sábado, 24 de marzo de 2018

MEDULIO - BOLETÍN NÚM 2 DA MESA DAS VERBAS

Hoxe imos incluir o Boletín da Mesa das Verbas núm. 2, está a piques xa de aparecer impreso o nº 7, que se poñerá á venda na próxima edición da Mesa, o vindeiro sábado, 28 de abril. Grazas á venda deste humilde boletín entre os asíduos da Mesa das Verbas puidemos recadar os cartos que reverten nos premios aos literatos que participen no I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS, organizado entre o Centro Comercial Arousa e o colectivo da Mesa das Verbas. Tamén este boletín é un órgano de expresión libre para os participantes na experiencia da Mesa das Verbas, aos que desde aquí lle damos as gracias por manter viva a creación de versos e verbas, que ceibamos ao ar de Arousa.










jueves, 15 de marzo de 2018

I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS

Imaxe de Noé Parga (Faro de Vigo)

Imaxe do Diario de Arousa


I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 18
CONVOCADO E ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA

1.- Convócase este I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 18, idea e organización da Mesa das Verbas e do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación literaria en lingua galega.
2.- Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como tamén acepta todas as decisións do xurado (que será elixido e conformado no seu día e oportunamente) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables.
3.- Cada persoa poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en calquera outro certame.
4.- A extensión máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara. No reverso do folio figurará un número de teléfono de contacto. O folio non poderá conter ningún sinal de identificación, tan só pola parte de atrás figurará o teléfono de contacto.
5.- O prazo de entrega será ata o 17/04/2018 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa.
6.- Os premios non poderán declararse desertos.
7.- A entrega de premios terá lugar o xoves, 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, nunha edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 20:00 h. na sala de xuntanzas, no 3º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.
8.- Os premios serán os seguintes:
- 1º PREMIO: 90 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 €, e diploma.
- 2º PREMIO: 40 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 40 €, e diploma.
- 3º PREMIO: 30 €, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 20 €, e diploma.

9.- Os autores ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano, reverterían de novo nos seus autores.

10.- As obras non premiadas poderán retirarse ata o 17/06/2018, acreditando debidamente ser a autora ou autor, despois desa data serán destruídas.

11.- A participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.


Vilagarcía de Arousa, 17 de marzo de 2018

sábado, 10 de marzo de 2018

UN EDUCADOR E O SEU AMIGO ENTRE FLORES

Xosé Filgueira Valverde gozaba coa beleza, coa bondade e coa Natureza


(Imaxe do despacho particular de Filgueira Valverde, flores e moreas de libros. Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra)

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) estivo sempre moi interesado no traballo interdisciplinar, non era estraño, xa que como un dos máximos representantes do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), defendía e propiciaba o traballo científico e intelectual “inter-áreas”, tal como promovía aquela lembrada e insuperable institución galega.
Filgueira Valverde estivo tamén moi relacionado coa Misión Biolóxica de Galicia (1921), instalada na cidade de Pontevedra (1927), despois do seu fugaz paso pola Escola de Veterinaria cando se atopaba instalada na cidade de Santiago de Compostela (1921-1926).  Filgueira fora nomeado vocal do Padroado da Misión Biolóxica en 1948. Desde a chegada de Antonio Odriozola (1911-1987) a Pontevedra en 1964, axiña estableceuse unha súa mutua amizade, o bibliotecario da Misión Biolóxica era o home que máis sabía sobre camelias, bibliografía, discografía e musicoloxía. D. Antonio pasaba polo Museo de Pontevedra (1927; 1929) puntualmente sobre o mediodía. Entre Filgueira e el sempre había un intercambio de saberes, sempre a falar de libros, flores e discos; afeccións comúns moi queridas, tamén conversaban sobre o grande Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Nunha palabra, os dous namorados da beleza.
Filgueira Valverde, como o educador que era, imprimía seu afán didáctico a todos os seus actos, é un factor común, educar dentro e fóra da cátedra.
E como hoxe queremos darlle o protagonismo que se merece á camelia, subliñar que Filgueira Valverde promoveu e sempre deu o seu apoio o Certame Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición foi na cidade de Pontevedra no ano 1965, certame que vai rotando na súa celebración entre as cidades de Pontevedra, Vigo, e Vilagarcía. Precisamente, este ano a quenda da súa celebración correspóndelle a Vilagarcía, a cidade arousá organizará a LIV edición os días 10 e 11 de marzo.
Ese gusto polas flores compróbase no feito de que Filgueira Valverde tiña sempre un búcaro con flores no seu despacho. E na súa casa de Arcebispo Malvar, 49, abundaban plantas e flores a carón dos libros, moreas de libros. E entre as flores, unhas das súas preferidas, as camelias. As flores de orixe oriental, que viñeron de alén mar para quedarse. E xa ben aclimatadas nas nosas Rías Baixas, poboan xardíns públicos e privados, como os fermosos xardíns de tantos dos nosos magníficos pazos, como os de Rubiáns, Golpelleira, de Oca, de Castrelos... e como non? nas instalacións do antigo pazo do Arcebispo Malvar que ocupa a Misión Biolóxica de Galicia, felizmente asentada e consolidada en Pontevedra.
É tempo de camelias, no alén Odriozola e Filgueira han estar nun longo e inacabable parolar, quizais co marqués de Bradomín e as súas sonatas; é fácil maxinar do que falarán...

                                                            Xermán Manuel Torres