bretaña; por exemplo, anularon servizos públicos e o sector privado destrozou o servizo (por exemplo, neste dous países, o servizo do ferrocarril). Foron experiencias privatizadoras nefastas froito dos excesos do neoliberalismo que campa polos seus respectos en España e en Europa. Claro que hai que fomentar o emprego das novas tecnologías na escola e o ensino de idiomas e promocionar axeitadamente a Formación Profesional; pero, non en detrimento das Humanidades e do ensino das materias de tipo artístico. Tamén hai que impulsar a Atención á Diversidade, para que o sistema educativo acolla e inclúa a todo o alumnado, inclusive aos que presentan grandes dificultades e necesidades educativas. E a FP hai que potenciala revalorizándoa, dotándoa dos recursos necesarios e de calidade e non converténdoa na opción B ou porta excluínte para moitos ou no refuxio a onde dirixir aos “malos estudantes”, facendo prematuras encrucilladas ou distintas vías discriminatorias. É preciso unha boa FP, potente, ben planificada e como opción de calidade e de prestixio. AGARDEMOS QUE VOLVA A POLÍTICA DO DIÁLOGO, DO CONSENSO, DA BUSCA DE SOLUCIÓNS ENTRE TODOS. TODOS SOMOS O PAÍS, TODOS FORMAMOS O ESTADO. ESPERANDO PODER ESTAR AQUÍ O DÍA 22, SORTE E SAÚDE NESTAS FESTAS E QUE TODOS CONSTRÚAMOS UN FUTURO MELLOR CARA O 2013.

