lunes, 7 de diciembre de 2020

REMEMBERING FILGUEIRA VALVERDE - RELEMBRANZAS DE FILGUEIRA VALVERDE

 

Derradeira conferencia de Filgueira Valverde en Vilagarcía de Arousa

(17-NOV.-1994)


Agora, en tempos de invernía e ao carón do lume agarimoso da lareira, facemos lembranza dun grande “obreiro da causa galega” como foi Xosé Filgueira Valverde.

A primeira vez que tiven contacto con Filgueira Valverde debeu ser no verán do ano 1967, tiña eu 10 anos, cando eu frecuentaba a parroquia de Santa María de Caldas de Reis, da que era párroco daquela D. Marcelino Torres Villar. Dicía inquedo don Marcelino, vai vir o alcalde de Pontevedra... e chegou don Xosé coa súa cámara fotográfica enfundada nunha cartucheira de cor marrón e lle reprochaba ao crego o abandono e a mala colocación dunhas pedras, que estaban tiradas preto dun valado no adro, medias cubertas de silvas, segundo Filgueira Valverde tiñan moito valor e era indigno que estiveran así, reprochaba duramente ao crego aquela situación e pedíalle un mellor trato para aqueles valiosos restos.

Andando moito tempo e lendo un Adral (en concreto o primeiro, de 1979, páxs. 263-266) de D. Xosé, dinme conta do que eran aquelas abandonadas pedras, nada máis e nada menos que un baldaquino do século XV e que hoxe pódense contemplar nun dos muros interiores da nave central da igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis.

A segunda vez que tiven a sorte de establecer contacto co sabio pontevedrés foi no ano 1978, nunha visita que realicei ao Museo de Pontevedra cuns nenos da miña academia de Trabanca Badiña de Vilagarcía de Arousa. Nesta oportunidade falabamos con el sobre o Pazo de Patiño dese barrio vilagarcián, amosabámoslle unhas moedas que alí atoparamos e as fotos do escudo da dita casa señorial, atendeunos con moita amabilidade e explicounos as cousas de interese para facer un estudo dos restos do pazo, que hoxe lamentablemente xa non existe ao ser derruído por unha especulación inmobiliaria o seu espazo está ocupado por unha anódina urbanización de chalets.

Coincidimos no ano 1980, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Afonso X, das súas cantigas era Filgueira Valverde un grande especialista, á CIII dedicoulle a súa renomeada tese de doutoramento en 1935. Con tal motivo, era eu daquela presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, inviteino o 9 de maio a dar unha conferencia (a 875) no Salón de Actos (gran salón de actos) que a Caixa de Aforros de Vigo tiña na rúa Dr. Tourón en Vilagarcía.

 

Nos anos 1993, 1994, 1995 e 1996 mantiven con el un trato frecuente epistolar, telefónico e presencial. Fixo o prólogo para o meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO (Cumio, 1996), o 17 de  novembro de 1994, inviteino a pronunciar unha conferencia, a número 1.544 (a derradeira en Vilagarcía) co motivo dunha homenaxe que lle rendemos na parroquia de Santa Baia de Arealonga a Aquilino Iglesia Alvariño.

 

Tamén é posible que na década dos 60 do pasado século XX coincidira con el nalgún acontecemento académico no colexio San Fermín dos Padres Somascos en Caldas de Reis; pero, era eu moi neno e xa non teño recordos.

 

Gábome de ter mantido unha relación de amizade co home que máis sabía de Galicia e á que deixou para agasallo da súa cultura unha magna obra.   

lunes, 19 de octubre de 2020

QUE BOA XORNADA TIVEMOS O SÁBADO 17!

 Un grupo de amigos xuntámonos este pasado sábado para celebrar a CIV Mesa das Verbas e a VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia, entre versos e verbas fomos gozando da poesía e da lembranza dun ser inigualable na cultura de Galicia, como é Xosé Filgueira Valverde.




