miércoles, 17 de diciembre de 2008


(Na imaxe, Nacemento que Filgueira colocaba no seu fogar tódolos anos, así nolo fixo chegar a súa filla Araceli Filgueira Iglesias, nunha postal de nadal do 2006, ano do centenario do seu pai)



FILGUEIRA VALVERDE

Tres refendas da Noite Boa

I

O Milagre das abellas


Un homiño de Flandes, na noite de Nadal,
levou consigo a Hostia cando foi comulgar.
Púxoa nunha albariza, no seu colmenar,
crendo que o mel e cera virían a medrar.
As devotas abellas fixéronlle un altar.
Aló a Virxe e o Neno viñeron acougar.
A luz do sol trocara a noite en lumear.
El-Rei Afonso fixo compor novo cantar;
que lera o milagre en Cesar Heisterbach.


II

O Nadal das pedras


Tamén teñen as laxes a festa no Nadal.
Brincan, de seu, na noite, as pedras de abalar.
Camiñan cara os ríos os marcos a abrevar.
E baixan para o Etel os esteos de Karnac.
Un tesouro agachado pode o menhir gardar.
As aves, cobizosas, o veñen a búscar.
No seu retorno, as pedras as poden apreixar.
Aló quedan un ano, pois teñen que agardar,
que as liberten os sons das campás do Nadal.


III

Capela viva


Nadal no mar xiado dos ensoños.
Brandán sobarda a barca, cabo as insuas,
a erguer un novo altar en terra nova.
(Tal nosa Fe na abaladoira vida).
Un monstro, inquedo, esguío, desnortado,
fai, baixo a man do Santo, de insua viva,
a un tempo terra acolledora e nave,
na roita das saudades infinida.

domingo, 14 de diciembre de 2008







Homenaxe á Pontevedra de Filgueira e ás camelias

(Nas tres fotografías da miña autoría, podemos ver, un detalle da fachada de Santa María, o monumento aos heroes de Pontesampaio co Concello ao fondo, e unha vista de Pontevedra dende a Caeira, remedando a un famoso cadro e outras imaxes precedentes co mesmo tema, retallos da Pontevedra amada por Filgueira).


Pontevedra, a Boa Vila,
chea de historia nas pedras,
chea de vida nas flores;
mil camelias na Alameda.

Recordos de Odriozola,
penas polo profesor Filgueira,
ámbolos dous, ó seu xeito,
ámbolos dous de camelias cubertos.

Pontevedra, a Boa Vila,
foi horto de grandes xenios,
camelias para Losada,
para Bóveda e para Daniel.

Énchense de ledas flores
de Santo Domingo as ruinas,
camelias para o Museo,
camelias para don Casto.

Canta xente importante!
Que cidadáns do Teucro!
Camelias para os Mareantes,
camelias para Santa María.

Pontevedra, a Boa Vila,
para ti vou cantando,
camelias vou esfollando
nesta batalla de flores.

Camelias para a Peregrina,
camelias para San Roque,
para San Bartolomeu camelias,
as mesmas flores preciosas

para San Francisco,
preto da Ferrería,
na capital do Lérez,
mil camelias de alegría.

Xermán Torres en HIDROMEL (2007)

jueves, 11 de diciembre de 2008




1939, O RETORNO A PONTEVEDRA

(Nas imaxes, unha miña instantánea de Pontevedra e tamén unha foto de Pintos da familia Filgueira Iglesias ao completo na década dos 50, extraída, esta última do libro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996 UN SÉCULO DE GALICIA, 2007)



En 1939 finaliza a estancia de Filgueira como profesor no Instituto de Lugo, é o ano en que nace a súa filla primoxénita, Araceli, o que provoca a composición dun fermoso poema en latín, para festexar tan feliz acontecemento, por parte de D. Ramón Otero Pedrayo, gran amigo persoal e mestre querido e admirado por D. Xosé.
O seu fillo comentounos, que entre outras cousas, a marcha precipitada de Lugo e o retorno a Pontevedra do seu pai, vén motivada pola morte de D. Xosé Mª Filgueira Martínez, pai de Filgueira e avó do comunicante, ocorrida en Pontevedra o 25 de outubro de 1938, e polos inconvenientes que lle ocasionan a súa defensa da Muralla romana de Lugo e do patrimonio lugués. De tal xeito, que en 1940 atopamos a D. Xosé como profesor do Instituto de Pontevedra, ocupando a Cátedra de “Lengua y Literatura Española”, exercendo ademais as funcións de Interventor, despois ás da Xefatura de Estudos, para pasar en 1946 a desempeñar a dirección, posto que ocuparía ata a súa xubilación en 1976. Nesa década dos 40 do pasado século, vaise ampliando a familia Filgueira-Iglesias, precisamente no ano incial da mesma, nace o único fillo varón, Xosé Fernando, quen nos anos 70 afincaría como prestixioso médico alergólogo na cidade do Teucro, no ano 42 nace a terceira filla, Mª Teresa, no 44 viría ao mundo Mª del Pilar, e finalmente, chegaría a benxamina, Angelines en 1947.
Tamén en 1940, entre outros moitos cargos, é nomeado Director do Museo de Pontevedra ata 1986, ano en que renunciaría ao citado posto e pasaría a ser director emérito e patrón honorario do afamado centro museístico.
Son moitos anos en Pontevedra, toda unha vida, adicado de cheo a súa actividade docente, cultural e erudita; así, como de participación e protagonismo na esfera social e política.
Dende o seu retorno en 1939, practicamente non abandonará a súa cidade natal, que será un punto central dende onde irradiará toda a súa acción vital e todo o seu importante traballo a prol da nosa cultura.

