domingo, 22 de marzo de 2015

UNHA CARTA DE VIRXINIA, VIÚVA DE CASTELAO


Do epistolario de Filgueira Valverde (que consultamos no Arquivo Provincial en Pontevedra), reproducimos unha significativa carta da viúva de Castelao, que aparte da dor pola perda do seu lembrado esposo, reflicte dificultades na vida de tan ilustre señora, coa que Galicia ten unha clara débeda, que sería pagada coa debida difusión e posta en valor da obra do irrepetible Castelao. A carta que non leva data, sen dúbida pertence ao ano 1952.



                                                       "Sr. D. José Filgueira Valverde
                                                     Director do Museo de Pontevedra


                       Mi distinguido amigo:


Creo interpretar fielmente el sentir de mi llorado esposo y cumplir un deber de gratitud hacia ese Patronato del que fue miembro fundador al ofrecer al Museo de Pontevedra el conjunto de sus apuntes, dibujos, originales y los libros de su pequeña biblioteca, asegurando así que lo mejor de su obra quede reunido y en esa ciudad, donde precisamente fue producido. Al propio tiempo, cedo los derechos de edición y los que pudieran caber para la reivindicación de lo que fue incautado. Mi situación no me permite, como fuera mi deseo, hacer donación de todo ello; por eso acepto la cantidad de trescientas mil pts.
Le ruego reciba y trasmita a los miembros del Patronato el testimonio de mi consideración y afecto".


                           [Firma]:     Virginia V. de Castelao

miércoles, 18 de marzo de 2015

XLV MESA DAS VERBAS - 20 MARZO - 19:30 H.


No Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía, na rúa Castelao, 5, este próximo venres, 20 de marzo e ás 19:30 h., un grupo de amantes da poesía ceibaremos os nosos versos ao ar. Todas as persoas que o desexen teñen as portas abertas do Liceo Casino para gozar da inspiración das Musas. Dedicaremos uns intres para admirar, lendo, declamando, escoitando uns fermosos sonetos escollidos. Aprenderemos da técnica e da estética do soneto. Estades todos invitados, vinde!

Lembrade tamén que o día 21 comeza a primavera neste hemisferio e no outro comeza o outono; coincidindo con estes fenómenos naturais celebramos o Día Internacional de Poesía.

Ceibaron os versos ao ar:

M. Carmen Abalo
Antonio Quiñoy
Ramón Torrado
Alejandro Guanella
Tere Briones
Tito Porto
José González
Jean Carbalho
Encarna
José Ramón Quintáns
Xermán Manoel Torres

Gozamos coa lectura e composición de sonetos. Sonetos clásicos, de Fermín Bouza Brey, con algúns sonetos compostos por parte dalgúns asistentes.

Quedamos que a XLVI MESA DAS VERBAS terá lugar o venres 25 de abril de 2015, ás 19:30 h. Dedicaremos un tempo a poemas satíricos.

miércoles, 11 de marzo de 2015

CALDAS DE REIS NA LEMBRANZA - SR. MANOLO, O DA LUS


Aínda semella que foi onte, lémbrome do señor Manolo Campos, a quen coñeciamos como señor Manolo, o da lus, porque traballaba na compañía eléctrica FENOSA, e cun gancho insertado nunha varilla de madeira ía á noitiña encendendo o alumeado público da vila caldense, premía no interruptor de cada punto de luz con aquel artiluxio de confección caseira, eran aqueles tempos de precariedade onde o enseño e as habilidades manuais e artesanais ofrecían solucións aos problemas cotiás. Señor Manolo era un home tranquilo, cordial e moi servicial. Relacioneime moito coa súa dona e as súas fillas e fillo porque eramos veciños, viviamos moi preto deles.

Á hora en que o señor Campos se dispoñía todos os días ao encendido do alumeado, os nenos de Caldas estabamos xogando nas rúas, tiñamos xogos moi variados:

- Os cartóns, coas fermosas imaxes e figuras de variados temas (castelos de España, traxes rexionais, uniformes militares, paisaxes, etc.) que viñan nas caixas de mistos, soltabámolos apoiando nunha parede, se montabas por riba dos que estaban no chan, gañábalos todos. Non podedes maxinar as liortas que se formaban por discusións e opinións distintas neste xogo, que máis adiante, cando chegaron os cromos, aplicabamos para desfacerse dos repitidos. Aparte dos típicos do fútbol, recordo unha colección de cromos mítica, que se chamaba VIDA E COLOR, tamén a colección de cromos que viñan cos chicles DUNKIN e que se chamaba OCEANÍA, eu aínda conservo o albume destes cromos.