Xosé Ramón Quintáns brindounos unhas fermosas palabras de benvida e de acollida e de agradecemento aos representantes da familia Filgueira, representados por X. Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación Filgueira Valverde, quen nos dirixiría unhas sentidas palabras na segunda parte do acto na VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia.
Seguiron desgranando versos, entre os que declamamos algunhas das fermosas cantigas de D. Xosé, da súa obra: 6 cantigas de mar in modo antico, e poemas propios:
Quintáns, Luis González, Maru (que declamou un poema da nosa querida compañeira Isaura Lago), Paula Cascallar, Manuel Lage, Al Guanella (recitou un fermoso poema de Rafael Alberti dedicado a un can), Rafa Villar e Xermán M. Torres, esto foi na primeira parte, na CIV Mesa.

Na segunda parte, na VI xornada, Xermán presentou o seu libro:
Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde, dous grandes amigos na galeguidade, Novas Ediçoes Academicas, 2020. E desenvolveu unha pequena disertación, titulada: Antón Fraguas e Xosé Filgueira, dúas vidas que converxen. A continuación tivo o uso da palabra X. Fernando Filgueira Iglesias, fillo de D. Xosé, a quen lembrou, ao mesmo que recoñeceu aos galeguistas que mantiveron aceso e vivo o espírito do galeguismo en circunstancias non favorables, tamén agradeceu a Vilagarcía por organizar estas xornadas en lembranza do seu pai. Pechou o acto cunhas verbas de recoñecemento aos galeguistas que en tempos complicados souberon manter o lume aceso da nosa cultura, quen o presidía no nome do Concello de Vilagarcía de Arousa, a nosa Concelleira de Cultura, Sonia Outón, a quen a proveitamos para agradecerlle o seu respaldo á Mesa das Verbas.
Logo continuamos en boa compaña e compartimos parladoiro con algo de comer e de picar no bar A Tertulia do Paseo da Mariña da nosa cidade, tal como se recolle na seguinte reportaxe gráfica, e ata outra millorada, como dicía o grande poeta Álvaro Cunqueiro.








miércoles, 14 de octubre de 2020

VI XORNADA, FILGUEIRA SEMPRE EN GALICIA-17-10-2020

 Para manter vivo e acceso o lume da galeguidade. E lembrar a Xosé Filgueira Valverde, gran "obreiro da causa galega". A súa magna obra e a pegada da súa personalidade permanecerán por sempre connosco. A lembranza vai relacionada coa efeméride do seu nacemento: Pontevedra, 28 de outubro de 1906. Parabéns Filgueira, ti que nos contemplas no alén, despois de ben cumprida a túa misión na Nosa Terra!!!



domingo, 20 de septiembre de 2020

SUCEDEU NA ENCARNACIÓN


Meu compañeiro da infancia Eugenio Torres, o fillo do veterinario


 O colexio da Encarnación de Caldas de Reis é un dos colexios máis queridos da vila termal. Alí cursei nos meus tempos de parvuliño, rexentaban o colexio daquela as "Hermanas de la Doctrina Cristiana".

De cando empecei, teño unha anécdota verídica e un pouco rocambolesca, era o ensino daquel tempo e por persoas que tiñan pouco de mestras, esta historia é posible que a contara máis dunha vez, perdoade, son cousas da vellez. Como ten o seu chiste vouna relembrar outra vez.

Xa levaba o curso empezado, alá a principios dos anos sesenta do pasado século XX, e un compañeiriño, Eugenio Torres, o fillo do veterinario, veu ao colexio uns días máis tarde, chegou chorando, sentárono na miña mesa, ao meu carón, e o pobre seguía a chorar sen parar, desconsoladamente. Eu para ver se se calmaba, tiven unha idea, cunha folla da miña libreta, que fun plegando ata facer unha especie de acordeón e dinllo como agasallo, non me lembro se parou de chorar ou non. Decatouse deste xesto unha profesora seglar, que era moi ruín por certo, colleu o acordeón, fíxome levantar e colocoume o acordeón na cabeza a xeito de laciño e non tivo outra feliz idea que levarme a recorrer o resto das clases desta maneira, para que se riran e burlaran de min.

