martes, 22 de febrero de 2011

CELEBRACIÓN DA II MESA DAS VERBAS







Como estaba programado o pasado 21 de febreiro, ás 21:00 h., celebrouse o segundo encontro poético baixo a denominación de II Mesa das Verbas, na Sá do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa e baixo a súa organización. A carón dunha mesa presidida pola curuxa que representa a Palas Atenea e con ornamentos vexetais, xuntámonos un grupo de persoas amantes da poesía, acompañáronnos amigas e amigos da Agrupación Poética "Brétema" de Vigo. Fixemos as roldas de intervencións, onde compartiron poemas, as seguintes persoas:

- Enrique Brumbeck (recitador)

- Concepción Estevam

- Daniel Fernández

- María Teresa Manero

- Andrea Fernández

- Jean Carballo (Brétema)

- Carmen Darriba (Brétema)

- Rafa Gómez (Brétema)

- María Palacios (Brétema)

- Tito Porto

- Teresa Cariño (Brétema)

- Ramón Torrado

- Antonio Quiñoy

- Ángeles Conde

- Antonio Pinedo

- Manoel Xosé (Brétema)

- Xermán Torres

- Alfonso Saavedra

Alfonso, dun xeito moi emotivo, fixo lembranza do seu pai, Santiago Saavedra, e recitou dous poemas que D. Santiago compuxo e compartía cos seus familiares e amigos nas datas de Nadal.

Amenizou musicalmente a velada poética, o pianista, Germán Jesús Torres Sánchez, quen nos ofreceu fragmentos escollidos das seguintes pezas:

1.- Suite francesa nº 6 de BACH

2.- Estudio nº 12 op. 25 de CHOPIN

3.- Estudio nº 1 op. 25 de CHOPIN

Rendémoslle unha homenaxe ao poeta vilanovés, José Losada, que publicou dous poemarios, IMPACIENCIAS e TORRES DE ARENA no seu exilio en Bos Aires, lemos dous poemas seus en presencia dos seus curmáns, Mª José e Juan.

Finalizamos o encontro lembrando a Álvaro Cunqueiro (1911-1981) no seu centenario, cantamos o seu poema, NO NIÑO NOVO DO VENTO, na versión de Batallán.

Ofrecemos agora un soneto de José Losada e un poema de Santiago Saavedra:

PODER IMPOSIBLE

(SONETO)

Yo quisiera tener la virtud
de trocar la mentira en verdad,
quisiera, ahora, en la senectud,
cambiar el mal en bondad.

Yo quisiera tener la virtud,
de noche oscura, hacer claridad.
Yo quisiera, con mi inquietud,
llevar la dicha a la humanidad.

Si ese don tuviera del Señor,
que todo lo puede en verdad,
concediéndome el favor

de volver en salud la enfermedad,
mi vida daría con fervor
por salvar a la horfandad.

(José Losada)



Cando naceu o meniño
lonxe estaba de maxinar
que unha cousa tan pequena
me fixera tolear.

Mil muecas e estremonías
fai ao pouco de nacer;
logo veñen as sorrisas
(temblóns e incertos pasos)
e empézache a coñecer.

Xogar con il e un contento,
acochalo é un pracer,
chora con sentimento
e doente nono podes ver.

Alá, polos anos mozos
estiven enamorado,
agora que xa vou vello
polos netos enchouchado.

(S. Saavedra, 1981)

AS FOTOGRAFÍAS SON UNHA XENTILEZA DE MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA (BRÉTEMA).

miércoles, 16 de febrero de 2011

O PAI MANUEL CARREIRA, S.J. EN VILAGARCÍA DE AROUSA

Ofrecemos unhas breves reseñas do magnífico curriculum do ilustre xesuita: "El P. Manuel Carreira S.J., es doctor en Física por su tesis sobre rayos cósmicos con el Dr.Clyde Cowan, y descubridor del neutrino. Su formación también es filosófica y teológica por la Loyola University, Chicago. Miembro del Observatorio Astronómico del Vaticano, ha hecho compatible su magisterio con su labor de profesor de la John Carroll University, Cleveland (Estados Unidos) y de Filosofía de la Naturaleza en Comillas (Madrid). INTRODUCCIÓN: El P. Manuel M. Carreira, S.J. es Licenciado en Filosofía por la Universidad de Comillas y de Teología por la Universidad Loyola de Chicago. Su formación como científico incluye el Master en Física (John Carroll Univ., Cleveland) y el Doctorado con una tesis sobre rayos cósmicos (The Catholic Univ. of America, Washington). Desde 1970 ha ejercido la docencia e imparte conferencias por distintos lugares del mundo sobre temas que relacionan la ciencia actual con la problemática filosófica y religiosa". APROVEITEMOS A OPORTUNIDADE ÚNICA DE ESCOITAR AO PAI CARREIRA E DE DEBATER CON EL AQUÍ EN AROUSA, VERÉMONOS, SE DEUS O QUERE, O DOMINGO 27 DE FEBREIRO NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA, ÁS SETE DA TARDE.