Finalmente, recollemos o poema en latín festexando o natalicio da primoxénita do profesor Filgueira, por este e por outros motivos, ese ano é referencial na vida do noso personaxe, a composición foi escrita polo seu bo amigo Ramón Otero Pedrayo e introducido así polo propio Filgueira, no seu libro: CON OTERO PEDRAYO (1990):




"CARMEN" AO NACEMENTO DE ARACELI FILGUEIRA IGLESIAS

O día vinteseis do mes de maio do 1939 nacía en Lugo a miña primeira filla, Araceli. Era no tempo das epístolas latinas. Don Ramón axuntouse ao acontecemento familiar cun nobre poema xenetlíaco, onde a evocación das ninfas, as "Matres Gallaetiae", Teucro… abren o cortexo da Virxe Peregrina que beizoa á meniña.



Super lucensis moenia sicut ei est mos ibat
Cadente sole Filicaria.
"Ab stirpe mea" cogitabat "pollitica pristina flos
Saeculis vicit,
Quis divitior? Genitor ero, tempora capessitum
Donec in cunna bula
Spem latet sicut in parva lentaque radix
Magnas segetes.
Venite Nympharum Gratiaque chori
Concertato pede.
Perdulere et saltare natus circum suaviter
Atque ei nectitote
Ex heredae rosaeque et Dafne Apollinis grata
Leves coronas.
Necnon Matres Gallaetiae, vetera numina
Glebae nutrices!
Dona vestrum non deest pueri: gramínea
Adamet comam.
Video sopor infantis et aspicio procul
Ultra decursum aerum
Ut progenies mea quasi silvae frondescet
Mundis impletura.
Sic laetitia veterum patriarcharum ridebat
Initio temporis
Dum condebant civitates, dum colegant
Arva aratribus!"
Breviter viridarium Teucris ac amoenae
Duorum Pontium orae
Planctu reflectarunt natam puellam
Filicaria laetus
Promisa dona concinatus cupiebat.
Sed de coelo
Validiores nocte silente Gratias delapsae sunt
Inter chori angelorum
Donec Magni Oculum Virgo ab aede sua
Vectata nubibus
Cum Peregrina Mater circum cunnabula evolarunt
Et puellam benedixerunt.
Auria Gallaicorum

sábado, 6 de diciembre de 2008


R/ ARZOBISPO MALVAR, 49, UN LUGAR DE ENCONTRO
(Na instantánea da miña autoría, podedes ver o que foi solar de D. Xosé Filgueira)

Na rúa pontevedresa do Arzobispo Malvar, 49 atopábase a casa familiar de Xosé Fernando Filgueira Valverde. Foi un edificio reconstruido no que fora pazo do trobador Paio Gómez Chariño (1225-1295), Almirante do Mar, que participara na reconquista de Sevilla e que se atopa soterrado na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Consideraba Filgueira que tal reconstrucción tiña sido un gran acerto dos seus pais. Ao respecto, D. Xosé manifestaba na publicación que recomendamos ao final desta entrada e na páxina XXV, o seguinte: “Debo declarar que soy el afortunado poseedor y habitador de lo que resta de los pazos del Almirante y poeta. Lo hago señalando la gratitud que debemos al buen gusto y la sensibilidad histórica de mis padres que al reedificar su casa en 1918, conservaron con cuidado lo que restaba del palacio medieval”. Hoxe en día, é un edificio abandonado e en venda.
Filgueira non coñeceu outro domicilio familiar, alí naceu, viviu e finou. Neste que foi o seu fogar, celebrábase unha tertulia despois do xantar, xeralmente presidida por D. Xosé, ás veces, el ausentábase para acudir ao seu despacho-biblioteca para traballar e descansar. Se é que non había un personaxe importante ou un invitado principal, a tertulia seguía con Dna. Mª Teresa, quen se encargaba de pechala. Participaban na mesma, personaxes da talla de Cotarelo Valledor, Sánchez Cantón, Iglesias Vilarelle, Dámaso Alonso, Otero Pedrayo, Fraguas e as amizades dos tempos do Seminario, frecuentaban a tertulia personaxes importantes da vida cultural, social e política, compartindo un café, algunha que outra copa e por medio conversas, que supoñemos tan interesantes, que é mágoa que non fosen rexistradas.
Un dos lugares preferidos da súa casa era, sen dúbida, para D. Xosé, a súa importante biblioteca (chegou a acumular unha barbaridade de libros, preto de vinte mil volumes), que pouco a pouco chegou a invadir toda a casa, había libros por tódolos sitios.
D. Xosé, dun xeito moi curioso, na súa biblioteca, que era o seu lugar de estudo e de traballo, tiña varios ambientes, un para o traballo intelectual, outro para despacho da súa abondosa correspondencia e papeles de rutina, outro para as lecturas de lecer, escoitar música e descansar. Sabida é a súa idea de que descansar era cambiar de actividade.
Nos días bos do outono, primavera ou verán, D. Xosé tiña por costume sentar comodamente na azotea, que estaba chea de plantas e flores e dende a que se albiscaban o río Lérez, a ponte do Burgo, e ao lonxe o mosteiro de San Benitiño, para trasladar alí as lecturas e animadas conversas. A casa tamén tiña unha horta, que logo foi vendida.
Outra estancia de interese sería a cociña, ben sabido que D. Xosé era un exquisito “gourmand” e tamén que a súa filla Araceli é unha experta na arte culinaria, moi coñecida e exitosa, é a súa publicación, frecuentemente reeditada COCINA GALLEGA (2006) co limiar de Cunqueiro e cun estudo bibliográfico de Odriozola.
Malvar, 49 era un lugar agradable, acolledor; alí sempre o “grilo do fogar” facía reinar a ledicia e a sabedoría; a calor humana de quen atesouraba a sensibilidade daquel trobador que dorme o sono eterno preto dos xardíns de D. Casto Sampedro y Folgar. Pontevedra eterna, sempre Pontevedra.

