domingo, 9 de diciembre de 2018

Merry Christmas and happy New Year - 2019 - BO NADAL



BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2019

 "Virgen con el Niño" 
Alonso Cano (Museo do Prado, Madrid)

Acollamos a Xesús como o acolle María, súa Nai; nosa Nai.
María gardaba todo isto e meditábao no seu corazón. (Lc 2, 19)

Traballemos por un mundo máis xusto e con máis igualdade.

Para todos paz no corazón e no noso mundo.

Con agarimo. 

lunes, 3 de diciembre de 2018

A PLEASANT EXPERIENCE IN ARMENTEIRA: EDICIÓN ESPECIAL DA MESA DAS VERBAS - SAN ERO



IMAXE DE IÑAKI ABELLA
FARO DE VIGO - AROUSA

O primeiro sábado deste decembro (01/12/2018), xuntámonos sobre vintecinco amigos da Mesa das Verbas para celebrar unha edición especial que chamamos SAN ERO, facendo realidade unha idea do noso compañeiro e amigo Xosé Ramón Quintáns Suárez. A experiencia foi, recollendo o sentir dos participantes, extraordinaria e que deixou un bo sabor de espírito e de boca. Que eu me lembre, e como moi ben recollía na súa edición de Arousa o Faro de Vigo (02/12/2018), é a primeira vez, despois de case sete anos (que cumpriremos o 21 de xaneiro de 2019), que a Mesa das Verbas celebra unha edición fóra do Concello de Vilagarcía, a pesares de recibires invitacións para celebrar sesións noutros concellos. O programa foi o seguinte:

12:30 h. - Visita guiada ao Mosteiro de Santa María da Armenteira polo noso compañeiro e amigo Augusto Guedes (historiador), quen previamente nos enviou un fermoso e interesante traballo del sobre dito mosteiro nunha presentación en formato pdf.

13:30 h. - Recital poético no Claustro do Mosteiro.

14:30 h. - 16 amigos e compañeiros celebramos unha comida de confraternidade con brindes poéticos, poemas e cancións no bar A FONTE, onde fomos moi ben servidos e atendidos.

18:00 h. - Recital poético na Casa da Cultura da Armenteira, coa colaboración, que agradecemos, do Concello de Meis.

Despois de tan grata e gozosa xornada, xurdiron xa moitas novas iniciativas, ás que intentaremos dar forma. Sempre nos quedará a Armenteira.


O PROFESOR AUGUSTO GUEDES
EN PLENA EXPLICACIÓN

DETALLE DA IGREXA DE SANTA MARÍA DA ARMENTEIRA

BRUMBÉCK EN ACCIÓN
TIZADO NON DURME 
ESTÁ EXTAXIADO COMO O MONXE
A ESCOITAR A PASSARINHA



AÍNDA CANTA A PASSARINHA

Na ponla unha passarinha
aínda di o seu doce cantar,
segue o monxe a pasar;
súa sombra egrexia camiña,

percorre toda a campiña
deste Salnés, preto do mar.
Párome ledo a escoitar
os belos sons desta terriña.

O mosteiro da Armenteira
debido ao paxaro e ao monxiño
ten fama pola Terra enteira.

Non quero deixar o camiño
nin deixar de estar á beira
do lugar sacro do seu niño.

