viernes, 25 de julio de 2014

FILGUEIRA, DELEGADO DO "JUZGADO ESPECIAL DE REVISIONES" - DEPURACIÓN


Estes últimos días, estiven a traballar no Arquivo do IES "SÁNCHEZ CANTÓN" de Pontevedra, entre outra documentación, manexei o "Legajo 998", que entre outros documentos escritos hai unha serie de carpetiñas sobre mestres, profesores, algún inspector aos que se lle revisan os seus expedientes de depuración, as máis das veces, a instancia persoal e para recuperar os seus cargos ou para solicitar pensión de xubilación. Atópome con situacións lamentables, penosas, debidas ás circunstancias de aqueles momentos históricos cheos de terror, arbitrariedades; en fin, do imperio do absurdo e da crueldade.

Na miña tese de doutoramento terei lugar para tratar máis amplamente estos asuntos relacionados coa miña investigación. O que si quero deixar constancia que de todo ese material documental manexado, podemos chegar a unha conclusión: Filgueira actuou con benevolencia, tratando de favorecer a estas pobres persoas que tiveron que sufrir unha penosa, inxusta e absurda depuración.

Na maioría dos casos aquí estudiados, o "Juez del Juzgado Superior de Revisiones del Ministerio de Educación Nacional" era Pío García Escudero, II Conde de Badarán. Filgueira era o Delegado deste Xulgado especial na provincia de Pontevedra, simplemente por ser director do Instituto de Ensino Medio da capital da provincia, ao igual que o resto dos directores do país naqueles intres, era outra tarefa encomendada aos directores por razón do cargo.

martes, 15 de julio de 2014

XXXVIII MESA DAS VERBAS, 18-07-2014





ESTE PRÓXIMO VENRES DÍA 18, ÁS 21:00 h., CELEBRAREMOS A XXXVIII EDICIÓN DA MESA DAS VERBAS, NO SALÓN DE ACTOS DO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA (RÚA CASTELAO, 5). UN ENCONTRO COA POESÍA, COA PALABRA FEITA VERSO. LEMBRAREMOS ESPECIALMENTE AO SENSIBLE E EXQUISITO POETA QUE FOI MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA, QUE EMPREDEU A VIAXE CARA O ALÉN. EL E OS SEUS VERSOS ESTARÁN PRESENTES CON NÓS, AO LEMBRALO EL ESTARÁ CON NÓS DALGUNHA MANEIRA E NUNCA O ESQUECEREMOS, EXCELENTE POETA, PERO MELLOR PERSOA.

No vindeiro outono organizaremos unha Mesa das Verbas especial como homenaxe do amigo que se foi, José Manuel Olveira Hortas, "Manoel Xosé de Oliveira".

NON VOS OLVIDEDES DA CITA POÉTICA DO VENRES 18.

SAÚDE E POESÍA! 

Nesta oportunidade ceibaron os seus versos ao ar:

Ángeles Conde, Antonio Pinedo, Ramón Torrado, Tere Briones, Eduardo Víctor Castro López "EvCalo", Carmen Abalo, Joaquín Sanmartín, Enrique Brumbéck, Ramón Quintáns, Jean Carballo, Encarna, Andrea Fernández, Xermán Manoel Torres, Manoel Xosé de Oliveira (nas voces dos seus amigos e compañeiros da Mesa das Verbas, que non o esquecerán endexamais).

Buscade na ialma




Se adoitades tremer non

busquedes nas tebras
a escusa “incorrecta”

Buscade na noite,
na caixa do tempo,
as bágoas que laian…
que fungan no vento

Se adoitades chorar non
busquedes nas sombras
algún sentimento

Buscade na ialma,
no berce dun neno,
as verbas que soan,
que berran por dentro

Manoel Xosé
(Grupo Poético Brétema)
  

sábado, 12 de julio de 2014

FOISE MANOEL XOSÉ

MANUEL OLVEIRA HORTAS, "MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA", IN MEMORIAM












Como dicía el "meu caro amigo"; pois tristemente, fóisenos un grande amigo, quen estará agora a tecer os seus fermosos e sentidos versos no polvo cósmico dos espacios interestelares, onde ao fin voará libre, como quería ser e era el, libre, "fieramente humano", orixinal. Descanse na paz e na harmonía un ser entrañable, un amigo insustituible.

Eu coñecín a Manolo no "Club Juvenil Villagarciano", eu fora o segundo presidente na historia, breve; pero, intensa e fructífera historia dese añorado Club, Manolo sería o terceiro, sucedéndome a min. Moito temos traballado, gozado e mesmo sufrido xuntos nese club para organizar moitas cousas con poucos medios, mais con moita ilusión: actos culturais, literarios, deportivos, lúdicos...

