miércoles, 16 de octubre de 2013

CALDAS DE REIS NA MIÑA LEMBRANZA

Eu cheguei a Caldas de Reis de bebé no ano 1957 e permanecín na vila termal de xeito continuo ata o ano de 1970. Pasei, pois, a primeira etapa da miña vida na vila real (a de dona Urraca e Afonso VII) e sempre que podo retorno a feliz infancia en Caldas. As lembranzas van sendo xa brumosas, a memoria selectiva vaise quedando con algúns retallos e con moitas lagoas, mais gústame recrearme no que aínda permanece, de moita xente esquecín os nomes, pero aínda reteño moitas anécdotas e vivencias, algunhas xa foron recollidas nesta bitácora, sempre hai o perigo das repeticións, ímonos facendo vellos, o paso inexorable do tempo non se detén, a brétema do Umia envolve o meu pensamento, aquela humidade do querido e recordado río fería daquela a miña feble gorxa que naqueles tempos era un dos meus puntos fracos. A foto que ilustra esta entrada, datada o 28 de abril de 1964 e realizada por FOTOS SAMPAYO, fai referencia ao que entonces chamabamos o Punto, lugar onde un garda municipal dirixía o tráfico e preto de onde estaba a parada de autobuses, diante dos grandes e senlleiros magnolios que aínda perviven e que daban entrada a antesala do parque xardín e onde estaban daquela a Escola Graduada de Nenos, dirixida polo inesquecible D. Victoriano Rosales, e a Escola Graduada de Nenas, dirixida por Dna. María Sarandeses. Estaba a liña de autobuses A Estradense, que facía o percorrido da Estrada a Pontevedra e viceversa e tamén a do famoso Castromil que unía Vigo con Santiago. Logo estaba o autobús do señor Sinsonte que facía o servicio á estación de ferrocarril de Portas. Meu tío Manolito e mais eu viñamos de recoller un paquete na parada dos autobuses, a Sra. Estrella, esposa dun coñecido traballador do servicio municipal de limpeza, facía o servicio de reparto de paquetería das distintas liñas de autobuses. Tamén recordo que na Prazuela había unha coñecida carnicería da familia Fariña Muñiz que un día á semana poñía á venda uns deliciosos “rixóns”, valía unha peseta o cucurucho. Lembro que en Caldas, naquel tempo, había tres farmacias a de Pura Parga Vázquez (onde traballaba meu tío Manolito), a de D. Paco Álvarez, que chegara a ser alcalde, e o seu fillo Paquito que fóra meu compañeiro no colexio San Fermín dos Padres Somascos, e a de D. Ramón Suárez que estaba preto do Hotel Balneario Dávila e a fonte das burgas. Xa que mencionei aos somascos, lémbrome especialmente do padre Lorenzo, que foi superior e director, e que permaneceu ata o seu pasamento en Caldas, o padre José, o padre Jorge (quen me preparou para a primeira comuñón) e o mozo padre Federico. E xa que falamos de relixiosos, endexamais esquecerei ao pasionista, padre Ismael, quen me fixo participar por primeira vez na lectura do evanxeo nunha misa, tiña eu sobre nove anos e nun domingo de Ramos lin toda a Paixón, paseino moi mal, pero quedeille para sempre agradecido ao padre Ismael. Finalmente, remato cunha anécdota verídica, que é posible que contara algunha vez, de parvuliño estudiei no Colexio da Encarnación, que daquela rexentaban as Hermanas de la Doctrina Cristiana, é unha da relixiosas que se chamaba a madre Aurelia e que era tan baixa que parecía por pequena un de nós, era moi simpática, recórdoa cantándonos con xestos algunhas cancións infantís, tamén teño unha lembranza difusa dunha relixiosa alta e moi boa, que morrera estando alí no colexio, e que nos introducira magnificamente na lectura, lembro varios libros, o meu preferido titulábase HEMOS VISTO AL SEÑOR, pero tamén estaban AMIGUITOS, o RAYAS e os inefables cadernos de escritura e cálculo, RUBIO. Pero, ao que ía, a anécdota, empezaramos un dos cursos de parvuliños e un compañeiro que se chama Eugenio Torres, que hoxe é médico, incorporouse ás clases máis tarde e sentou ao meu carón, pero non deixaba de chorar e chorar, eu para que calara e se consolara, fíxenlle, realizando dobreces nun papel, unha especie de acordeón, cando estabamos neste choio, unha mestra leiga que chamabamos dona Emilia, e que era sobriña do cura párroco de Santo Tomás, daquela D. José Grande Bayón, non sei o que debeu interpretar que non se lle ocorreu máis que poñerme como un lazo dito papel na miña cabeza e levarme para expoñerme polas outras clases (aínda hoxe é algo que non podo comprender), nunha delas, estaba unha miña veciña da rúa dos Fornos, que ao verme daquel xeito botou a rir sen parar e fíxome rir a min tamén. O que sei, é que rematamos os dous na clase da monxa que era a superiora, quen nos mandou poñer de xeonllos, como Mari Carme, a filla de señora Nilda e do señor Manuel, que tiñan unha famosa e coñecida panadería na nosa rúa, non paraba de rir, a monxa lanzounos ao rebolo unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa, menos mal que non tivo puntería e non nos dou a ningún dos dous, o que puidera ser unha desgracia. Bo, eran cousas daqueles felices e grises tempos idos. Outro día retornaremos a Caldas de Reis.

