miércoles, 29 de octubre de 2008


VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntes do 28/10/2008



O martes 28 de outubro de 2008 ás 20:00 h. inaugurouse o VII Memorial de Xosé Fernando Filgueira Valverde, precisamente na data da conmemoración do seu 102 aniversario. Comezou o acto cos discursos protocolarios das autoridades e representacións da Deputación Provincial, Universidade de Vigo, Museo de Pontevedra, Fundación Filgueira e CaixaNova. O memorial está sendo organizado pola Cátedra Filgueira, durante, ademais do día citado, o 29 de outubro e 4, 5, 6 de novembro. O último día consistirá nun concerto titulado A MÚSICA NA GALICIA DE ALFONSO VI. Precisamente o memorial xira sobre a figura dese rei de Castela, de León e de Galicia.

Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, comeza presentando ao conferenciante, Juan Ignacio Ruiz de la Peña y Solar, Catedrático de Historia Medieval na Universidade de Oviedo e o título da súa ponencia: ALFONSO VI E A PEREGRINACIÓN A SANTIAGO. Comenta que o memorial sempre tivo espírito anticipatorio, por iso se adica á figura de Alfonso VI, xa que no ano 2009 celebrarase o ano de Alfonso VI. Preguntábase Valle Pérez, por que Alfonso VI? En síntese, respostaba coa seguinte argumentación:

- Foi un rei moi importante
- Europeísta
- Axudou a consolidar as peregrinacións a Santiago de Compostela como fenómeno de masas
- Colaborou ao desenvolvemento do monacato benedictino.
- Impulsou o románico
- Participou na orixe do reino de Portugal

En canto ao conferenciante indicou Valle Pérez:

- É un luxo poder contar hoxe aquí co profesor Ruiz de la Peña, co que me une unha vella amizade
- É un dos mellores especialistas na Idade Media, sendo Catedrático de Historia Medieval na Universidade de Oviedo
- Especialista no fenómeno urbano medieval
- Autor de importantes investigacións sobre as peregrinacións a Santiago, nas que se reflicte como Alfonso VI axudou a consolidar o Camiño das Peregrinacións a Compostela
- Nestes temas é autor dunha impotantísima bibliografía, de obrigada consulta.


Seguidamente, intervén o profesor Ruiz de la Peña y Solar, que empeza cos agradecementos por ter sido invitado a participar neste memorial e facendo a observación de que as instalacións museísticas de Pontevedra son das mellores de España, e deberan ser causa de satisfacción para todos os pontevedreses.
Entrando xa na materia da súa conferencia, indica que Alfonso VI, Rei de Castela, de León e de Galicia foi un rei capital na historia do noso país, contribuiu ao proceso de consolidación e internacionalización das peregrinacións a Compostela, baixo a súa tutela favoreceuse o desenvolvemento do Camiño. Sinala que no seu reinado deuse un salto territorial do Douro ao Teixo (1085).
A propia figura do monarca fai as súas concesións á Sé de Compostela e favorece as peregrinacións ao relicario da Arca Santa de San Salvador de Oviedo. A acción renovadora do rei sobre as peregrinacións e o Camiño de Santiago consisten:

- Eliminación de obtáculos fiscais
- Construcción de redes viarias
- Creación de novas cidades, repoboación cos chamados francos, que se dedicaban fundamentalmente as actividades mercantís e artesanais

Tamén produciuse unha acción renovadora do Camiño, que estribaba en:

- Reforzamento do Camiño Francés e a desviación asturiana
- Incremento demográfico
- Desenvolvemento económico
- Ordenación urbana, creación de novos burgos e cidades, co outorgamento de cartas de poboación e de foros, podemos falar dunha fundación urbana tipo ou piloto, como foi a fundación e aforamento de Sahagún, tamén fundou a vila de Logroño (1095 –Davit bonam vila, 1085-)
- Grandes transformacións no Camiño Francés, supresión de gravames para facilitar o paso dos peregrinos de Santiago (1072)
- Mantemento da seguridade (tutela rexia, deber de socorro aos transeúntes: pobres e peregrinos).
- Fundación dunha ampla rede hospitalaria e atención aos pasos de montaña
- Fortalecemento das cidades episcopais
- Activación da economía coa creación de novos mercados, feiras e medidas fiscais e impositivas para as cidades

Todas estas medidas contribuiron a converter o Camiño de Santiago nun espacio vertebrador do crecemento urbano e económico, co nacemento e relanzamento dunha nova clase social, a burguesía.