miércoles, 28 de noviembre de 2012

O ESCUDO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

O actual escudo de Vilagarcía de Arousa foi configurado e aprobado en 1915, sendo deseñado, pois, posteriormente á creación do novo concello denominado Vilagarcía de Arousa, coa agregación ao concello de Vilagarcía, dos concellos veciños de Vilaxoán e de Carril no ano 1913. (VILLARONGA GARCÍA, Manuel A.: VILAGARCÍA, VILAXOÁN Y CARRIL, 1991, pp. 8, 147-150). Precisamente o ano que vén celebraremos o centenario da unificación. A cidade de Vilagarcía ten os títulos de Moi Noble e Moi Leal e concedéuselle ao seu Concello o tratamento de Excelentísimo e o uso da Coroa Real no seu escudo por privilexio real. (cfr.: PORRAS, Javier: 150 AÑOS DE GUARDIA MUNICIPAL EN VILAGARCÍA, 2004, p. 19). No escudo atopamos a coroa real, sobre todo polas vinculacións e o trato dado á familia real. O noso concello acolleu en múltiples ocasións visitas e estancias reais. No século XIX visitounos o rei Alfonso XII, foi hóspede de honra no Pazo de Rubiáns. No século XX, o rei Alfonso XIII ten veraneado na casona da lagoa de Comboa, preto das instalacións portuarias na parroquia de Sobradelo, camiño de Vilaxoán por beiramar. Este mesmo rei visitou a Illa de Cortegada e o pobo de Carril, cando o asunto da donación da illa con vistas a construir o pazo real de verán. Tamén visitaron en épocas recentes varias veces o noso Concello os actuais reis de España, D. Juan Carlos I e dona Sofía. Igualmente estivo aquí varias veces D. Juan de Borbón, conde de Barcelona, que ten degustado a exquisita lubina, que preparaba Manolo Cores no seu famoso e xa desaparecido restaurante CHOCOLATE en Vilaxoán. Asimesmo nos ten visitado a infanta dona Cristina. (Cfr.: VIANA, Víctor: VISITAS REALES A VILAGARCÍA, 1997). En baixo da coroa figura no escudo unha chave de ouro sobre fondo verde, a chave da cidade que simboliza a hospitalidade do noso pobo e a garda e custodia da mesma. Debaixo da chave sobre tres montículos aparecen tres torres, que simbolizan a tres castros da cidade, o de Castroagudín, o Castro Alobre e o Castro de Carril; este último estaba situado no monte de San Roque, na zona da Tomada. Aínda que Manuel VILLARONGA (1991) alude ao Castro Lupario (situado no monte Lobeira). Indican que o concello ten sido poboado dende a máis remota antigüidade. No cuartel inferior esquerdo represéntase unha nave, unha trirreme, unha embarcación antiga sobre as ondas do mar, que sinala a importancia do noso mar, da vida marítima e das antigas invasións e defensa por esa vía. No cuartel inferior dereito, un sable dourado sobre fondo vermello indicando as loitas e o sangue derramado por defender este territorio, sobre todo na chamada Guerra da Independencia no século XIX, librada contra o invasor francés. Vilagarcía foi unha das primeiras cidades galegas en rebelarse e loitar bravamente contra dos franceses (1808-1809), como podemos comprobar na placa e no monumento instalados na nosa Praza da Independencia. Os tres cuarteis están unidos por outro máis pequeno e superposto, VILLARONGA (1991) denominao escusón ou escudo interior, que representa o segundo cuartel de gules cun pino de sinople, terrazado do mesmo, perfilado en ouro e acompañado de dez lanzas de prata, con ferros de ouro, postas en faixa, cinco en cada flanco (que representa aos Caamaño, fundadores da cidade), segundo cuartel das armas do escudo do marquesado de “Villagarcía”. (Cfr.: BUGALLAL Y VELA, Jaime: VILLAGARCÍA, Señorío y Marquesado de, en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, tomo 30, 1974, p. 126). Os escudos falan, hainos que entender, dannos datos de cidades, de familias. A nosa cidade, o noso Concello teñen o seu escudo. En Vilagarcía de Arousa, se somos observadores, podemos atopar en edificios coñecidos e nobles fermosos escudos en pedra, moitos repiten as señas de identidade dos Marqueses de Vilagarcía, emparentados co fundador da cidade, García de Caamaño, o Fermoso, como figura na carta puebla de 1441. As pedras falan, hai que entendelas, os símbolos esculpidos nelas dannos moita información. A heráldica ten que ser apaixoante, cando teñamos tempo dedicaremos estudos a esta singular ciencia auxiliar da historia. (A D. Ramón Reiriz, auxiliar de protocolo do noso Concello, téñolle escoitado fermosas e eruditas explicacións sobre a bandeira arlequinada en vermello e amarelo e sobre o escudo de Vilagarcía de Arousa ao alumnado do CEIP O PIÑEIRIÑO da nosa cidade. Este artigo é deudor do aprendido nesas magníficas leccións, desenvolvidas consecutivamente nos anos 2010, 2011, 2012).
BIBLIOGRAFÍA:/ - BUGALLAL Y VELA, Jaime: “VILLAGARCÍA, Señorío y Marquesado de” en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. T. 30, Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 126. / - PORRAS, Javier: 150 AÑOS DE GUARDIA MUNICIPAL EN VILAGARCIA. Pontevedra, Concellería de Cultura – Concello de Vilagarcía de Arousa, 2004, p. 19. / - VIANA, Víctor: VISITAS REALES A VILAGARCÍA. Vigo, Cardeñoso, 1997. / - VILLARONGA GARCÍA, Manuel A.: VILAGARCÍA, VILAXOÁN Y CARRIL. Vigo, Diputación Provincial de Pontevedra, 1991, pp. 8, 147-150.

