domingo, 27 de junio de 2010

VILA FARIÑA PRESENTA UN LIBRO NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA




Á tardiña do día de San Xoán (patrón da parroquia de Baión), no Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, ás 20:30 h., celebrouse a presentación da segunda edición do libro de Xosé Lois Vila Fariña, Cronista Oficial do Concello de Vilanova de Arousa, que leva por título: MEMORIA HISTÓRICA DE LA PARROQUIA DE BAIÓN.
En primeiro lugar, deu a benvida aos amigos e amigas presentes e dirixiu unhas verbas de introducción, Xermán Torres, Vicepresidente e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino. Comentou, entre outras moitas cousas, que o amigo Xosé Lois é unha persoa digna de admiración e de louvanza pola súa exemplaridade, a súa loita por superar titanicamente todos os atrancos da vida e polo seu grande amor polos seus, polo seu querido pobo de Baión, por toda a comarca do Salnés-Arousa e por Galicia e o galego en xeral. Tamén asombra a súa extraordinaria afección, dende moi cativo, pola lectoescritura e polo coñecemento e estudo da Historia en xeral e da Historia local e comarcal, en particular, asunto no que é un magnífico experto. É merecente de ser salientado o seu autodidactismo e o seu traballo denodado por coñecer e por saber; sen dúbida, é unha lección vivinte para todos nós. A súa peripecia vital podía dar para escribir unha interesante novela. Referíndonos ao seu libro, subliñar que é unha voluminosa fonte de datos sobre os veciños de Baión ao longo da historia, eles son os verdadeiros protagonistas do libro. Este ofrece abondosa información dende a Prehistoria ata os nosos días, non queda pedra, monumento, recuncho, dato sobre Baión que non se vexa reflectido nesta extensa obra. Verdadeiro banco de datos sobre a parroquia, hoxe vilanovesa. Baión pode sentirse orgulloso por ter un fillo que sabe renderlle homenaxe en forma de libro. Baión ten o seu libro, non todos os pobos poden presumir de contar cunha publicación así, Baión si, grazas a Vila Fariña.
Finalmente, o autor toma a palabra para disertar da presencia de Baión en Vilagarcía; pois practicamente dende o ano 1935 e ata 1945, Baión pertenceu ao Concello de Vilagarcía de Arousa. Detrás desta anexión estaba, sobre todo, o Partido Galeguista. Algúns persoeiros da época vían positivo este asunto, por múltiples razóns, entre elas, proximidade xeográfica, facilidade nas comunicacións, posibilidade dunha mellor atención á parroquia, e tamén razóns de índole económica. Pero, as forzas conservadoras de Vilanova de Arousa non eran partidarias de que Baión pertencese ao Concello de Vilagarcía de Arousa e como consecuencia da Guerra Civil de 1936 e o conseguinte réxime político resultante, vaise ir conseguindo pouco a pouco que Baión pase á xurisdicción de Vilanova despois do ano 1945.
Entre os fillos ilustres de Baión, existe a hipótese de que o bispo medieval Álvaro Pelagio, fillo natural de Paio Gómez Charino, Almirante do Mar, fose nativo da parroquia de Baión, tiveron casa e frecuentaron Baión personaxes como Bóveda, Castelao, os Álvarez Limeses, porque Baión ten unha fértil campiña e lugares cheos de maxia e de historia, que o noso amigo Vila Fariña quérenos facer descubrir e para que quede constancia escrita, xa que esto é a natureza da historia, da vida e milagres dun pobo digno de pasar á Historia, Xosé Lois encargouse diso precisamente.
Antes de por fin ao acto, houbo unha interesante quenda de preguntas ao autor por parte do público asistente, que resultou moi ilustrativa. De seguido, Vila firmou e dedicou algúns exemplares, non sen antes, de que o Vicepresidente do Liceo Casino agradecese a todos os asistentes pola súa presencia a este acto cultural.

