domingo, 21 de enero de 2018

7 ANOS DE MESA DAS VERBAS

Tal día coma hoxe fai sete anos nacía no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa a experiencia poética Mesa das Verbas, trátanse duns recitais poéticos mensuais abertos á participación de todo aquel que o desexe. Levaremos LXXVIII edicións seguidas; é dicir, setenta e oito meses seguidos ceibando versos ao ar de Arousa e facendo amizades ao carón quente de poemas compartidos, sentidos e vividos. Nada máis simple e maís complexo que compartir poemas nun marco de amizade e liberdade. Cada quen pode expresar poeticamente o que queira e responsabilízase e comprométese coas súas verbas.

Nesta segunda etapa, contamos coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa e en moitas ocasións coa axuda de Deputación Provincial de Pontevedra, así como tamén do Centro Comercial Arousa, na magnífica persoa do seu director, Luís González de la Ballina González.

Felicidades e noraboa a todos os amantes da poesía que teñen participado, seus nomes foron citados e serán tantas veces en entradas deste blog. Sen esquecer aos amigos do Grupo Poético de Vigo, chamado Brétema, que estiveron aí desde o primeiro momento.

Algúns queridos amigos xa partiron na nave que nunca ha de volver, como Manuel Olveira, María Palacios, Gonzalo Bouza Brey, Xosé Lois Vila Fariña (a quen lembraremos especialmente o próximo sábado), partiron pero queda o eco dos seus versos, das súas verbas, que por sempre soarán neste querido ar de Arousa.

Amigas e amigos temos Verbas o próximo sábado ás 18:00 h., na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, agardámosvos alí.

ACOMPAÑAMENTO MUSICAL DO CORO VOCES AMIGAS DE VILAGARCÍA




Compartiron connosco a sesión poético-musical as estupendas compoñentes do coro Voces Amigas, maxistralmente dirixido por Tamara Casás, ofrecéronnos nove magníficas cancións do seu repertorio, coas que pudemos viaxar por distintos países da querida Hispanoamérica e aterrar na nosa amada Galicia. Viaxamos coas cancións e cos versos.


Nesta oportunidade, na que lembramos nas verbas e nos versos ao noso querido amigo Xosé Lois Vila Fariña, ceibamos os nosos versos ao ar de Arousa:

Tito Porto
Antonio Quiñoy
Sylvie Rico
Isaura Lago
Enrique Brumbéck
Ramón Torrado
Jean Carbalho
Isabel Peleteiro
Xosé Ramón Quintáns
Carme Darriba
Augusto Guedes
Alejandro Guanella
Manuel Lage
Xermán Manuel Torres






A LXXIX edición da Mesa das Verbas terá lugar o sábado, 17 de febreiro, ás 20:00 h. na Sala de Xuntanzas do 3º andar do Centro Comercial Arousa, co gallo de San Valentín, onde o amor será protagonista; pero xa falaremos disto. Ata outra millorada!

martes, 16 de enero de 2018

FILGUEIRA, PREGOEIRO (IV)



A faceta de pregoeiro en Xosé Filgueira Valverde

(Recollida no Catálogo (1996) de Mª Xesús Fortes Alén e nos Adrais de Filgueira Valverde)


       2.563 – Pastores de Galicia. Pregón da Campaña “Paz en la Tierra”. 21-XII-1967. (C. 499). P. 115.
       2.624 – Pregón da Campaña “Paz en la Tierra”. Inauguración da restauración da Sala do Capítulo do Convento de San Francisco. Pontevedra.23-XII-1970. (C. 544). P. 117.
       2.767 – Pregón da Festa da Muiñeira. Pontevedra, 1-VI-1974 – 122.
       2.768 – Pregón da Festa do Salmón. A Estrada, 2-VI-1974. – P. 122.
       2.940 – Pregón do Albariño. Cambados, 7-VIII-1977. P. 127.
       3.298 – Pregón do “Nadal Galego”. Centro Cultural de “Belén Electrónico”. Begonte, 18-XII-1982. (C. 999). P. 137.
       3.454 – Pregón da Festa da Muiñeira. Pazo de Raxoi. Santiago de Compostela, 25-V-1984. (C. 1067). P. 142.
       3.476 – Pregón para as Festas de Cangas. Concello de Cangas do Morrazo, 25-VIII-1984. P. 142.
       3.844 – Pregón e Ofrenda das Festas de San Roque. Vilagarcía de Arousa, 13-VIII-1988. (C. 1.223). P. 153.
       3.996 – Pregón de Semana Santa. Colexiata. A Coruña, 31-III-1990. (C. 1.296). P. 157.
       4.482 – Pregón da Feira do Libro. Pontevedra, 12-VIII-1995. (C. 1.579). P. 171.



PREGÓN NOS ADRAIS


       “Pregón para as festas de Cangas” en Quinto Adral (1989) 57; 223-225.
       “Pregón para unha Semana Santa de Viveiro, 1978” en Octavo Adral (1994) 28; 171-178.
       “Pregón para unhas festas do Apóstolo” en Terceiro Adral (1984) 22; 136-142.


