jueves, 10 de diciembre de 2015

PRESENTACIÓN DO LIBRO: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, ALCALDE DE PONTEVEDRA (1959-1968). ASPECTOS EDUCATIVOS E CULTURAIS



Presentación do libro de Xermán Manuel Torres:
XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, ALCALDE DE PONTEVEDRA (1959-1968). ASPECTOS EDUCATIVOS E CULTURAIS. Valencia, Pasiónporloslibros, 2015.

Deica o de agora, realizáronse os seguintes actos de presentación:

- 11/12/2015; 20:15 h., no salón de actos da parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa.

- 18/12/2015; 20:00 h., no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

- 22/12/2015; 21:00 h., no Salón García do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Os eixes sobre os que xira a acción política de Filgueira na súa alcaldía son:
EDUCACIÓN-CULTURA-DEPORTE
sen olvidarse doutras parcelas moi importantes nun concello como a limpeza, a auga, o servizo de bombeiros, etc. Traballou moito, tiña moitos proxectos e moi pouco diñeiro. Outra preocupación de Filgueira era a ampliación e aumento dos orzamentos e das achegas económicas para o seu Concello e vaia se o conseguiu, aínda que non na medida que desexaba, cando el chega a alcaldía o orzamento do Concello de Pontevedra era de 19.500.000 ptas e cando a deixa o orzamento ascendía a 57.500.000 ptas.
No meu libro, con datos e cifras concretas pode comprobarse o traballo de Filgueira Valverde sobre todo nos aspectos educativos e culturais. Na súa etapa configurase a Pontevedra de hoxe co máximo respecto pola riqueza monumental, artística e histórica da cidade. Tamén queda claro que o "sambenito" que lle colgaron a Filgueira de que trouxo a Celulosas queda totalmente esclarecido e cunha resposta contundente: non tivo nada que ver. Non lle quedou máis remedio que asistir como alcalde a súa inauguración, pero a decisión da instalación viña de antes e foi responsabilidade do Instituto Nacional de Industria (INI) e do Goberno Civil de Pontevedra.
O libro é froito dunha miña investigación levada a cabo no Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra nos meses de verán de 2002 e para ser aproveitada na miña tese de doutoramento presentada na UNED:
JOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE, SU PROYECCIÓN COMO INTELECTUAL Y EDUCADOR.

DIARIO DE AROUSA, 10/12/2015:


http://www.diariodearousa.com/articulo/vilagarcia/filgueira-valverde-colgaronlle-sambenito-da-celulosa-non-tivo-nada-ver/20151210002113130931.html

“A Filgueira Valverde colgáronlle o sambenito da celulosa, pero el non tivo nada que ver”

| Actualizado 10 Diciembre 2015 - 00:40 h.



Xermán Torres presenta un libro sobre Filgueira Valverde borja arcos


 Son moitos anos os que o vilagarcián Xermán Torres leva dedicado ao estudo da figura de Xosé Filgueira Valverde. Este, ademais de escritor, intelectual e divulgador, foi alcalde de Pontevedra entre os anos 1959 e 1968. Foi xusto este periodo de tempo o que Xermán Torres analizou con motivo da súa tese de doutoramento e é dese estudo de donde xurde o libro que este vilagarciá presentará oficialmente nos próximos días.
       “É un libro que, pese a ser un estudo de 140 actas plenarias de cando Filgueira Valverde era alcalde de Pontevedra, é apto para todos os públicos. De feito, aínda que é un libro de investigación, aqueles interesados na cultura tamén o van atopar interesante”, sinala o autor.
       Con este traballo Xermán Torres pretende sobre todo destacar o labor educativo e cultural que a figura de Filgueira Valverde tivo en Pontevedra. “En termos educativos foi unha persoa moi importante. Abriu comedores, creou escolas e vivendas para mestres, sobre todo no rural, tamén o Conservatorio e foi o que mercou o Estadio de Pasarón, entre outras cousas”, explica o vilagarcián estudoso da figura de Filgueira.
      Na obra de Torres tamén se abordan cuestións polémicas como o problema da celulosa que a capital de provincia ten dende hai anos. “A Filgueira Valverde intentóuselle colgar o sambenito da celulosa, pero non foi el o que a autorizou, senón que é unha cuestión que viña dende moito antes de que el fose alcalde e que viña ordenada dende o goberno do Estado”, explica.
      Filgueira Valverde foi alcalde de Pontevedra durante o Franquismo. “Aínda que si, é certo que era rexedor cando vivía Franco o certo é que era un alcalde bastante independente. Decidiu selo porque llo pediron uns amigos. El condenaba o falanxismo e, de feito, nos actos aos que asistía do Réxime el nunca levantaba a man como indicaba o saúdo feixista”, explica o estudoso.
         O libro de Xermán Torres presentarase  mañá venres ás 20.15 horas na parroquia de Santa Baia de Arealonga. O día 18 será a quenda do salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás oito da tarde. O día 22 ao fío das nove da noite presentarase no Salón García, en Vilagarcía.

