lunes, 27 de abril de 2009

NO ANO DE RAMÓN PIÑEIRO



(A fotografía que ilustra esta entrada foi obtida na páxina WEB da RAG)


Os galegos tan inclinados a ignorar e desprezar a súa propia cultura, ao seu propio ser, algo que aínda hoxe estase a producir na nosa sociedade do século XXI e todos debemos superar ese absurdo complexo de inferioridade e traballar xuntos por soerguer Galicia.
Sen dúbida algunha entre os “bos e xenerosos” atopamos a Ramón Piñeiro (1915-1990), galeguista e filósofo que seguiu a chamada da Terra e ofertou a súa vida para servila dende a súa obra literaria, a súa acción política, ao seu labor cultural e editorial.
Foi fundador e director da histórica editorial Galaxia, que a pesares de circunstancias moi difíciles xurde no ano 1950. Ramón Piñeiro xunto con Fernández del Riego tratan de manter vivo o galeguismo no interior e manter relacións estreitas cos galeguistas exiliados, o galeguismo exterior, fundamentalmente radicado en Latinoamérica, máis concretamente en Arxentina, Buenos Aires era a capital galega no exterior.
Piñeiro era o prototipo de filósofo comprometido, desexaba unha Galicia libre e próspera, tamén solidaria. O seu maxistral ensaio sobre a saudade, ese sentimento de apego e de identificación coa Terra nai, tan propio de Galicia e do fraterno Portugal, recordemos o movemento saudosista portugués, amosaba o seu amor pola “nazón de Breogán”.
Ramón Piñeiro reivindicaba o galeguismo, sostiña que tódalas forzas políticas galegas deberan contar cunha corrente galeguista. El traballaba incansablemente para que dita corrente tivera o seu peso dentro de cada partido político. As súas posturas políticas non foron ben comprendidas (senón lean o artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo do venres 24 de abril de 2009, no que se refire á persoa de Ramón Piñeiro). Nós mantemos que nunha sociedade democrática e libre son lexítimas todas as opinións e todos os posicionamentos, esa é a grandeza da democracia que ampara a todos.
Filgueira Valverde no panexírico que lle adica no VII-Adral, argumenta que Piñeiro era “home de paz e de comprensión, desprendido dos bens materiais e do culto á fama, conforme nos infortunios de unha vida onde non faltaron angurias das que nunca falaba”. E máis adiante, indicaba “en canto á obra, espello da craridade da súa mente, foi todo un esforzo por troca-lo xorne da Filosofía en Galicia”.
Manifestaba Filgueira sobre Ramón Piñeiro, que lle quedaba “a memoria dunha amistade longa, intensa, leal”. Recoñecíalle, Filgueira, ao mestre Ramón Piñeiro o “don de consello”. E no mesmo Adral, pero noutro artigo, no que D. Xosé gaba ao Piñeiro traductor e que remata con estas xustas verbas: “Téñense louvado con xusticia os merecimentos de Ramón Piñeiro na filosofía, na interpretación do ser e do vivir histórico dos galegos, na política cultural, no cultivo dunha prosa limpa, doada, xangal á fondura do pensamento. Mais temos asemade que pór de resalte esa vontade de acrecer as nosas letras coa vizosa presencia de obras alleas, anque tivera que coutar para facelo o tempo das creacións propias”.
Para coñecer un pouco máis o pensamento de Piñeiro, sobre todo en temas referidos á linguaxe e as linguas, recomendamos a lectura do discurso da súa entrada na Real Academia Galega, que foi lido o día 25 de novembro de 1967 e a conseguinte resposta de Domingo García Sabell, outro dos grandes da nosa cultura e tamén íntimo de Filgueira. Magnífico e enriquecedor círculo de amizades! Estes discursos poden baixarse da WEB da RAG:
http://www.realacademiagalega.org/

Para finalizar reseñar o extraordinario artigo do gran teólogo galego, Andrés Torres Queiruga, no nº 162 da revista ENCRUCILLADA, no que lembra con verbas moi rigorosas e documentadas ao esgrevio Ramón Piñeiro, quen foi o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega e antecesor nese cargo do propio Filgueira.