En 1109 finou Alfonso VI, a estas alturas as peregrinacións a Santiago son un fenómeno de masas. Algúns elementos empañaron o final dos seus días:

- As novas conquistas dos almorávides
- A morte do seu fillo (sendo un neno)
- A sucesión calamitosa de Dna. Urraca nos seus dominios

Pero esto último, non pode eclipsar o gran labor deste magnífico rei que foi Alfonso VI de Castela, de León e de Galicia.

sábado, 25 de octubre de 2008


O MAL


O escolante de Illobre viña todos os seráns deprenderme a doutrina para me ir confesar. Un día co gallo dos mandamentos pregunteille:
¿Don Xabiel que é fornicar?
Don Xabiel, aquel vello velliño bo e sabedor, que endexamais tivo segredos para min, que decote respondeu ás miñas demandas, olloume moito cos seus olliños pequeneiros e dixo dubidando:
- Fornicar… é escoitar o asubío dun paxaro estando nun sermón…
Aquela noite, cando don Xabiel falou cos meus pais, mamá estaba cavilosa e o meu pai riu ás gargalladas.
De alí a dous días houbo misión en Lamas, leváronme alá. O frade pregaba no adro subido ao chanzo do cruceiro. Miña nai puxo a súa cadeira baixo as pólas do castiñeiro vello. O frade falaba no cruceiro e no castiñeiro asubiaba un paxaro. Eu fuxía de oír ao paxaro e arelaba escoitar ao frade, mais tanto fuxín da cántiga que rematei pondo atención nela.
Así foi como eu cometín o meu primeiro pecado.


Esta pequena narración pertence a unha publicación de Filgueira titulada Os nenos, que é a súa primeira obra de creación literaria promovida pola Editorial Lar, editada en Pontevedra en 1925 e ilustrada polo seu amigo, Luis Pintos Fonseca, que aparez na ilustración deste artigo. Esta publicación sería recollida posteriormente en Quintana Viva, Galaxia, 1971, reeditada despois varias veces.


FOTOS:

- A foto aparecida no segundo artigo deste blog, foi extraída da mesma publicación que a foto da primeira entrada.

- A foto de Filgueira aos 17 anos, aparecida na terceira entrega de outubro de 2008, procede da revista Galicia en Madrid, xullo-setembro 1988.

- A ilustración de Pintos Fonseca é unha adaptación da que figura no libro coordinado por Xosé Fortes: O instituto de Pontevedra, século e medio de historia 1845-1995, Pontevedra, 1997.

miércoles, 22 de octubre de 2008


FILGUEIRA MOZO, UN BRILLANTE ESTUDOSO


Despois de acceder ao Instituto de Pontevedra en 1917, Filgueira tivo alí grandes mestres, entre os que destacar a dous grandes representantes da xeración Nós, como foron Castelao, que chegou a Pontevedra en 1916, e que dende esa data figura como profesor auxiliar de Debuxo no citado instituto, e Antón Losada Diéguez, quen chega a Pontevedra como Catedrático de Filosofía en 1919, Losada finaría en Pontevedra en 1929. Este último, converteuse en mestre-guía de Filgueira e doutros compañeiros seus, como sería Luis Pintos Fonseca, quen chegaría a ser un dos mellores representantes da escola linoleísta de Pontevedra, discípulo do divino Castelao.
Filgueira foi un brillante alumno do segundo ensino público pontevedrés, accede, en 1922, ao ensino universitario na chamada por el “mater”, referíndose á Universidade de Santiago de Compostela, onde despunta como excelente estudiante universitario, licenciándose, con Premio Extraordinario, en Dereito (1928) e tamén rematando os estudos de Filosofía e Letras na rama de Historia con excelentes resultados o ano anterior, estes estudos fixoos nun ensino combinado entre as universidades de Santiago e de Zaragoza.
Filgueira convértese dende moi novo nun extraordinario e rigoroso investigador humanístico (hai que contemplar aquí a influencia dos que el chamaba mestres gratuitos: D. Casto Sampedro e Folgar, Sánchez Cantón, D. Pablo Pérez Costanti,…), que comeza a publicar sen parar dende os 17 anos.
Outra gran empresa cultural e científica para Galicia que acomete con esa mesma idade e a fundación, xunta con outros compañeiros e mestres universitarios o 12 de outubro de 1923, do Seminario de Estudos Galegos, pero este será obxecto doutra historia.

2010, ANO FILGUEIRA – 2010, ANNÉE FILGUEIRA – 2010, FILGUEIRA’S YEAR

domingo, 19 de octubre de 2008


FILGUEIRA NENO

Filgueira foi un neno moi dócil e educado. Con moitas ganas de aprender, sentíase ben na compaña dos maiores, dos que sempre estaba disposto a aproveitar as súas ensinanzas.
El mesmo dicía que os seus primeiros e mellores mestres foron os seus pais. O seu pai, que estivera a piques de ser ordenado monxe benedictino no cenobio de Tenorio e que despois abandonou o hisopo polo termómetro, facéndose médico na Universidade de Santiago de Compostela (1899), ensináballe latín, humanidades, ciencias,… Levábao a moitas tertulias e visitas, tan de moda naqueles tempos, facía que o acompañara nas súas camiñatas e nas súas consultas médicas e tamén dáballe a oportunidade de axudalo no laboratorio. O pai de Filgueira foi médico de varias zonas e rúas de Pontevedra, así como subdirector do Hospital, sucedeu ao famoso Dr. Cobián Areal á fronte do Instituto Antirrábico de Pontevedra. O seu pai era unha fonte privilexiada de información e de instrucción.
Outra persoa que exerceu sobre el benéfica influencia foi o seu padriño, o Dr. Enrique López de la Ballina, por quen Filgueira sentía un gran afecto.
Lembra Filgueira a D. Pastor Abal, un seu querido escolante do primeiro ensino público. Tamén nesta primeira ensinanza, recibiu o influxo dos franciscanos de Pontevedra, dende moi novo asistiu ao Catecismo organizado polo P. Luis María Fernández, OFM.
O neno Filgueira gozaba máis cos libros que cos xogos, dende os cinco anos manexaba a Biblia e as obras de Cervantes, ademais tiña unha grande memoria (da que gozou toda a súa vida), estaba ben instruido e amosaba un comportamento e unhas actitudes e aptitudes extraordinarios.