Chegamos a unha clase onde estaba unha nena, que era veciña miña, a filla da señora Nilda e do señor Manuel que tiñan unha panadería na rúa dos Fornos. Cando me veu daquel modo, botouse a rir e a min tamén me deu a risa; dounos un ataque de risa e non parabamos. Nesta clase estaba a directora, unha monxa que rivalizaba en ruindade con aquela malvada mestra, era mala e fea, o terror do colexio, castigounos aos dous poñéndonos de xeonllos, como no parabamos de rir, non tivo outra ocorrencia que lanzarnos, ás reboladas, unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa. Sorte que non tivo puntería algunha e non nos deu con ela, senón houbéranos mancado e podería ter sido unha desgraza.

Pero, nese cole, a Deus grazas, había algunhas monxas boas e excelentes mestras, lembro unha moi boíña coa que rompín a ler, colléralle moito cariño a un libro, Hemos visto al Señor, que andado o tempo recupereino, comprándoo de novo. Tamén recordo nesa aprendizaxe da lectoescritura e do cálculo outros libros como: Amiguitos, Rayas e os cadernos de escritura e cálculo, os famosos cadernos Rubio. E daquela os polvos de cacao, que eu tomaba no leite e que me gustaban moito, chamábanse: Tody.

E finalmente, non me esquecerei dunha monxiña que era tan pequeniña coma nós, que cando estabamos en parvuliños cantábanos e ensinábanos cancións moi bonitas con xestos e acenos que nos gustaban moito, era unha monxa moi alegre e simpática, a madre Aurelia... Que tempos aqueles!

domingo, 23 de agosto de 2020

A BOBI, NOSO CANCIÑO

 

Lembro o teu gruñido primeiro cando eras un cachorro recén chegado ao fogar, teu fogar de toda túa vida


Tivemos un bo canciño

moi gracioso e algareiro,

dounos todo o seu cariño

amoroso compañeiro.

 

Agora foi durmir fóra,

ladra baril ás estrelas,

move con frenesí a cola,

alí comerá máis costelas

 

e ósos moi gorentosos.

Rube por todas as nubes

cos seus ollos tan xeitosos

ollará por onde subes

 

a levarlle á súa amiga

a nosa gatiña bonita

para bicar súa barriga,

que amizade tan infinita!

 

Adeus ao noso canciño,

lembrarémoste con amor

sempre guiado e mansiño,

o pequeno labrador!


Todo un carácter, moi vivo!



domingo, 26 de julio de 2020

TOMA DE POSESIÓN DA DIOCESE DE ASTORGA

Mons. D. Jesús Fernández González tomou posesión como pastor da diocese de Astorga o sábado 18 de xullo de 2020, miña dona e máis eu fomos partícipes como asistentes a tan feliz acontecemento para D. Xesús, para nós o bispo amigo.

Todo comezou cun acto de entrada, por medio dunha procesión desde o Seminario á Catedral de Astorga, D. Xesús ía acompañado de numeroso público, así como dunha banda de música e un grupo folclórico, e de diversas autoridades e dignidades, e arroupado polo Nuncio da Súa Santidade en España e do Arcebispo de Santiago de Compostela.

Xa na Catedral de Santa María e despois de dar a coñecer e ler as Letras Apostólicas, das palabras do Nuncio, de cederlle a sede e de entregarlle o báculo, D. Xesús pasou a presidir unha Eucaristía solemne coa que oficialmente se procedía a súa toma de posesión da diocese asturicense. A presencia na catedral dun bo número de bispos, de representanción do Cabildo, do clero e de leigos da diocese de Astorga, así como de dioceses veciñas, sobre todo tamén estivemos unha boa representación da Arquidiocese de Santiago de Compostela encabezados polo noso Arcebispo Mons. D. Julián Barrio, destacar tamén a presencia do Cardeal Arcebispo de Madrid e Vicepresidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Osoro e do Cardeal Arcebispo de Valladolid e ex Presidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Blázquez.

A Eucaristía foi unha vivencia inesquecible pola súa significación, a entrada do seu bispo nº 138, nunha diocese, a de Astorga, de máis de 1.700 anos de existencia, conxugaba solemnidade, emotividade e historia. E para nós acompañar a unha persoa moi especial, que entrou nas nosas vidas coa súa ledicia, humanidade, humildade..., un amigo para sempre que nos fai lembrar a Xesús de Nazaret e á súa mensaxe.