DE LECTURA OBRIGADA:


- XFV: VII-ADRAL, A Coruña, do Castro, 1992, pp. 332-337.

- VV.AA.: ENCRUCILLADA, nº 162.

lunes, 20 de abril de 2009

D. XESÚS GARRIDO, UN IRMÁN GALEGUISTA DE FILGUEIRA VALVERDE






D. Jesús Garrido foi mestre represaliado de Zamar (Vilagarcía de Arousa), posteriormente, mestre e director do afamado e lembrado colexio vilagarcián, denominado “León XIII”, onde nalgún momento deron clase, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Albariño, Germán Quintela, Manolo Castelao (malogrado primo do gran Castelao), ademais doutros insignes mestres que xunto co alumnado encheron de gloria a esta institución educativa que favoreceu a formación de tanta xente da comarca do Salnés. O colexio despareceu a finais da década dos setenta do pasado século.
D. Jesús tamén tentou ás musas, probando sorte cos versos, tendo ganado algún famoso certame poético. Tamén se atrevía coa música, deixando a súa numerosa prole o gusto polo canto, polo cantigueiro galego.
Foi patriarca dunha numerosa familia, o matriarcado correspondíalle a súa muller, dona Concepción Castromán, tamén magnífica profesora, entre os seus quince fillos e fillos políticos tamén algúns probaron fortuna coa docencia.
D. Xosé Filgueira apreciaba moito a D. Xesús, compañeiro do Partido Galeguista. Ténnos indicado o fillo de Filgueira que Vilagarcía de Arousa e a súa comarca debían render tributo a D. Jesús Garrido, como un home que traballou por promocionar ás clases populares e a clase media, facilitando a súa formación. Cando tan só existía un único Instituto de Ensino Medio na capital da provincia ou en moi poucos sitios da mesma, no colexio de D. Jesús, o “León XIII” preparábase aos bachilleres que acudían a Pontevedra para se examinar por libre. Ían tan ben preparados que obtiñan moi boas calificacións, temos comprobado os magníficos resultados dalgunhas persoas moi vinculadas con Vilagarcía, como o Sr. Sopkowsky ( quen foi profesor de Matemáticas no primeiro instituto da vila, hoxe coñecido como IES “Castro Alobre”), Xaquina Trillo (poetisa tan lembrada), Fernando Quintela Novoa (que exerceu a mediciña na especialidade de odontoloxía na mesma cidade e que hoxe é testemuña viva daqueles inesquecibles anos do “León XIII”, ténnos falado principalmente de dous grandes mestres, o poeta e excelente latinista, Aquilino Iglesia Albariño e Núñez Búa, galeguista de primeira hora, que lle transmitía o amor pola Nosa Terra a todo o seu alumnado).
Despois da guerra de 1936, o colexio perviviu algunhas décadas máis, pero xa en declive, a situación xa non era a mesma.
Serva esta entrada como lembranza agradecida a unha persoa que dedicou a súa vida ao ensino e ao servicio de Galicia.


PARA SABER MÁIS:




  • PORTO UCHA, A. S.: Historias de vida. O maxisterio pontevedrés na II República, Guerra Civil e Franquismo. Vigo, Alén Miño, 2003, pp. 173-174.



  • VILA FARIÑA, X. L. e V. VIANA MARTÍNEZ: Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións, 2001.