XERMÁN MANUEL TORRES

martes, 20 de noviembre de 2018

BESTIARIO ACADÉMICO - Calquera semellanza coa realidade é pura casualidade







MALDITO BURACO!
Era un meu profesor de Sánscrito, un profesor que somentes  se preocupaba de cobrar a nómina á fin de mes. O alumnado na súa inconsciencia e na súa mocidade facía todo o posible para rir as gracias, os pretendidos chistes e demais historias que lle facían crer ao mestre que era un home moi simpático e ocorrente.
E nós a rir ata escachar co fin de perder o tempo, o máximo tempo de clase. O profesor contábanos unha ridícula historia dunha formiga que el chamaba Fis. Tamén nos contaba o tipo de panos de man, que eran de tea de Cachemira que lle mercaba a súa dona,... e nós a finxir moita atención no que nos contaba e a rir sen parar, como parvos, facendo un grande estrondo e a pasar o tempo; o tempo pasaba, pasaba, soaba o timbre; fin da clase e así tantos minutos acumulados de perda de clases, tempo que se nos descontaba a nós, o docente cobraba mes a mes, puntualmente.
Un día de exame, mentres nós pretendiamos responder ás nosas preguntas, o mestre, desde a súa mesa, lía con fruición o xornal que tiña entre mans.
A maioría da clase aproveitaba para copiar ao máximo, dadas as circunstancias do illamento lector do docente, que non deixaba para nada o xornal. Mais, cando deu a nota dese exame todos os que copiaran aparecían suspensos; como podería ser?
Un día o profesor deixou esquecido, riba da mesa un xornal. Cando marchara, todos nos precipitamos sobre a mesa e observamos con detemento o maldito xornal e tiña un buraquiño no medio, por aí foi como pillou a todos os copistas do exame. Todos exclamamos vaia c. ...!
Pero, seguimos a rir para que pasara o tempo...
Aquel tempo da inconsciente e feliz mocidade que xa non tornará!  

                                                             Xermán Manuel Torres

lunes, 29 de octubre de 2018

ENTRAÑABLE XORNADA EN LEMBRANZA DE FILGUEIRA VALVERDE


Imaxe de Al Guanella


Este pasado domingo tivemos a sorte de compartir unha agarimosa xornada celebrando o 112 aniversario de Xosé Fernando Filgueira Valverde (28/10/1906), galeguista e gran erudito.
Tivemos como anfitrión a Luis González de la Ballina González, quen nos acolleu na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa. Congregámonos alí a partires das 20:00 h. amigos e admiradores de D. Xosé (moitos compoñentes e próximos á Mesa das Verbas) e tivemos a gran sorte de contar con familiares moi directos deste gran home da cultura galega.

Tivo un protagonismo moi especial Xacobe Medina Dacasa (Pontevedra, 2000), bisneto de Filgueira Valverde, que apunta maneiras do seu admirado bisavó. Xacobe presentounos o seu segundo libro: ADRAL DA FILOSOFÍA (Santiago de Compostela, 2018), despois de ter publicado en 2017 o seu primeiro libro: LA VIDA ACTUAL SEGÚN LOS DIOSES. É un mozo dunha formación moi completa: Música, deporte,... Actualmente, cursa 1º de Filosofía na USC e por libre Musicoloxía na UAX. Xacobe con Xermán Manuel Torres comentaron a vida e obra de Xosé Filgueira Valverde, vida fructífera e plena en múltiples e variadas facetas. Tamén tivo tempo para cantarnos unha súa canción acompañándose da guitarra.

O noso amigo e compañeiro da Mesa das Verbas, Antonio Pinedo, declamou o seguinte soneto con estrambote da súa autoría e a xeito de acróstico en homenaxe a Filgueira Valverde:

 .

Logo, todos participamos nun ágape de confraternidade, xentileza do Centro Comercial Arousa.

martes, 16 de octubre de 2018

LXXXVI MESA DAS VERBAS - 27-10-2018 18:00



NESTA MESA CONTAREMOS CUNHA GRANDE SORPRESA
A ACTUACIÓN DO GRANDE ARTISTA AL GUANELLA
E A SÚA CADELIÑA TANA, UNHA PRECIOSA PRINCESA

MOI IMPORTANTE, POR AXUSTES DE PROGRAMACIÓN, COMEZAMOS ESTA MESA DAS VERBAS ÁS
17:30 H. 

domingo, 14 de octubre de 2018

TEATRO: A LEITUGA DE CÉSAR SIERRA




Sábado, 13/10/2018   21:10
Unha tarde de teatro galego no Auditorio Municipal
 de Vilagarcía de Arousa