jueves, 10 de octubre de 2013

CONTRA DA POBREZA

O QUE QUEIRAS PARA TI, QUÉREO PARA OS DEMAIS /// (A fotografía é de Martina Miser - La Voz de Galicia - Arousa, corresponde ao Festival Benéfico de Cáritas Parroquial de Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa, 06/10/2013)

jueves, 3 de octubre de 2013

FESTIVAL DE CÁRITAS

FESTIVAL BENÉFICO (06/10/2013)/ PROGRAMA/ CORO SANTA EULALIA-NOSA SEÑORA DA XUNQUEIRA 1.- Cantares 2.- Eres tú 3.- Te quiero 4.- Negra Sombra // CORO “VOCES AMIGAS” DE VILAGARCÍA 1.- Xa non sei cantar 2.- Perdóname 3.- La chilena 4.- D. Gil de Alcalá 5.- El Peregrino // GRUPO DE ACORDEÓNS E VOCES “AROUSA BAY” 1.- Miudiño 2.- Celoso 3.- Alecrín 4.- Despierta 5.- Veinte años // ORQUESTRA DE PULSO E PÚA “AROUSA” 1.- Valsecitos del Perú 2.- Recordando a The Beatles 3.- Boleros eternos 4.- Paseo musical americano 5.- El huéped del sevillano (lagarteranas)///. RESULTOU UN ACTO MOI AGRADABLE. O NÚMERO DA RIFA AGRACIADO CO ÓLEO E A PEQUENA BIBLIOTECA QUE SE SORTEARON, FOI O NÚMERO 16 (DEZASEIS) TRANSCORRIDOS TRES MESES SE NINGUÉN RECLAMA O PREMIO, ACUMULARANSE OS OBXECTOS PREMIADOS PARA OUTRA POSIBLE RIFA QUE SE POIDA ORGANIZAR. GRAZAS A TODOS OS QUE COLABORARON NESTE ACTO SOLIDARIO.

martes, 1 de octubre de 2013

XXXI MESA DAS VERBAS

Unha edición máis deste mensual encontro poético, onde soltamos as verbas en forma de versos con liberdade ao vento, un vento ferido, máis un vento esperanzado; á fin quédannos as palabras, que nos fan máis humanos, que configuran o noso pensamento, o noso ser. Os afeccionados á poesía quedamos o venres 4, no Liceo Casino, rúa Castelao, 5 de Vilagarcía de Arousa. Nesta oportunidade, a partires das 20:00 h. poderemos ollar vídeos e fotos de pasadas edicións. Correde a voz. SAÚDE E POESÍA.