Neste enlace podemos ver un vídeoclip de D. Manuel Carreira:

http://www.youtube.com/watch?v=528PV7tAXQc


OS CARTEIS SON DA AUTORÍA DE J.M. MARIÑO, UN DOS COLABORADORES DESTE ACONTECEMENTO.

TAMÉN COLABORA NA POSIBILIDIDADE DE DESENVOLVER ESTE ACTO O CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA.

A ORGANIZACIÓN POR PARTE DOS ARCIPRESTADOS DE AROUSA, SALNÉS, RIBADUMIA, E UMIA. FORMOUSE UNHA COMISIÓN ORGANIZADORA QUE XUNTO COS ARCIPRESTES, COORDINADOR DA ZONA NORTE DA VICARÍA EPISCOPAL DE PONTEVEDRA, FORMARON PARTE MEMBROS DAS PARROQUIAS DE S. CIPRIÁN DE VILANOVA DE AROUSA, SANTA MARIÑA DOZO DE CAMBADOS, E SANTA BAIA DE AREALONGA DE VILAGARCÍA DE AROUSA.

II MESA DAS VERBAS


O luns 21 de febreiro, ás 21:00 h. e no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, celebrarase un segundo encontro poético coa denominación MESA DAS VERBAS, aberto á participación dos socios e público en xeral. Compartiranse poemas, respectando as quendas de participación para que todo o mundo teña oportunidade de intervir. Seremos moi escrupulosos cos tempos, de inicio, de participación, tentarase que o acto non exceda moito da hora de duración.

Renderemos unha pequena homenaxe ao vilanovés, José Losada, quen foi un poeta da diáspora galega en Bos Aires e a Álvaro Cunqueiro, do que se celebra o centenario do seu nacemento.

Nesta oportunidade, teremos música en vivo, correrá por conta do pianista, Germán Jesús Torres Sánchez, quen nos ofrecerá fragmentos escollidos de pezas de BACH e CHOPIN.

Tamén é posible a participación dalgún rapsoda, que interpretarán e declamarán poemas de poetas coñecidos e populares.

Temos pois, unha cita coas musas, presidirá o encontro a deusa Palas Atenea, baixo a forma dunha curuxa. Están todos e todas convidados.

domingo, 13 de febrero de 2011

AUXILIA, BREVE PERO ILUSIONANTE EXPERIENCIA EN AROUSA



Nas décadas dos 70 e 80 do pasado século, levouse a cabo en Vilagarcía de Arousa e comarca unha experiencia digna de lembrar e que foi mágoa que esmorecera por falta de relevo. Dita experiencia era alentada polo equipo directivo do Colexio Sagrada Familia, estaban á fronte dúas filipenses de grata lembranza, a madre Lourdes e madre Aurora, participaban tamén alumnos/as, ex alumnos e amigos da comunidade filipense. Formouse naqueles anos un grupo estable de AUXILIA, institución de orixe belga moi arraigada en Barcelona e aquí en Galicia había grupos notables en Lugo, Ourense, e Vigo. Dita institución perseguía e aínda persigue, mágoa que aquí xa non haxa grupo, a plena inclusión e promoción das persoas discapacitadas fisicamente, na experiencia vilagarciana tamén traballamos e disfrutamos con discapacitados psíquicos. Daquela, na nosa comarca, as persoas discapacitadas estaban totalmente abandonadas e á maioría das familias dáballe vergoña manifestar que un dos seus membros era discapacitado e moitas veces trataban de os ocultar.