WEBS DE INTERESE:

http://www.concellopontevedra.es/

http://www.depontevedra.es/

http://www.congreso.es/

http://www.realacademiagalega.org/

http://www.rah.es/

http://www.bne.es/

http://www.museo.depo.es/

http://consellodacultura.org/

http://www.bvg.udc.es/



O ANO 2010, ANO FILGUEIRA. A RAG DEBERA ADICAR ESE ANO AO GALEGUISTA PONTEVEDRÉS

viernes, 10 de octubre de 2008

Xosé Fernando Filgueira Valverde


Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finou na mesma cidade o 13 de setembro de 1996. Era fillo de D. José Mª Filgueira Martínez (1871-1938), médico moi querido e respectado na cidade do Teucro, e de Dna. Mª Araceli Valverde Vaquero (1870-1946), unha muller de fonda relixiosidade, moi caritativa e austera. Andado o tempo, D. Xosé, que era así como o coñecía e trataba moita xente, casou con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995) o 15 de agosto de 1938 na cidade de Lugo, de onde ela era oriunda e onde, por aquelas épocas, exercía Filgueira a súa cátedra no instituto lugués. Ambos fundaron unha familia moi popular en Pontevedra.

Filgueira Valverde era un home moi activo e polifacético, reputado literato, gran investigador humanista, catedrático de “Lengua y Literatura Española”, desempeñou a cátedra (1940-1976) e a dirección (1946-1976) no Instituto de Ensino Medio da súa cidade natal, participou activamente en política en distintas etapas da súa vida, así como ocupou múltiples cargos ao longo da súa extensa vida. Pero, un feito moi importante para a cultura galega, foi que el con outros compañeiros e mestres fundaron o 12 de outubro de 1923 o Seminario de Estudos Galegos, institución insuperable no eido da investigación, creación artística e estudos galegos.

Tamén foi director (1940-1986) do recoñecido Museo de Pontevedra.

Foi Filgueira un polígrafo incansable, escribiu máis de 300 libros, pronunciou máis de 1.500 conferencias en distintos lugares do mundo, participou en nunerosas publicacións e iniciativas culturais, no momento do seu pasamento exercía o seu segundo mandato como Presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996).

Este blog nace coa iniciativa de renderlle unha homenaxe e para espallar o coñecemento da súa persoa e da súa magna obra.

E para que coa colaboración dos internautas eu vaia ampliando os meus coñecementos sobre Filgueira, que serán de utilidade para afondar nas miñas investigacións.

Grazas a todos os que se acheguen e colaboren con esta bitácora.


FOTO: Filgueira neno cos seus pais. Extraída do libro:

AA.VV.: Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996 un século de Galicia. Deputación de Pontevedra, Museo de Pontevedra, Ministerio de Cultura, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2007.

ABSTRACT:

This blog is a biographical study about José Fernando Filgueira Valverde (1906-1996), teacher of the secondary and higher education in Pontevedra (1940-1976). He is a very important intellectual and scientist man of the history of education and culture in the Galice of the 20th century. He is a writer on a wide variety of subjects. And he is the director of the Museum of the Pontevedra (1940-1986). He participates in the fondation the mouvement of galleguism and he participates in the political and social life in his community.

KEY WORDS: José Fernando Filgueira Valverde, History of education and culture in Galice, education, culture, learning, intellectuality, secondary education, higher education and university education, Museum of Pontevedra, galleguism, writing.


SYNTHÈSE

C’est un blog, sur une étude biographique sur José Fernando Filgueira Valverde (1906-1996), professeur d’enseignement secondaire et de baccalaureat à Pontevedra (1940-1976). Il est un très important intellectuel et scientifique de l’histoire de l’éducation et de la culture à Galice pendant le vingtième siècle. Il est un écrivain polygraphe. Et il est le Directeur du Musée de Pontevedra (1940-1986). Il participe à la fondation du mouvement du galleguisme et il participe aussi à la vie politique et social de sa communauté.


MOTS CLÈ : José Fernando Filgueira Valverde, Histoire de l’éducation et de la culture à Galice, éducation, culture, enseignement, intellectualité, enseigment secondaire, baccalaureat, enseignement universitaire, Musée de Pontevedra, galleguisme, écriture.