domingo, 26 de mayo de 2013

A LENDA DE MONTELONGO

Por fin xa temos aquí a tan ansiada restrea de A LENDA DE MONTELONGO, será o sábado 1 de xuño ás 22:00 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa cando poderemos gozar coa zarzuela da autoría dun equipo artístico de egrexios vilagarciáns: LIBRETO: Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta; MÚSICA: Bernardo del Río. Nesta oportunidade, despois de máis de medio século dende a súa última representación, o cadro artístico estará composto por BANDA DE MÚSICA DE VILAGARCÍA, CORO LICEO DE VILAGARCÍA, GRUPO FOLCLÓRICO MALVEIRAS. Facilitou a reconstrucción das partituras, libreto, decorados e ambientación o profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, JAVIER JURADO, quen fixo un traballo de pescuda e de información diante dos herdeiros de Bernardo del Río e de Rey Posse, achegando os materiais necesarios para poder ofrecer na nosa cidade este tan esperado espectáculo. Sabemos do traballo e da entrega altruísta para que todo chegara a bo fin do noso bo amigo e neto de Rey Posse, CARLOS REY CEBRAL. Había xa certo tempo que algunhas persoas tiñamos feito un traballo coa intención de recuperar a obra de MANOLO REY (está pendente unha edición facsimilar da súa obra –algo que sería moi interesante para Vilagarcía-) e de restrear A LENDA DE MONTELONGO, por diversos motivos, que agora non veñen ao caso, fracasamos no noso intento. Fai uns poucos anos fixémoslle unha homenaxe a Manolo Rey Posse no Liceo Casino de Vilagarcía, coa representación dalgunha das súas obras teatrais, musicais, cunha conferencia, coa convocatoria dun certame teatral co seu nome. Agora felicitámonos de que por fin chegara o día. Será un día histórico para Vilagarcía. Gozaremos do momento e do valor histórico da obra, unha das escasas zarzuelas en lingua galega, comprobaremos como resiste o paso do tempo. Nela predomina o texto falado por encima do cantado; pretende ser a proclama para soerguer Galicia fronte a un imperialismo e nacionalismo español exacerbado, que ocultaba e asoballaba a Galicia e ao galego, non esquezamos que a obra estréase en 1924 en plena dictadura do xeneral Primo de Rivera. Agardamos que o elenco artístico teña moito éxito e a asistencia de público faga pequeno o Auditorio. Parabéns para todos.// Na primeira imaxe, vemos a Juan Buhigas Olavarrieta e a Manuel Rey Posse de traxe e garabata xunta a un grupo de artistas dunha das primeiras representacións da LENDA DE MONTELONGO. (Esta imaxe atópase no fondo fotográfico do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa). / Na segunda, o cadro de artistas doutra representación de dita zarzuela (Facilitada por CARLOS REY CEBRAL, neto dun dos libretistas). / Na terceira, o polifacético e socio de honra do Liceo Casino, Manuel Rey Posse, un dos libretistas desta famosa zarzuela. (Tamén facilitada por Carlos Rey, o netísimo). / Na cuarta, reproducción do cartel da restrea en Vilagarcía da LENDA DE MONTELONGO (Auditorio Municipal, 01/06/2013; 22:00 H.). PÓDESE CONSULTAR: www.vilagarcia.es / www.turvilagarcia.com / www.pontevedraviva.com