- As bolas, ao comezo do curso sempre viñan as bolas, ás que xogabamos en distintas modalidades, por exemplo ao guá, ao truquele-truquele.

- As buxainas (tamén trompos), sobre todo polo San Martiño, trompos ao camiño. Xogabamos moito coas buxainas, había nenos que eran verdadeiros artistas. Recordo unha modalide un tanto bruta, poñíanse as buxainas dentro dun círculo marcado no chan, lanzábase unha buxaina contra elas, a quen lle tocaba, moitas veces destrozábase totalmente algunha das que estaban no círculo.

- Pompas de xabón, cun anaco de xabón de lavar a roupa (o famoso xabón Lagarto), mezclado nun recipiente con auga e logo de remexer, cunha palliña, recollida no campo, facíanse as pompas. Un as lanzaba desde unha altura e os outros tratabamos de pillalas.

- Os pelouros, con pedriñas pequenas e redondeadas xogabamos acompañando cunha cantiga a coller os pelouros na man, sen soltar e sen que caeran os que xa tiñamos collido.

- Obxectos de madeira, xogabamos con moitos obxectos que nós faciamos con madeira, como por exemplo unhas fermosas espadas, ou os tiratacos.

- Casca de piñeiro, con ela esculpiamos variados obxectos, entre eles, uns barquiños que logo poñiamos a navegar polo río Pequeno (hoxe desaparecido). Cos barcos e con pequenos estalos fabricado con mistos, aos que cubriamos a cabeza con papel de prata, logo prendiámolos e semellaban pequenas bombas de palenque. Con todo esto xogabamos a simular o combate naval, mellor combate fluvial, como se celebraba nas festas de agosto, as festas de San Roque, no río Umia, fronte ao parque xardín, preto do campo da feira, da carballeira, onde se desenvolvían as verbenas e os concertos. Lémbrome que case sempre actuaba a Banda de Lantaño, co seu inesquecible director, o señor Laguarta.

Que tempos aqueles dos xogos e dos soños, engaiolados nos tempos da infancia!

lunes, 2 de marzo de 2015

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - XOSÉ CARLOS VALLE (IV)


Imos rematar os nosos apuntamentos sobre a conferencia de X. C. Valle no XIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, nesta última entrega o Sr. Valle Pérez refírese fundamentalmente á

ALCALDÍA

Xosé Fernando Filgueira Valverde toma posesión da alcaldía de Pontevedra, tal como anotou na súa axenda, o día 10 de novembro de 1959, Santa Florencia, ás 12:30 h. Pola tarde dese mesmo día, asiste en Cambados ao enterro do Poeta da Raza, Ramón Cabanillas.

Filgueira foi alcalde no franquismo, mais non foi un alcalde franquista.

O seu labor foi moi importante para a cidade: Urbanización da Xunqueira, creación do barrio de San Antoniño, No Ano Santo de 1965, importante peregrinación a Pontevedra relanzando o Camiño Portugués, a declaración da festa de San Benitiño como Festa de Interese Turístico, revalorización de Lérez como zona turística, Festivais da Canción, ponse en marcha ENCE (1963) como culminación dun proxecto anterior, funciona Tafisa (buscábase emprego e riqueza industrial). A implantación dunha celulosa e aproveitamento de todo o proceso pastero, e da repoboación forestal era un proxecto dos anos 30 do pasado século coa idea da industrialización de Pontevedra e xeración de riqueza para a cidade, descoñecíanse as consecuencias ambientais.

Hai un desvelo de Filgueira por preservar a riqueza monumental e artística. Tíñase a idea de conservar e potenciar o carácter histórico. Filgueira como todos somos fillos do noso tempo, e das zonas monumentais e artísticas pretendíase recuperar o seu estado primitivo. Fixo todo o posible por repectar e conservar a enorme riqueza monumental. Coidou como alcalde o patrimonio histórico-artístico.

E así rematamos as referencias a este memorial, agardando que cheguemos ver a realidade dun novo memorial, o XIV, do que se chegamos alá, tamén daremos conta.