D. Jesús, presidindo a Eucaristía
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

D. Xesús incensando o altar
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Rematada a Misa, D. Xesús saúda e bendí á xente
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Na comida, D. Xesús lucindo o pectoral agasallo de Compostela
(Imaxe cedida pola Arquidiócese de Santiago de Compostela)

O pazo episcopal de Astorga, obra de Gaudí
(Imaxe de Germán Jesús Torres Sánchez) 

lunes, 6 de julio de 2020

A BONDADE E O TRABALLO, CARACTERÍSTICAS DO NOVO BISPO DE ASTORGA

D. JESÚS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, NOVO BISPO DE ASTORGA

Por que non dicilo, sinto tristura pola marcha do noso Bispo Auxiliar, fixo "tanto en tampouco tempo", amou e traballou tanto pola nosa Arquidiocese de Compostela, deixa aquí tantos amigos, tanta xente que respodía ao seu afecto e ao seu benfacer. Pero, o bo é que el avanza no seu camiñar, na súa misión como sucesor dos Apóstolos.

Eu ben sei da súa amabilidade, do trato exquisito coa xente, da súa capacidade de traballo, da ilusión que poñía en todo o que facía, da súa alegría, foron tantas vivencias xuntos: o traballo na fase final do Sínodo, a posta en marcha da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral, foi fundamentalmente, nesas tarefas, nas que traballamos e colaboramos xuntos nun ambiente de amizade, de cariño, de eficacia, de respecto mutuo... moitas bágoas deitei despois da rolda de prensa do día 8 de xuño de 2020, cando se fixo pública a noticia da súa elección para a Sé da diocese irmá de Astorga, que boa nova para Astorga, que mala nova para Compostela, un sentimento agridoce; tristeza pola súa marcha, ledicia polo seu avance e logo xa Deus proveerá.

Tampouco esqueceremos na parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa a súa visita pastoral á nosa parroquia o 8 de marzo de 2020, un feito inesquecible, unha xornada histórica que permanecerá por sempre na nosa lembranza.

D. Xesús, que Deus o bendiga e acompañe na misión que vai comezar, sempre nos quedan os camiños que levan a Compostela e sempre nos volveremos a atopar.

Con afectuosa lembranza, unha aperta agarimosa, porque a palabra que mellor o define na nosa lingua é esa: agarimo. 


viernes, 5 de junio de 2020

Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde



Antón Fraguas (1905-1999) and Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), were two Galician scholars that shared a lifelong friendsship with the same goal. They both dedicated their life and work to uplift Galician education, culture, and science during the 20th century. In this article, we honoured their achievements  aiming to keep their memory alive.

Prezadas amigas e amigos teño o pracer de compartir convosco o novo libro que veño de publicar, no seu día, será unha satisfacción presentar este libro na presencia e compaña queridas de todos vós.

SAÚDE E LETRAS!!!

Tamén o podedes atopar on-line clicando aquí:

 

viernes, 1 de mayo de 2020

FESTAS DOS MAIOS - 01-05-2020








ÁNIMO VILAGARCÍA!

Ánimo Vilagarcía!
que imos gañar,
a este conavirus
imos derrotar.

Este conavirus
é malo, claro está;
mais, todos xuntos
imos botalo xa!

Parabéns sanitarios,
ánimos de verdá
con este microbio
ides rematar xa!

Vivan voluntarios,
policías e traballadores
sodes de verdade
grandes loitadores!

Os nosos exércitos
son estupendos
a este enemigo
vanno esmagar.

As nenas e os nenos
son un exemplo
o coronavirus
non vai triunfar.

Para nosos velliños
todo o noso amor
que a este mal bicho
non lle teñan temor.

Pois, coa axuda
de nós todos
ímolo alonxar,
ímolo esnaquizar.

Eu xa me despido,
ánimos quero dar,
outro, outro maio
sen dúbida ha chegar!

Viva Vilagarcía,
terra ben fermosa
sairemos desta
de forma airosa.

Esta belida Arousa,
sempre tan loitadora
a esta pandemia
poñerémoslle fin agora.

Ata o próximo ano
queridos conveciños,
agora o que queremos
é que a rosca chegue.



SAÚDE E POESÍA!
Xermán Manuel Torres
Mesa das Verbas



sábado, 25 de abril de 2020

Tito Castro López - Evcalo durmeu fóra

Eduardo Víctor Castro en actividades culturais do Liceo Casino de Marín



Foise o noso amigo Eduardo Víctor Castro López, un dos compoñentes da Mesa das Verbas, un poeta de raza, de xenio, cunha voz baril e comprometida. Como dí o noso amigo Alonso Montero en expresión por el acuñada: foi durmir fóra. Que a terra lle sexa leve e que alá no Ceo, no Olimpo siga a ceibar seus comprometidos versos ao  ar. O noso cariño e agarimo para toda a súa familia, esposa, fillos e netos, son momentos difíciles e tristes; pero el quérenos fortes e loitadores. Ánimos!

Agora os versos de Tito, dun poema que lembra a visita da Mesa das Verbas a illa de Cortegada, e que me enviou por medio do amigo común Carlos Álvarez Puga, Tito di así:

II
VISITAMOS CORTEGADA

Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar.



Aproando cara ao norte,

puxémonos a navegar!

a Praia de Compostela 
 
saudounos ao pasar.



Gardiáns da Ría de Arousa

con celo a nos vixilar:

Barbanza Xiabre e Lobeira,

as gaivotas dende o ar.



A popa e a estribor as poetisas

de doce cantaruxar,

a proa e a babor os poetas

de mariñeiro rimar.



Pilotaba a lancha motora

con pericia e saber estar,

o Patrón Maior de Carril,

digno de agasallar.



Un abrir e pechar de ollos

tardou o barco en chegar,

no pantalán atracamos,

xa deixara de orballar!



Vestidas de hedra e carriza,

non ben a illa pisar,

a capela hospital e casiñas

da aldea do lugar.



Alí dedicámoslle versos

á Corticata insular

os membros da “Mesa das Verbas”

de requintado piar.



Non asistiu a este acto

como invitado estelar,

o conspicuo Alonso Montero,

persoeiro singular.



Rematado o recital

presto botamos a andar:

a foresta paradisíaca,

edénica a beiramar.



Amais de piñeiros carballos

e salgueiros proliferar,

un gran bosque de loureiros

que en Europa non hai par.



E se de fungos falamos,

especies danse a fartar,

segundo os da “Cantarela”

pasan do medio millar.



Porcos bravos e torcazas,
 
que maneira de abundar!

dos primeiros que o digan

as xentes de mariscar.



E se vestixios citamos,

merecente salientar
 
que ánforas se atoparon

na contorna do lugar.



Do presunto peirao romano

moi doado imaxinar

os seus vetustos alicerces

nas secas da beiramar.



Asimesmo fermoso pazo

poderiamos contemplar,

se Alfonso XIII aceptase

Cortegada como soar.



Máis cousiñas habería,

máis cousiñas que contar,

pero déixoas no caletre

que vos podedes cansar.



Case disipada a néboa

tornamos ao Club de Mar,

onde brinde alí fixemos

tras exquisito xantar.



Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar”


  
 Tito de mozo como xogador do Arousa


Eduardo Víctor Castro López (+ 25/04/2020). In memorian.



lunes, 16 de marzo de 2020

SAIREMOS DESTA!!!

Coa colaboración responsable de todos e coa axuda de Deus e de todos os santos, sairemos desta, aínda que nos coste sangue, suor e bágoas, como dicía noutros momentos moi difíciles o meu admirado W. Churchill. A beira da súa estatua en París, retrateime hai uns poucos anos.

