sábado, 23 de enero de 2021

FILGUEIRA VALVERDE E AFONSO X

800 ANIVERSARIO DE AFONSO X 




 Esta efeméride canto lle daría a Xosé Filgueira Valverde para escribir riolas de artigos sobre o rei chamado Sabio e a súa obra e a súa relación con Galicia. Ben é sabido que don Xosé era un dos máximos especialistas sobre a obra afonsina, sobre as súas cantigas, especialmente as dirixidas á Virxe María. A súa tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII foi considerada, no seu momento, en palabras que lle teño escoitado ao filólogo e académico Xesús Alonso Montero, como unha xoia dos estudos da literatura comparada.

 A colaboración de D. Xosé na edición do chamado Códice Rico do Escorial e sobre todo o referido coas cantigas afonsinas e os seus coñecementos sobre o medievo déronlle unha proxección e un prestixio internacional. Como experto canto desfrutaría escribindo e conferenciando sobre estes temas que tanto lle acaían!

 Afonso X tivo a fortuna de cultivar e promover a lingua galega, que daquela era a lingua literaria de prestixio e estaba de moda; porque a nivel persoal e político o aprecio por Galicia parece ser que non era moito. Pero, por ese uso do idioma galego, mereceu en 1980 ser homenaxeado no Día das Letras Galegas. 

Nese ano, eu invitei, como presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, a D. Xosé Filgueira Valverde para que pronunciara unha conferencia en Vilagarcía de Arousa, foi o 9 de maio daquel ano, no Auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Invitara ao meu alumnado a escoitar tan douta conferencia que se titulou: Galicia na obra de Afonso X, que segundo o catálogo de María Xesús Fortes Alén (1996) era a núm. 875 que ditaba.

Esta conmemoración é unha oportunidade para achegarse ao coñecemento de Afonso X e a súa obra e de paso tamén para ler as obras e artigos de Xosé Filgueira Valverde sobre o tema.


Castelao
Ex-Libris de Filgueira Valverde