domingo, 17 de febrero de 2013

XXIII MESA DAS VERBAS

O venres 15 de febreiro de 2013, ás 21:00 h. no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa tivo lugar a XXIII edición da Mesa das Verbas. Vintetrés meses seguidos duns recitais poéticos basados no exercicio libre e respectuoso da arte de versificar. Un grupo xa importante de asíduos que gozan coa declamación e lectura de poemas; mais, segue a ser un grupo aberto e acolledor de todos os amantes da lírica, aínda que sexan malos tempos para a lírica. Tratamos de disfrutar debullando versos e liberando emocións e sentimentos no ar. Nesta ocasión recitaron poemas: Graciela, Elisabeth Millán (declamou un poema en polaco, que logo explicou a todos os presentes), Tito Porto, Ramón Torrado, Tere Briones, Jesús Recio, Carmen Abalo, Andrea Fernández, Antonio Quiñoy, José González, María Palacios, Rafa Gómez, José Tizado, Jean Carballo, Carmen Darriba, Antonio Pinedo, Ángeles Conde, Porto (recitando e recuperando poemas do seu avó: Francisco Porto Rey), Manoel Xosé de Oliveira e Xermán Torres. (Houbo comentarios e pareceres, así como preparativos do especial da Mesa das Verbas, que se celebrará o 19 de abril, coincidindo coa XXV edición). Tivemos unha lembranza especial para unha poetisa e mestra vilagarciana, a mestra de Cea, coñecida como dona Carme, a do Sagrado Corazón. Leron os seus versos a súa filla Carmen Abalo Noya e Andrea Fernández "Nei". Recollemos uns versos do seu poema, A GALICIA, aparecido no seu libro póstumo: POESÍAS AGARIMOSAS: ¡Galegos a moita honra / con moita, moita alegría / para berrar moi forte: / que viva a nosa terriña! / A nosa terra, Galicia / terra da gran Rosalía... / ( Carmen Noya Gasamáns e Mª del Carmen Abalo Noya).

viernes, 8 de febrero de 2013

O SALÓN VARIETÉS DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Sabemos que a piqueta destructora no noso país e nas nosas cidades levou por diante tantas xoias arquitectónicas e patrimoniais de xeito irreparable, que as lamentacións xa non serven de nada. E a nosa Vilagarcía non se libra da queima, a política urbanística e de deseño da cidade deixa bastante que desexar, téndose cometido historicamente bastantes barbaridades. Hoxe queremos lembrar un local emblemático e de certo interese, tal como era o chamado e lembrado Salón Varietés, que nos anos vinte e trinta do pasado século foi lugar de diversión e de lecer de tantos vilagarciáns. Nel proxectábanse as películas de cine mudo, con interpretacións musicais de piano en directo. Tito Porto informounos que o local tiña espacios diferenciados; por exemplo, a zona de “general” e a de preferencia. Lembra Tito Porto que quen tocaba o piano chamábase don Cirilo, e había unha canción popular que se refería a el, tamén nos comenta Tito, que o porteiro de “general” era o señor Rañó. Había varias persoas que vendían lambetadas, castañas e outros productos para acompañar o visionado das películas, nas que a xente, ás veces confundía ficción con realidade e no salón gastábanse moitas bromas e algunhas bastante pesadas e desagradables, tal como nos manifestaba o noso amigo informante. Pero, no Varietés además de cine realizábanse populares espectáculos de cabaret, o que se coñecía como variedades, de aí a denominación do salón. Nós lembramos unha das fachadas do edificio, onde estaba esculpido e remarcado o nome de Varietés así como a imaxe en relevo que representaba ao deus Baco e nos extremos superiores da dita fachada había a cadanseu lado as figuras duns arlequíns. Estes elementos deberan ser conservados e poideran moi ben ter sido instalados na nova fachada do actual edificio, construido no solar que antigamente ocupaba o Salón Varietés, de grata lembranza para tantos vilagarciáns, pero semella que a estética e conservación de certos elementos valiosos non entran nos plans dalgúns arquitectos e dalgunhas disposicións administrativas de xurisdición municipal. Os elementos dos que falo integreinos na portada do meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO, e con fotos da autoría do meu bo amigo, Juan Mariño.
Nesta foto, tomada por min aproximadamente entre os anos 1995 ou 1996, amósase como era a fachada do Salón Varietés, hoxe desgraciadamente desaparecida. Onde estarán os seus elementos ornamentais característicos?

domingo, 3 de febrero de 2013

A VOLTAS COA NOSA LINGUA

Para todo cidadán e político galego debería ser unha honra utilizar e defender o idioma galego, como un tesouro herdado con tanto sacrificio dos nosos devanceiros. As análises sociolingüísticas reflicten que Galicia e a súa lingua están en perigo de extinción por razóns da situación social e demográfica, da crise económica e política; Galicia está a quedar sen xente, unha cultura en transo de suicidio, moitos galegos condicionados ou non por políticos e políticas que semellan alleos e hostís, non valoran, mesmo desprezan a propia lingua e a propia cultura, os complexos de castración e a problemática da digloxia fan que non levantemos cabeza, semella como se estivesemos condenados a non comprendérmonos e non aceptar ás nosas peculiaridades históricas. Temos moitos politiquiños sen conciencia de Estado e que defenden intereses pouco claros e sen sentido da ética e sen ter comportamentos morais exemplares para toda a poboación, que ten unha imaxe nefasta da política o que leva a comportamentos fascistoides e doutras épocas que xa se crían esquecidas. Hai que mellorar e elevar o nivel das prácticas políticas, é precisa unha actitude moral que conduza ao respecto polas persoas, polas diversas culturas, mesmo chegar a valorar no máximo grao ás formas institucionais e parlamentarias que revelen o xeito de actuar plenamente democrático. Hai que mellorar o nivel do discurso político. Todo co fin de alonxar da nosa realidade o que asevera aquel famoso verso dunha coñecida e interesante canción, “Señora Azul” do ano 1974: “la mediocridad está en tu corazón”. Pois si, hai moito político mediocre na nosa Galicia, que falan, ou mellor, non falan galego cando lles peta e fan defensa e promoven máis as linguas de poder e de prestixio, basados estes, en razóns materialistas e económicas (esas linguas poderían ser o inglés, o castelán, o chinés, que están a devorar aos outros idiomas), son eses “imbéciles e escuros que non nos entenden, non”; non saben que a lingua e a cultura ameazadas e que ao paso que vamos acabarán por desaparecer son a nosa pobre lingua galega e a nosa aldraxada cultura galega. Aínda podemos facer algo, coñecelas e chegalas a amar.