viernes, 12 de junio de 2015

PRESENTACIÓN DO LIBRO: Filgueira Valverde, crónica de una alcaldía (1959-1968)



(Foto: Faro de Vigo)


O xoves 11 de xuño de 2015, ás 20:00 h. no Café Moderno de Pontevedra tivo lugar a presentación do libro sobre a época de Filgueira como alcalde de Pontevedra, da autoría do xornalista Rafael López Torre, coa presencia de autoridades, representantes da familia de Filgueira e numeroso público.

Abriu o acto o director do Faro de Vigo, Juan Carlos Da Silva, que presenta ao autor, da as gracias a todos os que fixeron posible esta publicación, especial mención para o Concello de Pontevedra e a súa Concellaría de Urbanismo e Obras Urbanas, representada no acto por Antón Louro, concelleiro titular da mesma neste últimos catro anos. Tamén manifesta a súa gratitude ás autoridades, familia e público presente. Seguidamente relata a relación de Filgueira Valverde co Faro de Vigo, do que chegou ser o decano dos seus colaboradores, pois empeza a publicar neste diario desde o ano 1925, sendo moi mozo. Destacan os seus artigos no xornal vigués, publicados co rótulo Adral, que logo constituirían a maioría dos seus ensaios na colección de nove volumes publicados nas Edicións do Castro co mesmo nome. Por iso, Faro de Vigo, decide apoiar ao máximo este Ano Filgueira.

A continuación toma uso da palabra Antón Louro, quen subliña a importancia de Filgueira para Pontevedra como home de Letras, erudito e científico e logo como “home da cultura metido a alcalde”. O que non se pode poñer en dúbida é o amor de Filgueira pola súa cidade natal.

Na parte central do acto, intervén Rafael López Torre, quen tamén fai unha rolda de gratitudes, pero moi especialmente para o Arquivo Municipal de Pontevedra.

Logo propón esta cuestión: Foi Filgueira un bo ou un mal alcalde de Pontevedra?

Indica que a resposta entra dentro da subxectividade ou dos valores que un teña.

No seu libro pretende a obxectividade, o rigor e a verdade por medio das súas pescudas nos libros de actas de Plenos, Comisións e demais documentación municipal manexada durante os últimos seis meses dedicados ao estudo, ademais da utilización da prensa diaria da época, que aporta a frescura fronte da seriedade e rixidez dos documentos municipais.

Faltan as testemuñas persoais, pero xa quedan moi poucas persoas vivas que compartiran os labores de Filgueira como responsable da alcaldía e para non perder obxectividade, evita esta cuestión. El trata de ofrecer unha información completa e exacta.

Hai dous tópicos sobre Filgueira alcalde:

-         Para uns foi un bo alcalde porque salvou o casco vello.
-         Para outros foi malo porque trouxo e consolidou Celulosas.

Filgueira antes, durante e despois da alcaldía tivo a máxima preocupación e coidado polo casco vello.

Os propietarios da zona monumental pretendían ampliar alturas dos seus edificios ao que Filgueira sempre se opuxo contundentemente o que lle ocasionou máis dun desgusto e dalgún inimigo.

En canto a Celulosas, na súa xénese, aterraxe e consolidación Filgueira non tivo ningunha responsabilidade, era un proxecto estratéxico do franquismo e un asunto supramunicipal. Decisión gobernamental por medio do Instituto Nacional de Industria (INI) e responsabilidade do Goberno Civil de Pontevedra e da Comisión Provincial de Servicios Técnicos. Nos anos 1964-1965 están os sucesos ocasionados polos problemas que provocaba a factoría en canto a malos olores e contaminación. É un “sambenito que lle cargan a Filgueira”, pero quizais  habería que mirar para Ramón Encinas Diéguez, Gobernador Civil de Pontevedra desde 1965 e ata 1970.

Tamén habería que contemplar o contexto de hai 50 ou 55 anos e a Lei de Bases de Réxime Local vixente naqueles anos.

A situación municipal daquela época nada ten que ver coa realidade actual. Filgueira foi un alcalde elixido a dedo, non tivo nada que ver na elección dos concelleiros que o acompañaron nas catro distintas corporacións que presidiu, os concelleiros éranlle impostos. Renovábase o Concello por metades cada tres anos. Por iso, como a maioría dos alcaldes daquela, foi un alcalde moi presidencialista, as circunstancias obrigábano a elo. Foi un alcalde que traballou moitísimo. Non rexeitou ningún tema por difícil e alleo que fora para el.