REFERENCIAS A PREGÓN


       11 no Catálogo de Mª Xesús Fortes Alén (1996)
       3 nos Adrais (1984, 1989, 1994).


Deste xeito rematamos as entradas referidas á faceta de pregoeiro de Xosé Fernando Filgueira Valverde e a lembranza ao seu pregón das Festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa en agosto de 1988.


miércoles, 3 de enero de 2018

Xosé Lois Vila Fariña, voa libre polo ar de Arousa-03-01-2018

Vila Fariña no centro da imaxe nunha das primeiras Mesas das Verbas na rúa


Xosé Lois Vila Fariña
voa xa ceibe polo ar
da súa benquerida comarca
de Arousa - Salnés.

Seu espírito anda ceibo
polas corredoiras,
polos máxicos montes
do seu amado Baión.

Chouta de penedo en penedo,
de lenda en lenda
na busca da verba cumprida,
das historias agochadas
en cada arquivo,
en cada monumento
do seu idolatrado Concello.

Nos montes de Baión
xa choran as meigas e os meigos,
as curuxas e os mouchos
ventan que xa marchou
o druída de Baión,
o amante dos celtas fuxidíos; 
os carballos das fragas
agora quedan sós.

Vilanova de Arousa xa ten
unha lumieira,
que alá no alto do ceo,
máis aló do tempo
e das estrelas
velará polos acontecementos,
polas xentes queridas
dos tempos idos.

Voa, Lois, libre,
valente como sempre,
incómodo e tenro,
triste en enrabechado coas inxustizas.

Amigo, ti querías unha Arousa
culta, amante do seu pasado,
atarefada e xusta co presente,
esperanzada e engaiolada co futuro.

Voa, Lois, por sempre
e aterra nos nosos corazóns
para que loitemos polo pobo
e fagamos unha Terra libre
e máis igualitaria.

Voa, Lois, voa xa libre.

In memoriam

Do teu amigo e admirador, Xermán Manuel Torres, no nome das túas amigas e amigos da Mesa das Verbas, que endexamais te esquecerán.

As miñas primeiras lembranzas dun contacto directo e moi cotián con Lois, veñen dos tempos do que eu chamo xeración da Revista RODADA do Club Xuvenil Vilagarcián, alá na pasada década dos anos 80 do pasado século XX. Dita revista tirábase na súa famosa fotocopiadora, de onde tamén saía a súa revista O NOSO POBO. Daquela, colaborabamos e tiñamos os nosos soños e ilusións xunta a Vila Fariña, o lembrado Manuel Olveira, Jesús Recio, Calixto Vázquez, Antonio Recio, Mario Vázquez, Andrea Fernández, Loreto Conde, entre a mocidade que frecuentaba o Club Xuvenil Vilagarcián, entidade moi visitada por Vila, naqueles froitosos anos.

Daqueles tempos xorde un proxecto nunca cumprido, o PROXECTO TRÉVERIS, idea de Vila Fariña, que consistía nunha peregrinación de Compostela a Tréveris e de Tréveris a Compostela. Cousa que non puido completar Prisciliano. Nin nós fixemos nunca xuntos, como tiñamos proxectado facer cun grupo de amigos. Lois matinaba na teoría de que no sartego que se venera na Catedral de Santiago, quen está alí, realmente, é o bispo heterodoxo, Prisciliano. Lois, ao seu xeito, tamén era un heterodoxo.

Lois era un autodidacta, un home moi intelixente e loitador interesado pola cultura, un apaixonado da historia e da lectura e da escritura, cunha considerable obra publicada, en grande parte nas EDICIÓNS CARDEÑOSO. Da súa grande produción eu destacaría dúas monografías moi valoradas, a dedicada ao Monte Lobeira e ao xeógrafo e erudito Domingo Fontán.

Outro tema do seu grande interese era a teoría do Colón galego, sobre este tema escribiu unha peza de teatro representada no seu día en Pontevedra.

Precisamente, a Mesa das Verbas xurdiu nuns recitais poéticos e nunha homenaxe que lle rendemos na Residencia Divina Pastora de Vilagarcía ao propio Vila Fariña co gallo da súa publicación en lembranza do seu paso por dita residencia, alá polos anos 2010 e 2011. El participou nas Mesas das Verbas da primeira etapa.

Foron moitos anos de amizade e de complicidade, o oco baleiro que deixa o amigo Xosé Lois Vila Fariña quedará por sempre así, oco, baleiro... Soio o enchen os felices encontros e tantas xuntanzas e experiencias de tipo cultural e artístico que compartimos xuntos. Brindo unha copa por ti, amigo, dese albariño, ambrosía dos deuses da túa terra. Por sempre, Lois.

Nunha imaxe de José Luiz Oubiña, Vila Fariña coa súa querida nai