miércoles, 15 de abril de 2009

COÑECER GALICIA PARA SABOREALA




Por cantos máis sentidos entre unha cousa mellor queda gravada. Galicia podemos percibila con tódolos sentidos, temos unha luz especial, luz e sombras de Galicia, sol, brétemas… Temos uns sons inconfundibles: o mar batendo nas rochas da accidentada costa de Fisterra, o bruar do vento na serra do Courel, o canto do cuco na primavera, o ulular da curuxa na fraga, o balbordo animal dunha aldea, a gaitiña galega, o baril aturuxo… Podemos sentir Galicia na nosa pel, a néboa refrescando a nosa faciana, o vento mareiro batendo no rostro, a auga do mar da Lanzada cubrindo o noso corpo, a herba do prado facéndonos cóxegas nos pes. Galicia ten os seus arrecendos, ulimos un pobo mariñeiro, Carril en marea baixa ollando cara Cortegada, tamén unha aldea do interior ten o seu ulido característico, o incienso do botafumeiro na catedral de Santiago de Compostela. Podemos sentir Galicia de moitas maneiras, como se estremece o corpo enteiro cando escoitamos o himno galego, a Alborada de Veiga, a Negra Sombra de Rosalía… Toda unha sinestesia para amar Galicia.
Pero ímonos referir a un xeito especial de coñecer Galicia por medio da súa gastronomía. Filgueira Valverde, a súa familia, especialmente a súa filla Araceli son uns grandes coñecedores da cociña de Galicia, dos sabores de Galicia. Coñecida é a estreita relación de Álvaro Cunqueiro coa familia Filgueira, Cunqueiro era un gran amante da nosa cociña, sabía disfrutar da boa mesa, a pesares da súa diabete. Tomou parte con Araceli Filgueira Iglesias, nun gran libro de cociña:

COCINA GALLEGA, León, Everest, 2004

Publicación de grande suceso, da que se suceden as edicións ininterrompidamente. D. Xosé era tamén un gran degustador dos productos da cociña galega.

En Galicia temos boas carnes, bo peixe, magnífico marisco, excelentes viños, inmellorables froitas e hortalizas. Contamos ademais con grandes restauradores. Aínda que como en todo, había que animar a valorar máis a nosa cociña, coidar ou mellor mimar a nosa hostelería, darlle valor engadido aos nosos productos e espallar axeitadamente a nosa cociña.

Cos sabores tamén coñecemos Galicia, uns pementos de Padrón recentemente fritos, unha tapa de polbo no San Simón de Baión, acompañado con pan de Cea e cun bo tinto de Barrantes, un bo peixe ou un bo marisco regados cun excelente albariño das terras do Salnés.

Para ires finalizando este percorrido polos sabores de Galicia, indicar que comparto con Cunqueiro a idea de que se lle debía facer un monumento ao porco galego, ben cebado coas landras dunha nosa carballeira, con fariñas e verduras da terra. O porco é moi saboroso e del cómese todo, dende o rabo ate os fuciños, pasando polo fígado, a lingua, as orellas… Que ben sabe o porco! Un bo lacón e os chourizos nun cocido con navizas, a quen non se lle fai a boca auga? Con canta fame acabou o porco! Tiña moita razón o sabio Cunqueiro.

Aínda recordo, cando eu era neno, as enchentas que se daba D. Álvaro na casa de Ventura (popularmente coñecida como o Cabaret) na sinestésica vila de Caldas de Reis, alí axuntábase cos Endovélicos, entre os que se atopaban, entre outros, Máximo Sar, D. Carlos García Bayón. Aquelas empanadas, entre elas a de lamprea, que facía Graciliana, a muller do popular Ventura na vila termal, alí xuntábanse en pantagruélicos xantares grandes persoeiros de Galicia.
Cunqueiro aloxábase, algúns veráns, no Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis, alí nun ambiente de fogar saboreaba a magnífica repostería, que estaba a cargo da inesquecible Dna. Balbina, viúva de Legerén. E mentres redacto estas sensitivas páxinas, aínda semella que estou ulindo as sulfurosas augas termais do Balneario Dávila e gustando un rico melindre da cociña do Hotel do mesmo nome…

Hai unha Galicia que se come, a Galicia dos mil gorentosos sabores, semella que aínda estou a escoitar a D. Xosé Filgueira Valverde falar da cociña galega e mentres se me vai facendo a boca auga; que ben sabe Galicia!

