martes, 20 de noviembre de 2018

BESTIARIO ACADÉMICO - Calquera semellanza coa realidade é pura casualidade







MALDITO BURACO!
Era un meu profesor de Sánscrito, un profesor que somentes  se preocupaba de cobrar a nómina á fin de mes. O alumnado na súa inconsciencia e na súa mocidade facía todo o posible para rir as gracias, os pretendidos chistes e demais historias que lle facían crer ao mestre que era un home moi simpático e ocorrente.
E nós a rir ata escachar co fin de perder o tempo, o máximo tempo de clase. O profesor contábanos unha ridícula historia dunha formiga que el chamaba Fis. Tamén nos contaba o tipo de panos de man, que eran de tea de Cachemira que lle mercaba a súa dona,... e nós a finxir moita atención no que nos contaba e a rir sen parar, como parvos, facendo un grande estrondo e a pasar o tempo; o tempo pasaba, pasaba, soaba o timbre; fin da clase e así tantos minutos acumulados de perda de clases, tempo que se nos descontaba a nós, o docente cobraba mes a mes, puntualmente.
Un día de exame, mentres nós pretendiamos responder ás nosas preguntas, o mestre, desde a súa mesa, lía con fruición o xornal que tiña entre mans.
A maioría da clase aproveitaba para copiar ao máximo, dadas as circunstancias do illamento lector do docente, que non deixaba para nada o xornal. Mais, cando deu a nota dese exame todos os que copiaran aparecían suspensos; como podería ser?
Un día o profesor deixou esquecido, riba da mesa un xornal. Cando marchara, todos nos precipitamos sobre a mesa e observamos con detemento o maldito xornal e tiña un buraquiño no medio, por aí foi como pillou a todos os copistas do exame. Todos exclamamos vaia c. ...!
Pero, seguimos a rir para que pasara o tempo...
Aquel tempo da inconsciente e feliz mocidade que xa non tornará!  

                                                             Xermán Manuel Torres