AUXILIA (cando non había centros específicos de educación especial nin con moito se falaba de inclusión das persoas con necesidades especiais nos centros ordinarios de ensino) ofrecía clases a domicilio e a distancia (por correspondencia) co apoio dunha revista propia que levaba o mesmo nome que a organización, para estas persoas discapacitadas, abandonadas e olvidadas pola sociedade. Existía un voluntariado que colaboraba de bo grao coa filosofía de AUXILIA, todos estabamos moi unidos, monitores e persoas con algún tipo de discapacidade. Traballábase con nenos e mozos, pero tamén con persoas adultas.

Eu participei moi activamente naquela grata e inesquecible actuación con persoas como nós, quen non ten algún tipo de discapacidade! Eu pensaba xa daquela e agora aínda máis, quen non é discapacitado en maior ou menor medida? AUXILIA axudoume a tomar conciencia dunha realidade, moitas veces oculta. Eu algo aportei, pero foi moito o que recibín.

Os membros de AUXILIA ademais de dar clases, tentabamos de que os discapacitados participasen activamente na vida social, que atoparan algún traballo ou actividade acorde coas súas características persoais, pero, tamén na vida do ocio e da diversión. Íamos todos aos bares, discotecas, canchas deportivas, actividades culturais e relixiosas; paseos polas vilas, baños nas praias, organización de colonias de verán,... Buscando unha vida o máis normalizada e autónoma posible.

Que eles se incluiran na sociedade, que non houbera “ghetos”, organizabamos viaxes e as tan queridas e lembradas colonias de verán. Eramos todos amigos en plano de igualdade, deso se trataba. Eu podería contar mil e unha anécdotas e vivencias que foron moi importantes na miña vida e na visión que me fun facendo dela. Xa dixen que non só daba, senón que recibía, moito máis do que eu poidera dar. Foi algo moi enriquecedor para todos e moi bonito no tempo que durou, lástima que non tivera continuidade, os camiños da vida, novos destinos; en fin, unha pena que alguén non continuase coa experiencia.

Nese precioso tempo pasado, fixemos moitas cousas. Atendéronse moitas persoas e familias, faciamos reunións periódicas no colexio filipense, festas para todos. Organizamos unha subasta para recadar fondos, que fora todo un acontecemento na cidade, na pista polideportiva (que se usaba como sala de usos múltiples) do antigo Liceo Marítimo, na súa antiga sede de Ravella, algúns festivais no antigo Cine Arosa, cedido gratuitamente para tal fin. Un deles, se non me falla a memoria o 6 de maio de 1978, que presentamos Mª José Rubianes e mais eu (tal como se comproba nunha das imaxes). Neste festival participaran grupos artísticos da zona e tivera unha sonada actuación o mítico Xan das Canicas. Outro festival moi emotivo por múltiples circunstancias foi o que contou coa actuación totalmente xenerosa do lembrado cantante galego, Suso Vaamonde, envolto naqueles intres en dificultades, pero non faltou á cita e encadilou ao numeroso público asistente.

Eu mantiven unha relación moi especial, cun amigo, Juan Luis Seoane, un carrilexo, ao que a vida non lle resultou nada fácil, agardo que donde estea todo lle vaia ben, xa fai moito tempo que non sei nada del (na imaxe estamos xuntos, nun dos nosos numerosos paseos, que dabamos pola nosa cidade), tamén eramos asiduos seguidores do fútbol do noso Arousiña. Que tempos aqueles, xa non voltarán! Quédannos as lembranzas, a amizade, os tempos de loita, nos que se ían dando pasos e conquistando novas metas e rachando con tantos prexuízos, cousas que hoxe están asumidas, naqueles tempos costaban moitos sacrificios e incomprensións. Pero, pagou a pena e AUXILIA fixo un gran labor que compre lembrar e recoñecer.

AUXILIA pretendía e penso que pretende, aínda que eu agora estou totalmente desvinculado da asociación, facer xustiza cos máis débiles, e tiña un soño, a plena inclusión dos discapacitados na sociedade por medio dos estudos, do traballo, da vida social e de lecer. Unha sociedade para todos, onde os distintos tamén contan, e todos somos distintos. Ese ideal que vivín de mozo, con outros mozos, aínda é posible, ese soño de M. Luther King, dunha sociedade igualitaria e xusta, na que todos cabemos, é un soño polo que compre traballar, e eu ademais de noutros sitios, mameino na añorada AUXILIA.

domingo, 6 de febrero de 2011

CONCURSO TEATRAL




I CONCURSO DE CREACIÓN TEATRAL
“MANUEL REY POSSE”

ORGANIZADO POLO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA



B A S E S


1.- O Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa convoca o I CONCURSO DE CREACIÓN TEATRAL “MANUEL REY POSSE”, en homenaxe a este querido, popular e lembrado artista local e socio de honra da nosa sociedade. Poderán participar nel todas as persoas que así o desexen e o xulguen oportuno, nunha única categoría, aberta a todas as idades e que someten as súas obras ao indicado nestas bases e á valoración do xurado do concurso que serán quen de xulgar a calidade e mérito suficiente das obras, para seren no seu caso agraciadas cos distintos premios.