LIGAZÓNS DE INTERESE:

- Centro Superior de Hostelería de Galicia:
http://www.cshg.es/

- Escola Taller de Hostelería de O Grove: 986 / 73 84 82 – eohostalariadosalnes@hotmail.com

miércoles, 8 de abril de 2009

LETRAS GALEGAS-2010, DEDICADAS A FILGUEIRA VALVERDE




De xeito sintético, imos expoñe-las razóns polas que Xosé Fernando Filgueira Valverde é merecente de que se lle dedique canto antes o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

Xa van cumplirse, no próximo setembro, os trece anos do pasamento do ilustre pontevedrés, quen tanto laborou pola nosa cultura.
Foi a “alma mater”, entre outras, das seguintes importantes institucións:

Seminario de Estudos Galegos (1923-1936)
Museo de Pontevedra (1940-1986)
Instituto de Pontevedra (1940-1976)
Consello da Cultura Galega (1990-1996)

O seu traballo intelectual non deixa de asombrarnos:

· Escribiu máis de 300 libros
· Pronunciou máis de 1.500 conferencias
· Participou e promocionou multitude de actos e acontecementos culturais
· Tomou parte en numerosos programas de radio e televisión
· Foi articulista asiduo en xornais e revistas desde 1923 ata o ano do seu falecemento (1996)

A súa obra literaria, aínda que pouco numerosa se a comparamos co seu traballo erudito e investigador, é dunha grande calidade, onde amosa o seu gran dominio da lingua galega, chea de matices e cun léxico moi rico. Coñecía a fondo cada expresión, cada acepción. A esto axudaba que D. Xosé era un gran latinista e etimoloxista.
Na súa obra ensaística, recollida en grande parte nos nove Adrais publicados, non deixa de lembrar e facer constancia de persoeiros, ditos e feitos da nosa cultura e da nosa historia.
Foi un extraordinario medievalista, deixounos estudos e inmellorables traballos sobre as cantigas medievais, especialmente sobre as Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio.
Outras das súas queridas especialidades foron o vate lusista, Camoens e o gran ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento.
A súa curiosidade sobre Galicia e sobre todo o galego enchéronno de amor pola Nosa Terra, a súa lingua e a súa cultura.
Dificilmente atoparemos un polígrafo humanista cunha obra tan considerable en cantidade e calidade; por todo elo, D. Xosé é merecente de ser homenaxeado como un autor e persoeiro galego que entregou todo o seu saber ao servizo da súa Galicia amada.

PARA SABER MÁIS:

· FORTES ALÉN, Mª Jesús (coord.) et alt.: O DR. FILGUEIRA VALVERDE NOS SEUS NOVENTA ANOS (1906-1996). TRABALLOS. ELOXIOS. Pontevedra, Caixa de Aforros de Pontevedra, 1996.



· FUENTES ALENDE, José: BIBLIOGRAFÍA. CURSOS, CONFERENCIAS Y CURRICULUM DE JOSÉ FILGUEIRA VALVERDE (HOMENAJE DE SUS DISCÍPULOS). Vigo, 1976.


· http://www.museo.depo.es/

miércoles, 1 de abril de 2009

A MASONERÍA EN PONTEVEDRA





(Na imaxe, un emblemático edificio pontevedrés, seica que a fachada foi deseñada coa estética dun templo masónico)

En Pontevedra o fenómeno da masonería tivo certa importancia segundo nos chegou a comentar o Dr. D. Antón Fraguas Fraguas, tan recordado e querido. Tamén nos indicou que a familia Filgueira, polos seus principios relixiosos e pola súa ideoloxía estaba apartada do tema. D. Xosé Mª Filgueira Martínez e o seu fillo, D. Xosé Fernando Filgueira Valverde, estiveron desvinculados totalmente desta cuestión. Non así a familia Pintos. Non debemos esquecer que familiares de Luis Pintos Fonseca, gran amigo e condiscípulo de Filgueira Valverde, si estiveron relacionados coa masonería e con afeccións por temas de tipo esotérico e orientalista.
Sobre o asunto da represesión da masonería en Pontevedra por mor do estalido da Guerra Civil de 1936 e a conseguinte dictadura é interesante consultar o seguinte blog:

http://www.anosdomedo.blogspot.com/

Máis adiante faremos algunhas referencias a esta bitácora.

Non debemos esquecer que Hitler estaba, entre outros moitos aspectos, obsesionado co tema da masonería, ao igual que o seu protexido español, o xeneral dictador, Francisco Franco, do que se di que tiña á reproducción dunha sala masónica na súa residencia oficial do pazo do Pardo en Madrid. A súa inquina persoal cara a masonería tamén pode estar sustentada por ter sido rexeitada a súa solicitude de admisión nunha loxa masónica, sobre esto ten escrito o historiador Ricardo de la Cierva.