domingo, 11 de noviembre de 2012

MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE-2012

Nesta ocasión o XI MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE está dedicado a un gran amigo de Filgueira e dunha familia moi significativa para Pontevedra, trátase de ALEJANDRO DE LA SOTA (Pontevedra,1913- Madrid,1996), gran arquitecto e fillo de Daniel de la Sota, o lembrado presidente da Deputación de Provincial de Pontevedra (1924-1930), nos anos da dictadura de Primo de Rivera, alá polos anos vinte do pasado século, cando empezan os anos de esplendor de Pontevedra que finalizarán cando caeu a II República.
O memorial desenvolveuse durante os días 6, 7, e 8 de novembro de 2012, a partires das 20:00 h. no marco do Salón de Actos do edificio VI do Museo de Pontevedra. O primeiro día constituíuse a mesa presidencial na que se atopaban a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez Reboredo; representando á Universidade de Vigo, Antonia Blanco Pesqueira; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva; o director do Museo de Pontevedra e secretario da Cátedra Filgueira, Xosé Carlos del Valle Pérez; pola fundación Filgueira, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, o fillo do personaxe central do Memorial, Juan de la Sota; e o conferenciante, o xornalista, Rafael López Torre. No acto protocolario de inauguración recoñécese o labor da Cátedra Filgueira, organizadora xunta ao Museo deste acto e a significación de Alejandro de la Sota como un dos máis importantes arquitectos españois do século XX, cunha obra moi variada e moi estudiada, destacando o traballo da fundación que leva o nome do ilustre arquitecto e que difunde o seu legado persoal, os seus arquivos e a súa obra, que son obxecto de estudio por expertos en arquitectura de todo o mundo e polo público en xeral. Seguidamente, Rafael López Torre comeza a súa disertación con palabras de agradecemento á Cátedra Filgueira, á Universidade de Vigo, ao Museo de Pontevedra e ao seu director, Xosé Carlos del Valle. Posteriormente, precisa que a súa conferencia non ten nada que ver coa arquitectura e si coa vida e a obra de Alejandro de la Sota a quen lle dedicou moito tempo de estudio, indica que foi un arquitecto que creou escola, a forxa do artista que foi e a configuración da súa personalidade veñen marcadas pola familia, a casa, a cidade, deulle moita importancia aos trinta anos da súa vida que pasou na cidade de Pontevedra. Naceu no seo dunha familia acomodada e distinguida. O seu pai, Daniel de la Sota, cántabro de orixe humilde, que nun determinado tempo foi militar, aínda que en 1917 cando obtén o destino forzoso de Melilla co emprego de comandante solicita o seu pase a supernumerario e nunca máis volveu ao exército, pasara un tempo na Escola de Debuxo da VIII Rexión Militar e é notoria a súa intervención na remodelación do cuartel de San Fernando en Pontevedra. D. Daniel era un gran debuxante (como tamén o chegaría a ser Alejandro, quen naceu cun lapis na man, aprendeu antes a debuxar que a andar), D. Daniel era algo así como arquitecto, enxeñeiro, mestre de obra; o seu fillo recoñéceo xunto con Castelao como os seus únicos mestres no debuxo. A súa nai era descendente dunha rica familia de propietarios de grandes fincas agrícolas de Salcedo, moi relacionada coa influínte e poderosa familia dos Muruais, tamén era prima de D. Xosé Mª Filgueira Martínez, pai de Filgueira Valverde polo que os de la Sota e os Filgueira tiñan unha relación moi familiar. Así como o marcaron a súa familia e as súas amizades e relacións aquí en Pontevedra, relacionouse con Castelao, seu mestre, foi amigo do seu fillo Alfonsiño e do seu sobriño “Turiñas”, un trío inseparable. Pero tamén ten influencia un edificio emblemático de Pontevedra, o do Café Moderno, onde naceu e pasou a súa infancia e mocedade, o dono deste edificio era D. Bernardo Martínez Bautista. Tamén subliñar a casa do verán, a casa solariega dos seus avós en Salcedo que lle propiciou gozosas experiencias infantís. Outra das súas paixóns era a música, chegou a ser un virtuoso do piano e formou parte do coro de nenos da mítica Coral Polifónica de Pontevedra nos seus inicios e baixo a dirección do marinense, Blanco Porto, el tiña a avantaxe de que sabía solfexo. Emilio Quiroga presentoulle