domingo, 13 de junio de 2010

LEMBRANZAS DE ANISIA MIRANDA E DE NEIRA VILAS



Cheguei ao coñecemento de Xosé Neira Vilas por medio do seu extraordinario libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO, este best-seller fórame regalado por un grande amigo, extraordinario amante de Galicia, quen me concienciou na descuberta da nosa lingua e da nosa cultura, falo do crego galeguista, Daniel Luis Espiño Otero, moi coñecido e querido na nosa comarca de Arousa.
Ao meu alumnado, cando ensinaba a nosa lingua, transmitinlle o coñecemento de Neira Vilas e da súa obra. O 6 de xuño de 1996, visitamos en Gres (Vila de Cruces) ao matrimonio de escritores, Xosé e Anisia, eles recibíronnos moi agarimosamente na súa casa. Descubrimos a súa tenrura e a súa sensibilidade; foron uns anfitrións exquisitos, tanto o alumnado como o profesorado quedamos fascinados coa visita á casa e a biblioteca-complexo cultural de ámbolos dous escritores.
Posteriormente, e en varias ocasións tiven a oportunidade de entrevistar a Anisia Miranda no espazo dos libros: O CURRUNCHO DOS LIBROS do programa sabatino "HOY PARA TI" de Radio "Arosa"-SER. Neste espazo radiofónico recomendabamos (facémolo agora igualmente) a obra literaria da exemplar parella NEIRA-MIRANDA. Os dous amaban a Galicia dun xeito especial, Xosé sígueo a facer, desgraciadamente sen a presencia motivadora de Anisia. Sirvan estas verbas de recoñecemento e admiración pola súa obra e exemplaridade; ao mesmo tempo, facemos sentida lembranza de Anisia Miranda, marcada por Galicia e por Cuba, dous países tan relacionados e tan próximos. A presencia galega en Cuba é determinante e alá sucederon e xestáronse tantas cousas importantes para Galicia: himno, Real Academia e alí foron acollidos tantos galegos, pasaron tempadas naquelas terras moitos escritores, artistas e intelectuais galegos, entre eles, Curros, Cabanillas...
Para Anisia a nosa testemuña de cariño e de gratitude, q.e.p.d.

Non deixen de achegarse a obra de Xosé e de Anisia e de visitar o lugar entrañable de Gres, as súas terras, os seus ríos, a súa paisaxe son o marco onde se desenvolven as historias do inesquecible e importante libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO.

(Nas imaxes, o artigo en ONDAS DE AROSA, que recolle a nosa primeira visita a Gres, e un autógrafo de Neira Vilas nun dos meus exemplares de MEMORIAS).

viernes, 4 de junio de 2010

AS VERBAS


MARABALLA.- Sobre esta verba fala o mestre Filgueira no seu primeiro ADRAL nun artigo chamado O ARUME ARPADO, onde indica que é unha das numerosas variedades da palabra arume, que nomea as acículas dos pinos.
Na miña infancia teño escoitado, no ámbito local de Caldas de Reis, a palabra maraballa, referida a unha herba de forma radial, estrelada que era moi gorentosa para os coellos. Aínda lembro a miña nai recollendo maraballas cun coitelo vello no herbal que había preto do río Umia e do lavadoiro de auga quente de Caldas. Ese mesmo herbal servía para poñer a roupa a clarear e como tendedeiro comunal. Tamén me lembro como os coellos comían con fruición as para eles saborosas maraballas.
Aínda que Filgueira escribe esta verba con "b", eu tamén a escribía así, nos diccionarios de lingua galega actuais figura: maravalla, e no Gran Diccionario Xerais da Lingua Galega, atopamos esta acepción da palabra: "Xénero de plantas vivaces da familia das compostas, de follas alternas de cor variable; comprende unhas vinte especies das que a máis coñecida é a CALENDULA OFFICINALIS.

(No meu debuxo aparece un coello e un esquema de como recordo que era a maraballa, da que el é un gran devorador).