2.- As obras poderán ser de calquera xénero e modalidade de teatro, a condición necesaria e indispensable é que estean escritas en lingua galega, seguindo a normativa vixente para a nosa lingua emanada das directrices da Real Academia Galega.

3.- Cada autor/a só poderá participar cunha única obra, que será presentada mecanografada a doble espazo, encadernada e coas páxinas numeradas.

4.- A temática será totalmente libre; pero, ha ser respectuosa coas persoas e institucións e non atentará contra os valores de defensa dos Dereitos Humanos e de Igualdade de Xénero, o que non impedirá que sexa crítica, chea de creatividade e orixinalidade.

5.- Estableceranse tres premios:

1º) Premio, que será dotado con 600€

2º) Premio, dotado con 300€

3º) Premio, cunha dotación de 150€

Os premios non poderán ser declarados desertos, agás que non haxa o número suficiente de obras para adxudicalos todos. A súa adxudicación será sempre partindo do primeiro.

6.- As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Liceo Casino, que poderá, se hai lugar e oportunidade, publicalas ou representalas (xestionándose as estreas con grupos locais de teatro e para representar na seguinte edición da SEMANA DE TEATRO “MANUEL REY POSSE”, que organizará cada ano o Liceo Casino. Os dereitos da primeira posible edición e da estrea serán cedidos polos autores en beneficio do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. As seguintes, devengarán en beneficio dos propios autores/as.

7.- O veredicto do xurado será inapelable e será o único autorizado para a interpretación e execución destas bases.
8.- O xurado estará formado por:

a) O Presidente do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, quen poderá delegar en calquera membro da súa Xunta Directiva. Exercerá como Presidente do Xurado.

b) Un docente especialista en lingua e literatura galega ou un escritor/a, designado polo Liceo Casino.

c) Un representante da Admón. Pública ou Entidade privada que subvencione esta actividade, designado por elas mesmas.

d) Un representante dos grupos de teatro locais, nomeado polo Liceo Casino.

e) Un representante dos medios de comunicación locais, designado polo Liceo Casino.

f) O Xerente do Liceo Casino, que actuará como Secretario do Xurado con voz, pero sen voto.

O xurado para poder actuar, estará alomenos constituido pola metade dos seus compoñentes, este será o quorum mínimo.

Ao final das deliberacións elaborarase unha acta, comunicarase o resultado aos premiados e aos medios de comunicación social.

9.- As obras serán enviadas ao Liceo Casino, R/ Castelao, 5 – 36600 Vilagarcía de Arousa por correo ordinario, indicando no sobre o nome do concurso. Enviaranse baixo plica con lema, incluindo nun sobre pechado co mesmo lema os datos identificativos do participante (nome e apelidos, NIF, enderezo postal, números de tlfno., correo electrónico).

10.- O prazo de entrega de orixinais rematará o 15 de marzo de 2011, as obras que cheguen fóra de prazo non serán tidas en conta baixo ningún concepto.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados nas instalacións do Liceo Casino en horario de oficina, demostrando co NIF a súa identidade e asinando un recibí. Transcorridos tres meses despois da entrega de premios, as obras non premiadas serán totalmente destruidas.

11.- A entrega de premios será o día 25 de marzo de 2011, no transcurso da clausura da SEMANA DE TEATRO “MANUEL REY POSSE”, que se celebrará dito día a partires das 21:00 h, no Salón de Actos do Liceo Casino. Prégase encarecidamente a tódolos premiados/as acudan a ese acto a recibir persoalmente o seu premio, previa a correspondente identificación. (Os premiados asinarán un recibí e un documento de cesión de dereitos, tal como se recolle nestas bases).

12.- Os premios, se é o caso, estarán suxeitos á fiscalidade vixente.

13.- O galardonado/a co 1º premio será invitado a participar no xurado da seguinte edición.

14.- A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das presentes bases.



Vilagarcía de Arousa, 31 de xaneiro de 2011