martes, 17 de julio de 2012

A FESTA DA BANDERITA EN CALDAS DE REIS

Non se trata dunha festa da Cruz Vermella, como a que se celebra na capital do Reino, recordo na miña alma de neno que nos anos sesenta do pasado século, na parroquia de Santo Tomás Bécquet de Caldas de Reis, en tempo de Pascua, máis concretamente, no domingo de Resurrección, celebrábase unha procesión moi alegre e chea de corido, que quedou gravada na miña lembranza da infancia na querida vila termal, tratábase da procesión chamada da Banderita, na que se celebraba a Resurrección de Xesús. Os protagonistas eramos os nenos e nenas, que levabamos unha pequena bandeira de cores, que axitabamos ao vento. Algunhas delas coas cores da bandeira nacional española, a galega, desgraciadamente non a coñecíamos, era inexistente. Constituía un acto pintoresco e cheo de ledicia. A maioría dos cativos e cativas tiñan confeccionado eles mesmos a súa bandeira, pintando e coloreando os papeis que se colocaban nun mastro de cana e que se levantaban e axitaban ao paso da imaxe de Xesús. Aquelo era algo impresionante, alegre; multitude de bandeiras multicores que percorrían as principais rúas de vila de dona Urraca, sobre todo ao longo da rúa Real, tan fermosa daquela, cos seus estupendos soportais, a maioría, lamentablemente hoxe perdidos. A xestión urbanística na nosa terra case sempre tan lamentable, canto bo se perdeu! Naqueles días de pascua era cando os rapaces estreaban algo (poucas oportunidades había para elo), que se uns zapatos, unhas zapatillas, algunha peza de vestir. Logo estaban as gorentosas bicas, co rico pan de Caldas, coas bicas os padriños agasallaban aos afillados na Pascua. As bicas eran uns saborosos bolos de pan cun ovo no medio. Este típico producto gastronómico preparabase e cocíase nas numerosas e excelentes panaderías da vila. A da miña rúa, rúa dos Fornos, era a panadería da señora Nilda e do señor Manuel, un forno excelente que lembrarei noutra oportunidade. Venme o sorriso cando aínda lembro a baixada desta procesión pola costa da "Plazuela", fronte a antiga zapatería de Zarategui, cos cantos e co balbordo infantil, que se producía naquela alegre e pintoresca procesión que quedou impresa no meu corazón, como todo o de Caldas, así sigo a Proust e rescato o tempo perdido, un xeito de revivilo e facelo presente.

sábado, 7 de julio de 2012

XVI MESA DAS VERBAS - HOMENAXE A FEIXOO

O pasado venres, día 6 de xullo de 2012, na XVI MESA DAS VERBAS, que estaba previsto se celebrara na Praza da Independencia de Vilagarcía de Arousa, moi preto da rúa dedicada ao pai Feixoo, e que por mal tempo houbo que trasladar este acto poético ao Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía, na rúa Castelao, nº 5. Pois, dicía que fixemos lembranza e unha pequena homenaxe ao ilustrado bieito, frei Bieito Xerónimo Feixoo, natural de Casdemiro, na provincia de Ourense (1676-1764), un insigne representante da Ilustración española. Un sabio que pretendía mellorar a situación do noso país, por medio dun pensamento racional e científico, desbotando erros e supersticións. Pasou un tempo no mosteiro de Lérez, pero a maior parte da súa vida desenvolveuse en Oviedo, onde foi un eminente profesor e conselleiro. Foi moi amigo e mestre doutro grande da nosa terra, frei Martín Sarmiento. Ambos monxes foron moi admirados e estudiados por Filgueira Valverde. Vou transcribir algúns pensamentos do pai Feixoo, que teñen plena vixencia e aparecidos nalgunha das súas dúas grandes obras: TEATRO CRÍTICO UNIVERSAL, (1727-1739)e CARTAS ERUDITAS Y CURIOSAS, (1742-1760); obras de carácter ensaístico, onde fala de todo, do divino e do humano; por eso está considerado como un dos máis grandes polígrafos de todos os tempos. Velahí van algunha das súas máximas: - "El valor de las opiniones se ha de computar por el peso, no por el número de almas. Los ignorantes por ser muchos, no dejan de ser ignorantes. ¿Qué acierto, pues, se puede esperar de sus resoluciones?" / - "La adulación es una puerta muy ancha para el favor; pero ningún ánimo noble puede entrar por ella, porque es muy baja". / - "Para quien ama la lisonja, es enemigo quien no es adulador". / - "La inclinación a la Música allana al alma el camino de la virtud". // Nesta XVI MESA DAS VERBAS, participaron declamando e lendo poemas: - ENRIQUE BRUMBÉCK, - CARMEN DARRIBA, - MARÍA PALACIOS, - ENCARNA, - JEAN CARBALLO, - TITO PORTO, - EV.CALO, - RAMÓN TORRADO, - RAFA GÓMEZ, - ANTONIO QUIÑOY, - MANOEL XOSÉ, - JOSÉ GONZÁLEZ, - ALEJANDRO GUANELLA, - CARMEN ABALO, - GRACIELA, - ISABEL PINTOS, - ÁNGELES CONDE, - ANTONIO PINEDO, - ANDREA FERNÁNDEZ, "NEI", - XERMÁN TORRES, - ALFONSO SAAVEDRA. A próxima Mesa das Verbas, a edición XVII, será o vindeiro venres 3 de agosto, ás 21:00 h., na Praza de Galicia de Vilagarcía se o tempo non o impide, senón sempre nos quedará o Salón de Actos do Liceo Casino. Nesta oportunidade faremos memoria dos poetas de Vilagarcía de Arousa.