ao seu irmán, o prestixioso violinista, Manuel Quiroga, quen quedou marabillado das destrezas de Alejandro para a caricatura. Alejandro foi discípulo na música do mestre Jané, quen lle transmitiu o seu amor por Bach. Tivo unha infancia feliz, sendo tamén moi mañoso no xogo das canicas e do trompo. Estudiou no colexio dos Maristas e logo o bacharelato no Instituto de Pontevedra, situado primeiro no edificio da antiga Escola de Oficios, logo Normal, incluso cárcere, hoxe ese edificio pertence á Deputación; pasando logo ao edificio que hoxe pertence ao Instituto Valle-Inclán. Aos quince anos prodúcense dos feitos de distinto signo, un ledo: a primeira exposición da súa vida, unha exposición de caricaturas baixo a inspiración de Castelao; outro triste, precisamente a morte do fillo de Castelao, Alfonsiño, do que era grande amigo. Nestes anos da nenez e mocedade prodúcese o florecemento cultural de Pontevedra, nesta pequena cidade provinciana conflúen extraordinarios personaxes que enriquecen á capital do Teucro, entre eles, por só citar a uns poucos: Casto Sampedro, Losada, Iglesias Vilarelle, Castelao, Osorio Tafall, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde,... Un momento único para Pontevedra. Uns dos feitos desa riqueza cultural foi a creación da revista CRISTAL, precisamente a figura feminina que aparez na portada do número 1 da revista é de Alejandro de la Sota, os debuxos do seu amigo Turiñas aparecerán nos números do 4 ao 10 de Cristal, precisamente o 10 será o último, con el púsoxe fin a este extraordinario experimento cultural. Lorca compartiu cos membros da revista Cristal unhas xornadas memorables en Pontevedra, xornadas de arte e de música, o poeta granadino ofreceu para uns poucos privilexiados un recital de cancións populares andaluzas acompañándose ao piano, entre eses elexidos estivo Alejandro de la Sota e que acompañaron ao lembrado poeta do 27 na benvida e en toda a súa estancia na cidade do Lérez. O golpe de estado co que comenza a Guerra Civil sorprendeu ao seu pai, D. Daniel, na cidade de Madrid, onde quedou aillado da súa familia, esa guerra foi orixe de moita dor para todos. Alejandro foi ferido no frente nun ollo, esa ferida de metralla deixoulle afectado o ollo para sempre; pero, non lle impediu seguir coa súa vida normal. Nestas circunstancias tan terribles deixou de debuxar, finalizou unha guerra absurda que non creou máis que separación e sufrimento, Ventura de Dios, “Turiñas”, o seu amigo de sempre, finou na guerra e en 1947, morreu de tuberculose a súa irmá maior, María; circunstancias todas tristes e mouras. El pertencería a primeira promoción de arquitectos da postguerra da Escola de Arquitectura de Madrid. “La Pastora” foi a primeira casa que deseñou, seu primeiro traballo arquitectónico. Traballou para o denominado Instituto de Colonización no deseño de pobos, tamén colaborou co Patrimonio Forestal e co CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) na Misión Biolóxica. Foi un bo irmán e preocupouse moito do seu irmán menor ca el once anos, Jesús de la Sota, quen chegaría ser un bo artista, costeoulle os seus estudos de pintura. Tanto Alejandro como Jesús foron moi independentes no seu traballo artístico, aínda que a Pontevedra da súa infancia e mocedade tivo moita influencia neles. Remata Rafael López Torre lanzando un órdago cara o centenario de Alejandro de la Sota (1913/2013), por se alguén o recolle, que se rehabilitara e volvese ao seu estado inicial o Pavillón de Deportes de Pontevedra, unha das grandes obras dun dos seus fillos máis egrexios, sería a mellor homenaxe para honrar a memoria de Alejandro de la Sota, arquitecto. Pon fin ás súas palabras agradecendo no acto a presencia de Juan de la Sota, fillo de quen centrou todo o noso interés nesta conferencia. Os sucesivos días do Memorial dedicáronse ao estudio das súas obras arquitectónicas, por medio da observación de debuxos, croquis, planos e fotografías. - AS IMAXES POR ORDE DE APARICIÓN: A PRIMEIRA PERTENCE AO FOLLETO DO XI MEMORIAL, A SEGUNDA CORRESPONDE Á GALERÍA DE IMAXES DOS PRESIDENTES DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, que se pode consultar en www.depontevedra.es

sábado, 3 de noviembre de 2012

COMENTARIOS EDUCATIVOS (ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA)