sábado, 18 de mayo de 2013

HOLANDA, COS OLLOS DUN GALEGO

Xa vai uns meses que tiven o oportunidade de facer unha pequena viaxe polos chamados Países Baixos, quedando impresionado da laboriosidade e organización daquelas xentes. E pensar que moitos daqueles territorios algún día pertenceron ao imperio español! Nesta oportunidade voume centrar en Holanda. Como quen di, o campamento base tíñao en Amsterdam, unha marabillosa cidade, cosmopolita, con moita vida. Así á primeira vista, chamáronme a atención dúas cousas; un aeroporto ben deseñado e moi ben comunicado, alí chegaban o tren, os autobuses, o metro. (Xa poideramos aprender en Galicia, debíamos ter un bo aeroporto e sobre todo ben comunicado). Practicamente, no centro da cidade estaba a Central Station, unha estación nodal, onde podías coller o tren, o autobús, o metro; mesmo o típico tranvía para viaxar onde quixeras. Quedei impresionado do deseño e da eficiencia das comunicacións. Logo é unha cidade para vivila, recorrer os seus canais, pasear polas súas concorridas rúas e parques e visitar os seus museos, recomendo a impactante Casa de Ana Frank e o Museo Van Gogh, asimesmo foi a cidade onde residiu e finou outro grande da pintura, Rembrandt. Tamén visitei Rotterdam (lembro as cancións do belga Jacques Brel) cidade natal do grande Erasmo. Percorrín tamén algunhas zonas rurais e pequenas cidades, sorprendeume a súa boa organización e a intelixencia á hora de traballar. No rural destacar a limpeza, a orde, o saber darlle valor engadido aos seus productos e a diversificación da oferta, obtendo o máximo rendemento de todo. Asímesmo quedei abraiado pola gran industria e comercio das flores, co funcionamento de grandes cooperativas e grandes extensións de invernadoiros, mercados e lonxas das flores. (Se na nosa querida Galicia puxeramos a intelixencia e organización dos holandeses na vida comunitaria, industrial, cultural outro galo nos cantaría). Tamén ofrezo unha selección das numerosas imaxes tomadas. Noutras ocasións, farei referencia a diversos temas que poden xurdir desa agradable e inesquecible viaxe. O meu admirado profesor, FILGUEIRA VALVERDE recomendaba as viaxes para aprender e enriquecerse; para tomar nota (como fan tan ben os xaponeses), no seu instituto fomentou este tipo de actividades. Aproveito, unha vez máis, para reclamar que xa é ben chegado o tempo de dedicarlle o DÍA DAS LETRAS GALEGAS AO LABORIOSO POLÍGRAFO, XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE (1906-1996).

jueves, 16 de mayo de 2013

RETELLANDO DE EVCALO

O noso amigo e compañeiro da MESA DAS VERBAS, Eduardo Víctor Castro López (EvCalo), vén de presentar onte en Marín, no Instituto ILLA DE TAMBO, ás 20:00 h. nun agradable, emotivo e agarimoso acto poético os dous poemarios (I, II), que levan por título, RETELLANDO. O pobo de Marín amosoulle a D. Víctor o seu agarimo en lembranza dos moitos anos que alí exerceu a docencia, os últimos oito anos da súa vida laboral no instituto que acollía o acto. O director do centro, Antonio Novo exerceu de mestre de cerimonias e de magnífico anfitrión. Presentou ao autor e introducíu a obra, Lois González Dopazo, un home moi coñecido na vila marinense por ser un activo animador da vida cultural, deportiva e asociativa, así como membro do Consello Escolar do instituto. Foi a súa unha magnífica presentación, rigurosa e amena. Logo intervíu o propio autor, quen leu algún dos seus poemas e fixo a loanza de Marín, das súas xentes, das súas paisaxes, das súas praias, do seu Liceo Casino (do que foi directivo), da Asociación Santa Cecilia... Marín quere a este poeta vilagarcián, e el sinte a Marín como a súa segunda patria, onde viviu e onde tivo experiencias inesquecibles. O acto rematou coa declamación de dous poemas por parte de Enrique Brumbéck, deleitou ao público cun poema de Cabanillas e outro de Rosalía de Castro (aínda resoan os marabillosamente recitados versos: MOUCHO NON CHE TEÑO MEDO / NON CHE TEÑO MEDO MOUCHO). O público agradeceu a intervención de toda a mesa cos seus xenerosos aplausos. A segunda parte deste acto poético, desta homenaxe Víctor<=>Marín, tivo lugar nunha entrañable cea do autor con familiares e amigos na centenaria Casa Pilán de Cantoarea. A delegacíón vilagarciana, que se corresponde coa MESA DAS VERBAS, e que disfrutou desta xornada poética estivo composta por: Mª del Carmen Sánchez, Enrique Blanco, Ramón Quintáns, Ramón Torrado e Xermán Torres. SAÚDE E POESÍA!

jueves, 9 de mayo de 2013

XXVI MESA DAS VERBAS - CONSERVATORIO DE MÚSICA

O vindeiro martes 14 de maio de 2013, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía teremos un CONCERTO-RECITAL, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicadas ao dramaturgo VIDAL BOLAÑO. Será ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa con entrada libre e de balde ata completar aforo. Todos os amigos da Música e da Poesía non poden perderse este acto, estades todos especialmente convidados. Viva Galicia! Saúde e Poesía!