Houbo, pois, reunións masónicas en Pontevedra. Logo falaremos un pouco máis do tema.
Ben sabido é, que masón e masonería proveñen da palabra francesa, “maçon”, que significa albanel. A masonería consiste en sociedades secretas que teñen a súa orixe remota nas asociacións gremiais procedentes da Idade Media e do Renacemento que servían de axuda e protección aos seus asociados, mestres, oficiais e aprendices que participaban nas grandes contruccións como catedrais, castelos, variadas obras tanto civís como eclesiásticas. Moitos símbolos lapidarios que atopamos nos muros, nas columnas e pilastras de catedrais e castelos, ademais de indicar moitos códigos e claves secretas, algúns deles servían para sinalar que o constructor ou artesán era masón. Tomando como referencia as asociacións gremiais, a masonería como asociación internacional semisecreta de carácter mutualista e filantrópica xurde e se expande no século XVIII.

En Pontevedra, debido a actividade da masonería, desencadeouse unha feroz represión, como consecuencia dos denominados acontecementos do 18 de xullo de 1936 e días posteriores, que viña a aplacar o exercicio das liberdades por parte dos cidadáns, o fascismo mostraba a súa verdadeira face de crueldade e de arbitrariedade, a ansia de asaltar o poder xustificaba toda sorte de barbarie. Ter sido masón non era unha grande cousa, no era a mellor tarxeta de visita para os golpistas que pretendían ser os novos amos políticos do país e tristemente para todos, conseguíronno. Esto significaba unha implacable persecución política, eso si, facendo acepción de persoas, segundo estivese relacionada e cales foran as súas simpatías políticas.
“A condición de político conservador e afervoado defensor, nos primeiros momentos, do golpe militar” non lle serviron a Isidoro Millán Mariño para “evitar o encausamento como masón, aínda que, seguramente, influíu na entidade da pena imposta”, tal como se reflicte na bitácora da que fixemos referencia antes.
En Pontevedra fálase da loxa de O Burgo e da loxa chamada Helenes nº 7. Sabemos que o franquismo creou o “Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo”, que parece que constituían os demos do novo réxime fascista. Outro represaliado do que se fala no mencionado blog era o mestre de San Salvador de Poio (pobres mestres!), Manuel Guillán Abalo, afiliado ao partido galeguista e segundo a Dirección Xeral de Seguridade pertenceu á loxa Helenes de Pontevedra, onde se identificaba co símbolo F. Galán e co grao 3º dentro da orde masónica. Desgraciadamente, foi paseado na Ponte do Regueiro (A Estrada).

Datos policiais indican que en 1929 existía en Pontevedra “un grupo masónico formado por Amancio Caamaño Cimadevila, José Echevarría Novoa, Avelino Silva, Joaquín Maquieira, un comandante de carabineiros apelidado Cueto, Isidoro Millán, Andrés Corbal, Arturo Rey e Joaquín Poza Juncal. Tamén indicaba que Andrés Corbal e Isidoro Millán formaban parte do grupo só con fins políticos e finalmente abandonaran a organización. Outro dos participantes era Basilio Pintos Fonseca”.

Na bitácora xa indicada, recoméndase para ter información sobre a Masonería en Pontevedra a seguinte publicación:
A FAMILIA POZA: UN EXEMPLO DE REPUBLICANISMO E “LIBREPENSAMENTO” EN PONTEVEDRA, artigo publicado no nº 27 do Anuario Brigantino e que ten como autor a Carlos Pereira Martínez.

Pontevedra, antes da guerra do 36, tiña unha riqueza societaria e un movemento cultural e político moi variado e plural, logo viría un longo período de tebras, onde se decapitaron todas esas iniciativas e se coartou a liberdade dos cidadáns; foi a “longa noite de pedra”, como dicía o poeta Celso Emilio Ferreiro, quen pasou unha tempada residindo na cidade do Teucro.