Nesta función rexistrouse unha boa entrada coas zonas A e B do Auditorio practicamente cheas e algúns espectadores situados na zona C. Quedei contento por este suceso de público.
A representación comezou 10’ despois das nove noite, fíxose a escuridade na sala, arriba o pano e comezou a maxia do teatro.
O título ben escollido, un título metafórico, recollido dunha das frases dunha personaxe, rica en frases e en caracterización, como era o borracho Vinicio. Hai que preocuparse das persoas igual que nos ocupamos dunha leituga para que se logre; témonos que “ocupar de regala e de cambiarlle o osíxeno todos os días”.
A temática moi real que reflicte o día a día familiar e as problemáticas das persoas que as forman:
-         Coidado das persoas maiores e enfermas
-         Eutanasia
-         Egoísmo e tensas relacións entre irmáns
-         A complexidade da familia política: sogros, cuñados
-         A fecundidade / a esterilidade
-         As adopcións
Argumento ben desenvolvido nun melodrama con moi boas pinceladas de humor e toques de moita sorna.
Posta en escena cunha boa economía de medios escénicos, cos elementos lumínicos e de son moi ben tratados. Orixinal xogo de luces e sombras con escenas moi logradas de ralentización con efectos de cámara lenta.
O fondo musical cunha boa selección de temas clásicos.
Moi bo o efecto asubío con iluminación fixa e concentrada no estatismo dos actores e actrices que daban o cambio de escena e de acto.
Elementos sinxelos de decoración con boa iluminación e bo son.
Todo o conxunto de recursos favorecía a verosimilitude da trama.

Traballo de actores fixo cribles as personaxes e permitiron a recreación e a verosimilitude das situacións familiares.
Destacaríamos o papel de Vinicio, pola complexidade de simular todo o tempo a un mozo borracho (con sentencias moi atinadas sobre as diversas situacións representadas). Tamén nos agradou a actriz que representou á cuñada embarazada.
Mais en xeral, todos, actrices e actores desenvolveron dun xeito crible ás súas personaxes. A “Morris” vanlle ben os papeis de humor ácido, cínico e cheos de sorna.
Sen máis, destacar nesta sintética crítica que por medio desta obra puidemos, ao mesmo tempo de desfrutar e de sorrir, reflexionar sobre unha serie de cuestións que afectan ás familias de hoxe; pero, tamén ás de onte e aínda ás do porvir, son problemas e dificultades presentes en todos os tempos. Nesta obra cunha linguaxe e cos modos de agora, auténticos e desenfadados.
Por favor, máis teatro!
Arriba o pano!

jueves, 11 de octubre de 2018

IV XORNADA, FILGUEIRA VALVERDE, SEMPRE EN GALICIA


IV XORNADA FILGUEIRA VALVERDE, SEMPRE EN GALICIA
Domingo, 28 de outubro de 2018   20:00
Sala de Xuntas no 3º andar do Centro Comercial Arousa
Vilagarcía de Arousa

PROGRAMA

-      Acollida e saúdo por parte de Luís González de la Ballina González, director do Centro Comercial Arousa.

-      Presentación de Xacobe Medina Dacasa, bisneto de Filgueira Valverde, quen nos falará dos seus últimos libros.

-      Xacobe Medina Dacasa interpreta algunhas pezas ao violín.

-      Xacobe Medina e Xermán Manuel Torres lembran neste día e conversan sobre Xosé Fernando Filgueira Valverde, no que sería o seu 112 aniversario.

-      Ágape de confraternidade, xentileza do Centro Comercial Arousa.

martes, 2 de octubre de 2018

Segundo curso da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral

(Imaxe de Tere Briones)

(Fotografía de Tere Briones)
(Imaxe de Socorro Touceda)


Os días 19, 21, e 24 de setembro presentáronse nas Vicarías de A Coruña, Santiago de Compostela, e Pontevedra o Plan Pastoral para o presente curso e tamén presentouse o 2º curso da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP) por parte do Sr. Bispo Auxiliar, Mr. D. Jesús Fernández González, e do director da EDAP, Xermán Manuel Torres.

Con referencia a EDAP, principia agora o seu segundo curso de existencia. No curso pasado tivo unha excelente acollida con máis de 1.100 inscritos, 28 animadores, 30 predicadores e 26 coordinadores. Así mesmo recibiu unha alta valoración por parte dos que estiveron vinculados.

Neste segundo curso de especialización, podemos estimar cos datos actuais, que variarán (aumentando) despois da primeira sesión formativa, que contamos con 23 centros e máis de 700 persoas inscritas, manténdose o mesmo número de responsables dos centros, aínda que poidan producirse algunhas baixas e novas altas.

As especializacións serán sobre:

- Catequese

- Liturxia

- Pastoral Familiar

- Pastoral da Saúde

- Cáritas

- Curso Complementario

- Medios de Comunicación

O curso 2018/2019 contará con 16 sesións, distribuídas deste xeito:

- 1 Asamblea Inicial por Vicarías (xa realizadas)

- 1 Asamblea Diocesana (sábado, 8 de xuño de 2019 -data a ter en conta e anotar nas axendas-)

- 2 retiros (Advento e Coresma)

- 12 sesións formativas (4 comúns e 8 de especialización)

As especialidades máis demandadas (por múltiples razóns) foron Catequese e Liturxia.