II.- No eido educativo, moitas veces, case sempre, non se teñen en conta os procesos na avaliación, simplemente non se avalían, e os procesos soen ser máis ricos que os resultados finais, que o producto final. Só se pon o foco nos resultados e tampouco se teñen en conta nas avaliacións o punto de partida inicial nin se contempla a contextualización: quenes somos, de onde partimos, que circunstancias nos envolven? Hai que facer atractiva a escola para que os nenos e nenas, os mozos e mozas non estean desexando fuxir dela canto antes. Para evitar o abandono temperá, hai que renovar as metodoloxías e dotar dunha boa formación didáctica e psicopedagóxica aos docentes. Hai que renovar a escola, repensar a educación, mais non dando pasos de xigante cara atrás. Hai que encarar o futuro para seguir mellorando e non detraendo recursos de todo tipo a educación, malditos os gobernantes que queren aforrar a costa da educación e sumir na ignorancia e na pobreza cultural ao pobo. É necesario facer da profesión e da carreira docente algo interesante e gratificante para os futuros profesionais do ensino, con boa formación, valoración e prestixio social, apoio institucional e consideración profesional; que o ministro de educación non se convirta no enemigo número 1 dos mestres e profesores. Traballar realmente por unha escola de verdadeira calidade, non no senso neoliberalista e economicista, senón unha escola humana, xusta, acolledora, promotora do coñecemento e da cultura, do pracer por saber, por descobrir; santuario da ciencia e da cultura, sen descoidar en ningún momento as Humanidades e as Artes, como está a acontecer nestes intres no noso país, no que se desprecian a Filosofía, o Latín, o Grego, a Historia, a Música, as Artes Dramáticas, todo o que nos fai máis humáns, sobra tanto maquinismo e tanto pragmatismo. Unha escola con máis incentivos que ilusionen a docentes e a discentes; non escatimarlle nada á escola, a sociedade que valora e mima á súa escola, valora o seu futuro e consigue mellores perspectivas de vida para todos os seus cidadáns. Moitas prácticas educativas e políticas aseméllanse máis a actuacións do século XIX ou da Idade Media que ao que deben ser as actuacións propias do século XXI, en vez de avanzar, recuamos. Este anteproxecto de lei retrotráenos a tempos pasados, non precisamente moi propicios para a escola pública, a escola de todos e para todos. Crer ou non crer na educación, apostar por ela, ese é o dilema. A ideoloxía prioriza unhas cousas sobre outras, a educación debera estar fóra das manobras políticas, máis que nunca precísase un pacto pola educación, hai que ter amplitude de miras, ser xenerosos e estar a altura dos tempos, debemos traballar polas xeracións futuras e non ter unha mirada miope e tacaña na política educativa que nos convén a todos, nun proxecto de país que garantice á mocedade un futuro e a vellez seguridade.