El sempre foi amante da poesía, era un fino, exquisito e sensible poeta. Participou na creación e mantemento da revista poética RODADA, nos principios dos anos 80 do pasado século, a revista copiábase e montábase na fotocopiadora propiedade dun gran amigo común, Xosé Lois Vila, "Ulisis Figueroa". Podemos falar dunha xeración de RODADA, de mozos poetas vilagarciáns, entre os que se atopaban xunto a Manolo Olveira, seus amigos Calixto Vázquez Míguez, Jesús Recio,...

Seguía a vida e Manolo chegou a exercer profesionalmente como policía local, primeiro na súa cidade natal, Vilagarcía, e logo en Pontecesures, onde se tivo que xubilar anticipadamente por enfermidade, unha cruel enfermidade que o foi minando lentamente, pero sen pausa. Aínda que el foi exemplar, loitando pola vida, desexando vivir. E así, a derradeira etapa da súa vida transcorreu en Vigo, onde participou en múltiples actividades, sempre axudando, colaborando sempre. Alí foi vicepresidente e "alma mater" do Grupo Poético "Brétema" e do seu magnífico blog, que el mantiña e confeccionaba.

Participou, desde o primeiro momento, na creación da experiencia poética do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, que coñecemos como a MESA DAS VERBAS, todos os meses, puntualmente, contabamos coa presencia e colaboración de Manolo ao fronte de amigos e amigas do Grupo Brétema que el trasladaba no seu coche desde Vigo. Moito botaremos de menos na Mesa das Verbas a Manolo, pero el estará sobrevoando cos seus versos, vitais, valentes versos, coma berros por facer xustiza, por cantar ao pobre e desprotexido, seus laídos non se apagarán, retumbarán nos nosos corazóns. Por sempre, Manolo, na nosa lembranza, no noso ceibar os versos ao ar.

Para saber un pouco máis de Manolo, coas súas propias verbas e ideas, consultade o post ou entrada deste blog con data: sábado 31 de decembro de 2011.

Foise sen facer ruido,
coma un marmurio de auga fina.
Foise Manoel Xosé,
un verso libre,
un home propio, orixinal
deixando forte pegada
en todos nós,
os seus caros amigos e compañeiros
da Mesa das Verbas.

Quedámonos sen un irmán
discreto, silandeiro,
sinxelo coma o vento,
traballador do verso,
coma o líder
que "leva na fronte unha estrela,
no bico un cantar".
Fráxil coma unha delicada flor,
forte coma un irmán maior,
coma un patrón en alta mar.
Todo sentimento, todo tenrura,
era unha ledicia, un amor.

Adeus, Manoel, adeus.

Xermán Manoel Torres  



miércoles, 9 de julio de 2014

AO FIN O ANO 2015, SERÁ O ANO FILGUEIRA



17 DE MAIO DE 2015: DÍA DAS LETRAS GALEGAS DEDICADO A
XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE (PONTEVEDRA, 1906-1996)

FOTO RAÚL

 OBTIDA DA WEB DA RAG

Penso que xa era chegada a hora de dedicarlle este Día das Letras Galegas ao profesor Filgueira Valverde (quen foi director dun instituto modelo, do Instituto de Pontevedra de 1946 a 1976, onde levou adiante un fecundo labor profesoral e demostrou un profundo amor a Galicia e a todo o galego). Méritos ten sobrados nos niveis lingüístico, literario, cultural, no eido da investigación humanística; foi o último gran polígrafo galego, home de moitos saberes, de moitos intereses, de moitas almas. A súa obra por cantidade e por calidade e digna de ser coñecida e valorada, este ano e este Día van a supoñer unha oportunidade para divulgar a súa importantísima obra e a súa extraordinaria figura, sen comparanza polo que significan para Galicia.

Foi un home, un fillo senlleiro da Nosa Terra, que amou como ninguén á lingua galega, as súas letras, a súa cultura; amou con gozo a súa Galicia eterna, pertencente á xeración do Seminario e fillo da xeración Nós, tivo como amigos e mentores a Otero Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas. Estivo intimamente relacionado coas dúas xeracións imprescindibles e máis importantes do século XX galego, el é un dos personaxes fundamentais da nosa cultura nese século, cunha obra fenomenal e cunha personalidade incomparable.

Con menos de 17 anos axuda a fundar e a poñer en funcionamento unha institución insuperable e única para Galicia, desde o punto de vista cultural e científico, efectivamente, referímonos ao inesquecible Seminario de Estudios Galegos, que compre coñecerse e divulgar o seu enorme labor a prol da cultura e da ciencia en Galicia, tamén será unha oportunidade única para rememorar esta senlleira entidade galega.