Eu destacaría, engade López Torre, que o seu mellor labor foi o deporte, fai unhas moi boas xestións e negociacións para mercar e construír o Campo de Deportes de Pasarón. Constrúe o Pavillón de Deportes cun proxecto final de Alejandro de la Sota, a quen consideraba un irmán menor pola súa relación coa familia do prestixioso arquitecto pontevedrés.

Tiña moitos proxectos e moi pouco diñeiro. O concelleiro co que mantivo mellor colaboración foi con Emilio Vázquez González, concelleiro de Facenda, entre os dous propuxéronse aumentar os orzamentos. Filgueira era un hábil negociador para conseguir todo tipo de subvencións e axudas; para esto era un as.

Como el pensaba, obras son amores e polas súas obras o coñeceredes. Fixo moitas pequenas obras, pero obras útiles.

Hai catro actuacións que destacan:

-         O Campo de Deportes de Pasarón
-         A seca das Xunqueiras (polo que se suspiraba desde o século XIX)
-         Pavillón de Deportes
-         A instalación do CIR en Figueirido

Filgueira tiña unha relación privilexiada co Exército. Protestou coa marcha do Goberno Militar para Vigo, que conseguiu ao fin recuperar despois.

Comenta o autor do libro que lle quedan tres espiñas cravadas:

  1. Conseguir a foto do automóbil Jaguar que lle fora regalado á alcaldía.
  2. Que pasou para que se frustrase o traslado das ruínas do Mosteiro de Carboeiro que el pensaba utilizar para a construcción da igrexa de Campolongo, para o que fixera unhas xestións con desenvolvemento favorable, diante da Comisión de Belas Artes de Madrid e co Arcebispado de Compostela. Non topei explicación da paralización deste proxecto.
  3. Por que tampouco foi adiante a compra de todo Monteporreiro? Cando tivo a opción de compra para o Concello. Imaxínanse o que puidera ser esto nas sabias mans de Filgueira?

El tiña a teima de que a el non o cesaba ninguén, que se iría da alcaldía por renuncia persoal.

Hai un primeiro intento de renuncia a finais de 1966, que non lle foi aceptada.

Pasouno moi mal no seu último período na alcaldía, foi un ano e medio no que sufriu moito, tivo que contemplar impotente o “desmadre urbanístico” e tragarse moitos sapos.

A renuncia definitiva será en 1968. Sobre o “desecuentro entre Filgueira y Encinas, ellos sabrán, se llevaron el secreto a la tumba”.

Filgueira fai un acto de desafío e presenta a candidatura a Procurador en Cortes polo tercio familiar xunto ao alcalde de Vigo, Portanet.

Filgueira obtén 109.000 votos, sendo representante dunha cidade tres ou máis veces máis pequena que Vigo. Tivo moito respaldo popular.

Portanet consigue 101.000 votos.

No seu discurso de despedida como alcalde, ¾ partes do mesmo corresponden a agradecementos. Filgueira despídese como un señor, ao grande.

Ten un recoñecemento xeral polo seu amor e dedicación a Pontevedra.

Sería moi interesante publicar un libro sobre anécdotas e feitos curiosos da vida de Filgueira. Para rematar eu vou ofrecer como primicia unha e no meu libro hai outra moi boa que Vdes., queridos lectores, teñen que descubrir e que ten como testemuña a Joaquín Queizán Taboada, quen me fai a revelación pouco antes de morrer.

Pero imos coa primicia de agora:

Un día a saída dunha exposición coincidimos D. Xosé, Guillermo Campos e mais eu. Filgueira ía no medio. Había pouco tempo que a empresa canaria, Prensa Ibérica, mercara Faro de Vigo, Guillermo Campos traballaba neste periódico e coa sorna que o caracteriza, pregunta:

-         “D. Xosé que lle parece a compra de Faro de Vigo por Prensa Ibérica?"

Filgueira sempre se tomaba dous segundos antes de contestar, dous segundos que lle abondaban, e logo di:

-        " Imos ver como cantan estes canarios?"


                               Por Xermán Manoel Torres
                                                         11/06/2015