Os participantes son todos persoas de Igrexa, colaboradores que prestan os seus servizos á Igrexa. A EDAP quere servir para que sigan formando comunidade e prestando o seu voluntariado. As persoas que consigan a declaración de aptos nos dous cursos, recibirán as acreditacións correspondientes dos nosos Bispos e nun futuro poderá serlle enconmendada algunha misión por parte do Ordinario da nosa Diócese.

A data de referencia para o comezo do curso nos distintos centros é o 14 de outubro.

Xuntos facemos camiño como discípulos misioneiros.

martes, 18 de septiembre de 2018

NO EIDO DAS LEMBRANZAS: TITO PORTO





As imaxes son de Andrea Fernández, tomadas na Mesa das Verbas, 04/08/2018   18:00

TITO PORTO MARCHOU XOGAR COAS ESTRELAS E COS COMETAS


Tito Porto, un querido amigo de todos pola súa afabilidade e pola súa actitude tan vitalista, era unha persoa boa, “no bo sentido da palabra boa”. Estaba cheo de ilusións e posuía unha grande creatividade. A súa mente era moza; pero, ao seu corpo empezáronlle a pesar os seus 97 anos e comezou a perder folgos e a sentirse canso. El presentía que a morte estaba preto, el mesmo o recoñecía e poñíase moi triste; porque el quería ser un neno. El sempre foi alegre e inquedo coma un meniño. Tíñalle tanto aprecio e respecto á infancia que sentía pesar por non ter tido un neto. El gozaba cos nenos e os nenos gozaban con el, no meu colexio tivemos a sorte de poder desfrutar do Tito neno entre nenos, xogando a compoñer versos e esculpir soños como un canto á vida, el que tivo unha vida plena e gozou do agarimo dos seus, súa amada esposa Olga e os seus queridos fillos e tivo o cariño e o respecto de todos cantos o coñecían. Sentiremos a súa ausencia os seus amigos da Mesa das Verbas e os seus compañeiros da partida diaria no Liceo Casino, institución tan querida e lembrada.
Agora recuperará a súa leda infancia e estará na compaña dos seus amados e venerados pais e dos seus queridos irmáns.
No alén, Tito seguirá a amar á súa querida Vilagarcía, cos Campos Elíseos onde naceu, os seus xogos e falcatruadas de nenos na súa praza de España, agora volverá a escoitar a campá desta súa igrexa parroquial, onde afondou a súa fe e a súa faceta de boa persoa. E teralle medo ás tronadas e aos ratos do faiado da súa casa e tratará de enganar unha vez máis ás súas irmás, que tanto o mimaban como o irmán pequeno.
E seguirá a compor os versos máis alegres e nostálxicos. Botaremos de menos a súa presencia na Mesa das Verbas, das que era o decano e nas que tanto desfrutou, salvo moi raras excepcións non faltou nunca aos recitais mensuais, que vimos celebrando desde xaneiro de 2011, neste próximo, o sábado que vén renderémoslle outro homenaxe, como o que lle ofrecimos cando cumpriu os seus 95 anos.
Tito, segue a xogar cos anxiños, compoñendo versos, pintando e esculpindo soños cheos de esperanza, volve a ser neno, para sempre neno e vela por todos nós, ti que xa estás na alegre e eterna casa do Pai, descansa en paz querido e inesquecible amigo, co teu sorriso sempre permanecerás nos nosos corazóns.

                 Teu amigo, Xermán Manuel Torres

 

A prensa local tamén se fixo eco do pasamento do noso querido amigo, Faro de Vigo-Arousa, La Voz de Galicia-Arousa, nas súas edicións en formato papel e formato dixital. E o Diario de Arousa en papel.

https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2018/09/19/artista-vilagarcian-marchou-xogar-coas/1964170.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2018/09/19/autodidacta-aguardo-jubilacion-sacar-arte-escena/0003_201809A19C2992.htm

Tamén nos medios dixitais e blogueros, recolleron a triste nova:

O Faiado da Memoria:

http://www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria/