martes, 21 de diciembre de 2010

BO NADAL E FELIZ ANINOVO - 2011


(NA IMAXE: "La Virgen de la Servilleta" de Esteban Murillo)

Mentres no mundo
teñamos o sorriso dun neno,
o aloumiño dunha moza namorada,
o agarimo dunha nai
e a sabedoría dun vello
é posible a esperanza,
é posible o Nadal.

martes, 14 de diciembre de 2010

FEDERICO DE LA PEÑA, O FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE GALEGO



Federico de la Peña é autor de varios audiovisuais de carácter documental que atesouran unha grande calidade, malia da escaseza de medios e de axudas. Os documentais onde Federico se amosa máis cómodo e con maiores recursos expresivos e comunicativos son os que se refiren a temas da Natureza e temas da natureza da Nosa Terra, fundamentalmente da provincia de Pontevedra.
Federico fai chegar Galicia, Pontevedra á xente co seu entusiasmo e a súa paixón polos temas do medio natural, que é tan rico nestes lares. Tan rico e tan mal tratado e en moitos aspectos en tan grave perigo. Por eso, é tan necesario coñecelo para concienciarnos todos no seu respecto, coidado e preservación; eso é, en definitiva, o que pretende de la Peña.
Dous traballos de Federico, que merecen a nosa atención e que deberan espallarse e valorarse na súa xusta medida son: AMELIA DE TERRA DE MONTES (o seu magnífico traballo que coñecimos en primeiro lugar), que é realmente fermoso e digno de ter en conta no mundo audiovisual galego. Máis recentemente, centramos o noso interese nos cinco primeiros traballos da serie titulada: O ESPÍA DA NATUREZA, un deses documentais, EN BUSCA DO MEXILLÓN DE RÍO, vén de recibir un importante premio como audiovisual de documentación científica por parte da Casa das Ciencias da Coruña, nel se describe unha especie en extinción, o mexillón de río, os pouquísimos que se conservan aínda nos nosos maltratados ríos. Este é un extraordinario traballo de divulgación de moitísimo interese e que compre ser coñecido.
Animamos a todos dende aquí, para aproximarnos á obra deste documentalista e que se expanda a curiosidade por o gran naturalista pontevedrés, Federico de la Peña, quen admira e se considera discípulo do malogrado, Félix Rodríguez de la Fuente, de tan grata lembranza.

sábado, 4 de diciembre de 2010

A RAPSODIA AROUSÁ NO PAZO DA ÓPERA DA CORUÑA




A Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida polo seu titular, Víctor Pablo Pérez, interpretou por primeira vez a RAPSODIA AROUSÁ do compositor galego, Eligio Vila (Lantaño - Portas, 1943), no Pazo da Ópera da cidade herculina o pasado venres 26 de novembro de 2010. Fomos testemuñas do enorme éxito acadado polo noso amigo Eligio Vila. A RAPSODIA AROUSÁ é un poema musical que evoca a fermosura da Ría de Arousa e que reflicte os traballos mariñeiros e a vida rural dese paraíso que se atopa na Nosa Terra. Ao escoitar esta magnífica peza musical que dura uns dez minutos (que nos saben a pouco) semella como se contemplaramos o espertar da Ría nas primeiras horas do día e o bater das ondas que veñen e van, o marmurio das augas mariñas e a vida que xira ao seu redor. A obra dun fondo lirismo, evoca as raíces populares da nosa cultura, elevadas ao máximo da concepción culta, nunha música clásica onde se funde o clasicismo cun xeito actual de entender a Música. É unha obra contemporánea que recrea a emoción, os sentimentos que provoca a contemplación case franciscana da vivencia da fermosa paisaxe arousá, que acolle dende hai moitos anos ao Elixio home, docente e definitivamente compositor actual galego.
As máis de mil trescentas persoas que tivemos a sorte de presenciar o concerto, premiamos con repetidos e sonoros aplausos ao noso compositor, Eligio Vila, que pode estar orgulloso do seu labor e entender este éxito, como un galardón máis ao seu esforzo e a súa carreira musical. Eligio está constantemente a traballar, ten obra nova, ao mesmo tempo que lle brindamos todos os nosos parabéns, desexamos que as Musas non o abandonen nunca e que os deuses lles sexan propicios.