sábado, 27 de octubre de 2012

MEDITACIONES SINFÓNICAS

(NA PRIMEIRA FOTOGRAFÍA, AO LONXE, ELIGIO SAÚDA AO DIRECTOR; NA SEGUNDA, CUNS AMIGOS ÁS PORTAS DO PAZO DA ÓPERA DA CORUÑA). Trátase dunha Obertura composta por Eligio Vila (1943) por unha encarga da Orquestra Sinfónica de Galicia. O venres 26 de outubro de 2012, ás 20:30 h. e no Pazo da Ópera da cidade da Coruña, asistimos a súa estrea absoluta. Nela, unha vez máis, o noso amigo Eligio Vila amosa a súa exquisita, elitista sensibilidade e mestría para compoñer. A Obertura irrumpe dun xeito enérxico para introducirnos pouco a pouco nun ambiente etéreo e meditativo de reflexión. Altérnanse a potencia coa suavidade; a brusquedade coa templanza, como a vida mesma. Amósase un espírito de inquedanza e de búsqueda, de meditación. Unha música chea de matices, dunha gran riqueza tímbrica con mestura de estilos e de influencias, clasicismo, orientalismo; en definitiva, unha peza musical de gran beleza, cun final pletórico, obra de serena madureza. Eligio Vila, un compositor galego con gran dominio do seu arte e ao que lle agarda un gran futuro nos dominios de Euterpe. A obra constituiu un enorme éxito, o público agasallou á obra e ao seu autor con entusiastas aplausos e co agrado xeral do cheo absoluto do Pazo da Ópera da cidade herculina, nunha memorable xornada musical. Parabéns e noraboa para Eligio Vila, músico.

sábado, 6 de octubre de 2012

COMENTARIOS Á MARXE DO ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA PARA A MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA-6-10-2012

“HOMES MÁQUINA CON CORAZÓN DE MÁQUINA” (CHAPLIN, Ch.: O GRANDE DICTADOR, 1940). Hai que ser cabezudos neste país para que cada forza política que accede ao poder pretenda impoñer a súa lei educativa. O anterior Ministro de Educación, Ángel Gabilondo, pretendeu un pacto pola educación, tan necesario por outra parte; pero, non tiña a suficiente forza no seu goberno nin a oposición política quería brindarlle a foto do posible pacto por razóns electoralistas e partidistas. E agora está aberta a maquinaria política para a enésima reforma educativa. Como a todas as precedentes vaille fallar o acompañamento orzamentario necesario, nace na precariedade, na penuria financieira e máis nestes tempos da chamada crise de especulación bancaria e bursátil, na dictadura dos mercados. As reformas educativas neste país nacen en momentos críticos e sen o apoio entusiasta dos Ministerios de Economía e Facenda; polo que son inútil letra morta, unha vez máis, outra oportunidade perdida, outro despropósito máis. Imos ir facendo comentarios que nos xurden ao ler o mencionado ANTEPROXECTO. I.- No mesmo observamos que se constrúe sobre unhas bases fundamentalmente economicistas esta reforma educativa e a entende dun xeito restrictivo, elitista; cando no ensino básico hai que traballar por unha educación para todos. Está ben a democratización do ensino, un ensino inclusivo que ofreza un currículo básico e común para a toda a poboación sen discriminacións e sen camiños con bifurcacións antes de tempo, hai que elixir cando se esgotou o itinerario curricular común e se brindaron todas as medidas de atención á diversidade, non promover eleccións discriminatorias a idades temperás e sen madurez suficiente para poder elixir. Unha educación de calidade para todos, non só para uns poucos privilexiados. Ademais da busca do éxito e da competitividade o ensino debe ser altruista e buscar a mellora persoal e social e o crecemento espiritual e cultural de todas as persoas, transmitindo valores de igualdade e solidariedade. Non queremos monstros con moitos coñecementos, cun espírito moi competitivo e materialista; pero, sen alma e con pouca humanidade. A educación debe conducir á felicidade de todos, a realización das persoas, non na escravitude en función de parámetros meramente económicos e de utilidade, dun desmedido pragmatismo; onde queda aquel concepto de educación para o ocio? Ou da sociedade do ocio? Onde o home tivera tempo e espacio para cultivar as artes, para a convivencia, para o tempo de lecer. Precísase humanizar a educación, tamén humanizar ao Ministro de Educación e aos responsables políticos, que non se convertan nos “homes de negro”. O traballo e o esforzo están ben, son imprescindibles; pero tamén o disfrute e o de dispoñer suficiente tempo de lecer. Educar para a ledicia, para a satisfacción e o desenvolvemento armónico persoal e social. Hoxe co pragmatismo e economicismo reinantes só se pensa no Inglés, Alemán e Chinés e nas Matemáticas e a Economía e a Tecnoloxía ao servicio destas; non importan nada: Linguas Clásicas, Filosofía, Historia e non digamos das Artes Plásticas, Dramática, Música... as que nos fan verdadeiramente homes, creativos e orixinais, únicos; esto non ineteresa, estamos inmersos no Mundo Feliz de Aldous Huxley e no maquinismo e deshumanización da que falaba Chaplin. En función de todo esto, as autoridades educativas de hoxe e aquí expoñen algo así (que hai que tratar de ler entre liñas e descifrar o que realmente queren dicir): “partiendo de la premisa de que la calidad educativa debe medirse en función del ‘output’ (resultados de los estudiantes) y no del ‘input’ (niveles de inversión, número de profesores, número de centros, etc). Pensamos que o input e o output estan ou deben estar interrelacionados, un condiciona ao outro: o que sae ten moito que ver co que entra; que queren descapitalizar o sistema educativo público? Ou buscan a excusa ou a desculpa para invertir moito menos? A educación non é un gasto, é unha inversión a longo prazo, unha inversión de futuro. Que razón ten esta frase atribuída a Otto Von Bismarck: O POLÍTICO PENSA NA PRÓXIMA ELECCIÓN; O ESTADISTA NA PRÓXIMA XENERACIÓN. O que pasa é que hoxe estamos cheos de políticos e faltos de estadistas. As institucións educativas non son empresas nin os educandos son frías pezas de metal, tornillos ou tuercas, simples pezas que encaixar. Na escola hai persoas cos seus problemas vitais, coas súas expresións de emocións, de sentimentos. Viva a escola como lugar de encontro, como lugar de festa do coñecemento humano, como lugar de expresión, como lugar de biodiversidade!

lunes, 24 de septiembre de 2012

ANTONI GAUDÍ (REUS, 1852 - BARCELONA, 1926)

Trátase dun dos grandes representantes do Modernismo no mundo da arquitectura e as súas artes auxiliares. Persoa sinxela e austera, xenio da arquitectura civil (parque Güell da cidade condal, casa Milá ou da "Pedrera", pazo episcopal de Astorga) e da arquitectura relixiosa, co impoñente e extraordinario templo da Sagrada Familia en Barcelona, aínda en fase de construcción deica polo menos o ano 2025. Amósase aquí unha mistura de estilos, un luminoso Neogótico, un audaz Barroco e ata un Modernismo surrealista. Gaudí implicouse de gran xeito neste templo, que é un dos símbolos máis recoñecidos internacionalmente da capital catalana. Estaba tan inmerso na súa construcción que facía vida no templo e o templo era a súa vida.
Hoxe en día, esa obra póstuma rende homenaxe ao seu deseñador e proxectista, no museo anexo ao templo pódese observar a minuciosidade coa que é construido, alí tomamos algunhas fotos onde se amosa a reproducción e reconstrucción de como quedou o seu gabinete de traballo o día da súa morte e a mesa onde se poden ver algúns dos artiluxios que utilizaba para facer os seus deseños.
Visitamos e coñecemos in situ varias obras súas e que xa temos referido: o parque Güell, a casa da Pedrera, o templo da Sagrada Familia, ultimamente revisitado, e o pazo episcopal de Astorga. Admiramos a súa obra cun estilo e cun selo característico moi persoal e cheo dunha beleza singular; todo o mundo pode saber e identificar cando se trata dunha obra de Gaudí, son as súas señas de identidade: predominio da liña curva, uso de cores vivos, o vangardismo e moita orixinalidade, así como a inspiración na Natureza e unha democratización da arte. Gaudí viviu para crear e para deixar beleza e verdade á posteridade.