domingo, 22 de abril de 2018

I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 18





Reunido o xurado o mércores, 18/04/2018    18:00 h, baixo a presidencia de Enrique Brumbéck e integrado ademais por Andrea Fernández, Ramón Torrado e Luís González, despois das súas deliberacións, emitiron o seguinte fallo:

1º PREMIO:   Cristian Díaz Araújo, por "Esquecinme"

2º PREMIO:   Xermán Manuel Torres, por "Bucle no labirinto"

3º PREMIO:   Augusto Guedes, por "Miño"

O xurado tamén decidiu establecer un accésit para Alejandro Guanella, por "Vibracións"

A entrega de premios terá lugar o xoves, 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, ás 20:00 h. na sala de xuntanzas, no 3º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía, nunha edición especial, a LXXXII Mesa das Verbas.

Parabéns para os máis de 70 participantes e noraboa a todos os premiados.


miércoles, 18 de abril de 2018

A UNHA "EUGENIA DE MONTIJO"



Esplendorosa cor, vida
dunha "Eugenia de Montijo",
ledicia en vermello,
plenitude de camelia;
un segundo de carmesí,
instante cromático paralizado,
amor no meu corazón,
instantánea sensación
de xenerosidade natural.

---

Na sinxeleza das cousas,
como nunha flor,
agóchase a plenitude da vida.

martes, 10 de abril de 2018

O tío Manolito na lembranza




Xogo de verbas para o meu tío Manolito

Están tristes os xiríns,
xa non cantan os merlos
vaise a ledicia polo río,
foise o tío Manolito ao alén.

Leváronse os seus sorrisos,
anda de estrela en estrela
buscando nos niños os ovos
de novas e siderais aves.

Desde alá verá a Galicia,
a súa amada terriña,
desexando máis xustiza
e máis ledicia para todos.

Chouta ledo meu querido tío
desde planeta en planeta
que interesantes documentais ves,
que a viaxe sexa para ti feliz.

Os teus lembrarante por sempre,
a Puca triste sen ti
envíache seu mellor ladrido.
Túa terra caldense nota túa ausencia.

Voa libre polo espazo
nos nosos corazóns repousas,
tempo de paz e de estrelas,
es capitán do tempo inabarcable.

                      Xermán Manuel Torres