Terse dedicado á erudición e ao activismo cultural, social e político quizais privounos de que Filgueira puidera dedicarse a súa obra literaria, pero esta é de extraordinaria riqueza: OS NENOS (1925), O VIGAIRO (1927), QUINTANA VIVA (1971)  -narrativa-. AGROMAR (1936, primeira farsa en galego para rapaces), AUTO DE COMO SANTA MARÍA FOI LEVADA AOS CEOS PRA FESTA DA NOSA SEÑORA DE AGOSTO (1969) –teatro-, os seus nove tomos da serie que el titulou ADRAL (1979-1995) –ensaio-, a súa obra de divulgación sobre personaxes de Pontevedra, que aparecían todos os 12 de outubro, PONTEVEDRESES UNIVERSAIS (1956-1995), súa obra poética dentro do movemento neotrobadoresco como a dos dous seus amigos Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro, SEIS CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO (1941, -musicadas por Roxelio Groba-).

Logo está a súa obra erudita e divulgadora, máis de 300 libros e folletos, miles de artigos na prensa escrita, miles de conferencias, non hai recuncho de Galicia onde Filgueira non estivera pronunciando algunha conferencia ou participando activamente nalgún acto cultural. En todo este gran volume de traballo, na súa grande maioría a protagonista é Galicia, o galego ou temas e aspectos relacionados coa Nosa Terra. Era un experto e autoridade, entre outros temas, nas cantigas medievais, en frei Martín Sarmiento e en Camoëns, por citar tan só tres asuntos principais; pero, el escribiu e falou de mil e un temas; en moitos, foi o que abriu o camiño para que outros escritores puideran ir pescudando, foi moi xeneroso cos xoves investigadores e deso dou fe eu, nunca  negou a súa colaboración e axuda a ninguén.

Outra empresa fundamental del e de suma importancia, o Museo de Pontevedra (1929), unha institución museística exemplar, un dos mellores museos provinciais de España e en grande parte obra súa. Aquí tivo como compañeiros e socios fundadores a homes da talla de don Casto Sampedro y Folgar, Castelao, Losada Diéguez (o seu gran mestre e a quen admiraba moito), Sánchez Cantón (gran amigo, que o animou a realizar moitas cousas, entre elas, ser alcalde de Pontevedra). Ao Museo prestoulle gran parte da súa vida, era como un fillo máis, tivo nel grandes colaboradores e discípulos: Alfredo García Alén, Xosé Carlos Valle Pérez (actual director), Xosé Fuentes Alende (actual secretario técnico), quen foron alumnos do instituto, logo alumnos colaboradores (unha grande idea que soubo desenvolver como ninguén o gran profesor e coordinador de equipo de traballo no museo pontevedrés, Filgueira Valverde).


Tamén está a súa dedicación ao mundo político e social, quizais sexa aquí onde recibe grandes incomprensións e ingratitudes, a pesares que prestou grandes servicios en distintos momentos da súa vida, algúns sendo xa un ancián (primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, no primeiro goberno de Fernández Albor, 1983, segundo presidente do Consello da Cultura Galega, 1990, despois da presidencia de Ramón Piñeiro e sendo presidente da Xunta un ex alumno del, da súa etapa luguesa, Fraga Iribarne). Parece que moita xente non lle perdoa que fora alcalde da súa cidade natal (1959-1968), a pesares de ter sido un bo alcalde, tal como nos indicou don Antón Fraguas, outro gran amigo, (1998), e tamén aceptou ser alcalde polos rogos das súas amizades e en contra do parecer do daquela Gobernador Civil. Non é certo que aceptara a implantación de Celulosas, para eso contrástense as actas dos plenos e reunións municipais daquela época. Sobre o de Bóveda, hai que indagar ben e non falar á lixeira. Antes de falar de tópicos, de prexuízos e de expresarse con mala fe, infórmense ben, lean e argumenten con rigor e con datos fidedignos e non con malas paixóns.

Politicamente, era un home de ideas conservadoras, aínda que non era un inmobilista, tiña unha amplitude de miras, coñecía o pasado, sabía ler o presente e tiña ideas de como podería “devenir” o futuro. Era un home afable, colaborador e moi respectuoso. Penso que nunha democracia caben todas as posturas, sen sectarismos e sen carraxes. Quixera ver eu a moitos valentes “progresistas” de hoxe como actuarían nun réxime político baseado no terror e na arbitrariedade, hoxe é moi fácil falar, as portas non teñen cancelas.

Considero que é unha medida xusta e xustificada dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 ao eminente erudito galego, Xosé Fernando Filgueira Valverde; xa era hora!