SE PODEDES, NON DEIXEDES DE OLLAR:

- XFV: EVOCACIÓN DE PAI GÓMEZ CHARIÑO. ALMIRANTE-TROVADOR (c. 1225-1295), Pontevedra, MCMXCV.

miércoles, 3 de diciembre de 2008




FILGUEIRA ÚNESE A UNHA GRAN MULLER EN LUGO NO ANO 1938

(Detalle da foto da voda publicada no libro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996 UN SÉCULO DE GALICIA, 2007)


Despois dun breve noivado, o 15 de agosto de 1938, Filgueira casa en Lugo con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz (Lugo, 10 de outubro de 1908 – Pontevedra, 9 de maio de 1995), filla de médico igual que el. Celébrase a cerimonia do seu casamento no Pazo Episcopal da cidade do Sacramento, no día tan sinalado e de amplas resonancias como foi o da Nosa Señora de agosto.
Filgueira atopou nela o seu verdadeiro tesouro, unha muller fermosa, discreta, educada, cunha forte personalidade, deportista (ten gañado algún trofeo de tenis –asegún nos ten manifestado a súa filla primoxénita, Araceli-). Foi a súa mellor compañeira durante case sesenta anos, nos que compartiron unha vida plena e fecunda en moitas frontes, compartiron ledicias, algunha pena, moitos éxitos e satisfaccións nos aspectos persoais, sociais, profesionais. Tal como nos indicaron o seu propio fillo Xosé Fernando, Amancio Landín e Valle Pérez, Mª Teresa era a primeira admiradora e colaboradora do seu home. Sempre ao seu carón, acompañándoo, coidándoo, animándoo. Coñecendo en primicia a súa obra e alentándoa. El non podería legarnos a súa monumental obra se a súa dona e a súa familia non facilitaran o seu traballo. Todos sentían veneración por el. Eran conscientes ademais da importancia do labor de D. Xosé e da trascendencia das súas actividades. Empezando pola súa muller, continuando polos fillos e polos netos, todos, sen excepción eran cómplices seus e gabábanse coa súa magna obra, que brillaba con luz propia en tantos eidos da cultura e da erudición.
Dna. Mª Teresa era enfermeira de profesión, unha conductora de automóbil moi notable en Pontevedra, “aí vai a muller de D. Xosé Filgueira”, o fillo e D. Amancio Landín téñennos contado algunha simpática anécdota de Dna. Mª Teresa ao volante do seu Seat-850. Outra nota característica súa era a fonda fe relixiosa, como nos diría o seu fillo, unha fe como a do carboeiro. Era unha asidua do rosario, por iso na familia Filgueira-Iglesias sempre se rezou o rosario, moito antes das campañas do padre Peyton, dirixía o mesmo Mª Teresa e remataba, recitando a letanía en latín, D. Xosé.
Unha vez, tristemente falecida, cousa que sumiu na tristura e na melancolía ao seu marido, hai unha anécdota que nos relatou o fillo, Xosé Fernando, na capela ardente rezouse o rosario xunta a outras oracións, o día seguinte volveuse a rezar o rosario; pero ao seguinte, dispoñéndose Araceli a voltar co rosario, D. Xosé dixo, mira non che volvo a rezar outro rosario, eu para falar con Deus non preciso recitar monotonamente avemarías, receino durante máis de cincuenta anos porque lle gustaba a túa nai… Sobran os comentarios para darse conta ata que punto amaba D. Xosé á inesquecible Dna. Mª Teresa, á que Galicia, penso, lle debe tanto. Servan estas verbas como unha sentida homenaxe e como un sinceiro recoñecemento.