Imaxe de Carmen Sánchez

Coraxe! E ánimo a todas e a todos. Un bo xeito de ir superando esto é que nos comuniquemos uns cos outros, medios temos de sobra.

miércoles, 19 de febrero de 2020

CONGRESO NACIONAL DE LAICOS, MADRID 14-16 DE FEBREIRO DE 2020

Imaxe do grupo diocesano de Santiago recén chegado a Madrid

Outra imaxe do grupo ao remate do 2º día de traballo

Agradezo moi sinceramente e con moito gozo a invitación de D. Javier Porro, Delegado Epsicopal do Apostolado Seglar da nosa Arquidiócese de Santiago de Compostela para participar no Congreso Nacional do Laicado, celebrado en Madrid desde o 14 ao 16 de febreiro de 2020 no Pavillón de Cristal da Casa de Campo. Baixo o lema: Pobo de Deus en Saída, xúntamonos entre congresistas, voluntarios, clérigos, músicos, xornalistas, ..., unhas 2.392 persoas para ter un fin de semana de encontro para celebrar, orar e traballar intensamente nas distintas liñas e temas de traballo. Foi unha oportunidade extraordinaria para que o laicado proveniente de practicamente todas as dióceses de España reflexionara e se formara coas ponencias e cos traballos nas distintas liñas e itinerarios de participación.



Pero, antes de chegares a Madrid, houbo un traballo pre congresual de moitos meses de preparativos. Máis de 37.000 persoas de toda España traballaron nos tres documentos e cuestionarios que deron lugar á publicación dun Instrumento de Traballo, tomado como base para a confección das xornadas de encontro no Congreso de Madrid. Houbo tamén xornadas diocesanas preparatorias e informativas, na de Santiago de Compostela (23/11/2019), e como representantes de Arousa, participamos da parroquia do Divino Salvador de Sobradelo, Benito Martínez Lado; da parroquia de Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa, Mª Isabel Campos Guerra, Mª del Carmen Sánchez Costoya e Germán Manuel Torres de Aboal. Estas dúas parroquias traballaron nos documentos-cuestionarios 1, 2, 3, aportaron as súas opinións e reflexións:

PARROQUIA O DIVINO SALVADOR DE SOBRADELO - VILAGARCÍA:

- Alicia Sanmamed Fernández

- Benito Martínez Lado

PARROQUIA SANTA BAIA DE AREALONGA - VILAGARCÍA:

- Mª Isabel Campos Guerra

- Juan Jesús García Diz

- Mª Gloria Porteiro Lago

- José Laya Reboredo

- Juana Mª Taboada Barquero

- Alberto Pérez Soutullo

- Germán Manuel Torres de Aboal 

E todas estas persoas con outras que se van a engadir van formar un Grupo de Vida para un traballo postcongresual que combinará oración e acción para o servicio das súas parroquias e da Igrexa diocesana. Celebrarán a primeira xuntanza desta extensión do Congreso, o luns, 24/02/2020  20:15

martes, 21 de enero de 2020

A PRIMEIRA CAMELIA DO MEU XARDÍN

(Imaxe de Xermán Manuel Torres)

Con esta flor do meu xardín
ofrézoche todo o meu amor,
vida na camelia carmín
con tenrura e afecto sen fin.

Entrega do mencer ó solpor,
douche todo para ti de min
ledicia, dozura e candor
do meu espírito ata o confín.

Camelias dos nosos lares,
calor dos nosos fogares.

XMT

viernes, 3 de enero de 2020

EDICIÓN NÚM. 100 DA MESA DAS VERBAS


PROGRAMA

1.- Palabras iniciais, por un responsable da Mesa das Verbas
2.- Actuación de Al Guanella: "Conversacións con Tana"
3.- Recital poético
4.- Fina Casalderrey falará de pan e poesía nunha intervención que leva por título PAN, MELLOR CON COMPANGO  e o músico Néstor Blanco, acompañado de Martiño Malleiro, interpretará tres pezas compostas para tres poemas de Fina Casalderrey, como primicia dun libro disco que pronto será publicado.
5.- Palabras finais pola Concelleira de Cultura.

Ás 20:00 h. comezaremos esta edición especial que conmemora a creación da Mesa das Verbas o día 21/01/2011, celebramos 100 edicións, celebradas mes a mes, consecutivamente.

SAÚDE E POESÍA!!!

O acto resultou moi ben, moi emotivo, moi humano. Aínda que se nos escapou o tempo, Cronos fixo das súas.


Imaxe de Al Guanella

Imaxe de Al Guanella