                                                                                                     Xermán Manoel Torres 

sábado, 5 de julio de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (IV) -COLEXIO AREALONGA-

Xa en Vilagarcía, a raíña da nosa Ría






No curso 1985/1986 tiven como destino o colexio "Arealonga" no que permanecín tres cursos seguidos. Lembro con especial agarimo ao alumnado de 1º e 2º de Primaria, dos que fun titor, a algúns deles xa os coñecía por termos coincidido no Vagalume. Neste colexio participei en múltiples experiencias e actividades. Para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Primaria inventei moitas historias exclusivas das que eran protagonistas unha panda de rapaces e que a eles lles gustaban moito, aínda é hoxe o día que algún deles me preguntan por aquelas nosas historias, foron exclusivamente para eles, pois non atopo os apuntes daquelas narracións. Tamén intentei prender neles o lume polo gusto e goce da lectura e pequenos como eran foron capaces de ter sesións de lectura na biblioteca da aula memorables. Un libro, que manexamos moito e que a min doume sempre, aínda hoxe, moito xogo pedagóxico, foi OS SOÑOS NA GAIOLA de Manuel María, o inesquecible poeta da Terra Chá. Como anécdota, un día entrounos pola fiestra da clase unha pomba cun anel nunha das súas patas. Esto foi todo un acontecemento, e facilitounos a realización do que podíamos chamar unha lección ocasional, aproveitamos para que persoal especializado dunha unidade de coidado de aves e animais da provincia nos explicara todo o referente á colombofilia. Realmente, aquelas nenas e aqueles nenos eran moi alegres e con moitas ganas de aprender.

Co alumnado da chamada daquela, segunda etapa de E.X.B., realicei teatro, primeiro moito teatro lido, nas clases de Lingua, e chegamos a representar a obra de Gloria Fuertes: LAS TRES REINAS MAGAS, facendo de reinas tres nenos debidamente caracterizados. Deseñamos e confeccionamos vestiario, decorados, efectos especiais. Destes últimos vén una anécdota moi simpática, nun momento dado, nunha escena, había un lume, e queimabamos no escenario un pouco de incienso, que pediramos na parroquia, cando se estaba a producir esto, sae moi alarmado de entre o público, un profesor moi coñecido e popular do colexio: Lume! Que hai lume! Eu tiven que tranqulizalo e explicarlle o que acontecía.

Tamén organizamos un cineclub no colexio, aproveitando que había un proxector de Súper-8 sonoro no centro. Fixemos uns ciclos de cine temático (de humor, de romanos, de Chaplin, etc.). Facía os pedidos das películas a Claret Films en Bilbao e as bobinas chegaban por RENFE, logo había que devolvelas, nuns prazos dados, polo mesmo sistema. Creo que lle puxeramos por nome ao Cineclub, LUMIÈRE.

Encargueime da sección de Tecnoloxía e Informática, penso que fomos, modestia a parte, un tanto pioneiros en Vilagarcía destes temas a nivel escolar, sintetizo o que fixemos neste apartado:

- O alumnado, coa miña axuda, organizou un club de informática ao que eles lle puxeron por nome BASIC BOYS.
- Os sábados pola tarde encargábame de abrir a aula de informática para que toda a comunidade escolar puidese asistir.
- Organizamos unha exposición de material informático no colexio, coa colaboración de firmas comerciais da cidade.
- Un alumno co meu asesoramento ideou en linguaxe Basic un programa para xogar coa táboa de multiplicar, que se podía utilizar na exposición xa citada.
- Visita a Aula de Informática da "Escuela Naval Militar" de Marín.
- Viaxe a Vigo, onde estivemos no Centro de Informática e de Datos da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, visita á ETEA, visita ás instalacións e talleres do Faro de Vigo en Chapela, pasando tamén uns intres no Zoo da Madroa.
- Organización dunha venda de rifas, onde se sorteaba material informático, entre este, un ordenador. (Houbo a sorte de que se recadou diñeiro para a aula de informática, e o ordenador rifado, reverteu en beneficio do colexio -un ordenador máis, para aumentar o número dos poucos que había-).
- Petición á Fundación Barrié de la Maza, que nos facilitou unha serie de libros para o colexio.
- Organización de festas para o alumnado no ximnasio, con sesión de música e baile e para recadar fondos, ao mesmo tempo pasar uns intres de agradable convivencia.
- Todo este traballo previo en Tecnoloxía e Informática axudou a que o colexio Arealonga fora seleccionado para ser incluido no programa de informática escolar da Consellería de Educación, dito programa recibía o nome de ABRENTE, dotando ao colexio de profesorado específico e dunha mellor aula de informática.

Ai aqueles primitivos ordenadores, os Commodore, Spectrum! Pero que ben o pasabamos e o moito que aprendiamos. Aqueles cursos foron de moito traballo, de moita ilusión, de moitas iniciativas. Pero todo hai que dicilo, tamén dalgunha desilusión e dalgunha incomprensión; pero, penso que mereceu a pena. Unha lembranza agarimosa para todo o alumnado, as familias e profesorado daquela miña etapa no inesquecible colexio Arealonga de Vilagarcía.