En La Voz de Galicia - Arousa, 10/12/2015:

 http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2015/12/10/libro-sobre-filgueira-valverde/0003_201512A10C11995.htm




viernes, 4 de diciembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (IV)

Rafael L. Torre

"A Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra"





Valle Pérez presenta e agradece a aceptación de defender a súa ponencia a Rafael L. Torre, experto na materia e gran xornalista, coñecedor do s. XX de Pontevedra. Finaliza reiterando a súa gratitude ao conferenciante polas facilidades que sempre da ao Museo cando se lle pide a súa colaboración.

Rafael L. Torre pola súa parte manifesta a súa gratitude ao Museo e á Universidade de Vigo e manifesta que ten unha especial querencia polos temas da Caixa de Aforros por varios motivos, dita Caixa de Aforros foi cliente da súa empresa de asesoría sobre temas de información e divulgación, porque elaborou o seu libro sobre a historia da mesma por encargo da citada entidade. Tamén por facilitarlle ao emprender as súas investigacións o coñecemento dunha persoa crucial para a provincia de Pontevedra como foi Daniel de la Sota Valdecilla, sobre o que manifesta: "tengo un libro entre manos". Recoñece que Carlos Velasco fixo posibles as tres cousas que antes mencionou. Os vinte ou trinta primeiros anos da Caixa son de suma importancia para a historia de Pontevedra, para a súa historia social.

Durante moito tempo foi cuestionada a Deputación Provincial, sendo moi contestado este poder provincial, incluso moito máis que agora. Pedíase con insistencia a desaparición das deputacións.

Daniel de la Sota chega á presidencia da Deputación en 1924, eses case séis anos da súa presidencia son uns anos clave. Na época de Primo de Rivera prodúcese a idade de ouro da Deputación, que coincide case na súa totalidade co mandato de de la Sota. Nesta época prodúcense, entre outros, estes transcendentais feitos:

- Becas para os artistas

- Repoboación forestal

- Instalación da Misión Biolóxica en Pontevedra

- Absorción do Hospital, que pasa de municipal a provincial

- Creación do Museo de Pontevedra

- Fundación da Caixa de Aforros Provincial  


A CAIXA DE AFORROS

Tiña á Deputación Provincial como sociedade matriz. Nun primeiro lugar, ocupa dúas pequenas habitacións do pazo provincial.

Castelao non tivo nada que ver coa fundación da Caixa. Si tiña unha relación moi estreita e de colaboración con Daniel de la Sota. O fillo de Castelao, Alfonsiño Daniel e o seu curmán , Turiñas e o fillo de Daniel de la Sota, Alejandro eran íntimos amigos. Este último chegará a ser un recoñecido arquitecto. Alejandro considera a Castelao como o seu primeiro mestre no debuxo.

A Caixa de Aforros pretendía xerar a propia facenda da Deputación e ter unha importante atención social. O diñeiro de Pontevedra hai que invertilo en Pontevedra. Cun símil cinematográfico, de la Sota é o director e productor da Caixa e Bóveda é o guionista e primeiro actor. Bóveda  será o xestor da facenda e da economía da Deputación co seu importante papel na ordenación e cobro das cédulas persoais. Seguindo coa comparación anterior, Armando Rodríguez Acosta sería o secundario de luxo, man dereita de Bóveda.

Bóveda é comisionado para visitar caixas de aforro xa creadas para recoller adiantos e toda canta información valiosa puidera achegar. Visita as de Guipúzcoa, a máis antiga, a de Barcelona, Vizcaia e Valladolid.

Antes da posta en marcha e reforzamento das caixas provinciais existiron as caixas municipais e monte de piedade, as caixas provinciais consolídanse a partires de 1940.

Bóveda inspírase sobre todo na Caixa de Barcelona.

A fundación da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra tivo lugar o 28/06/1929, e desde os inicios tivo un forte acento benéfico social. "El protocolo fundacional constaba de 66 artículos".

En Pontevedra xa existían a Caixa de Aforros Municipal e Monte de Piedade, o Banco de Crédito Agrícola e Caixa de Aforros Foral, esta última fundada coa intención da redención dos foros.

O 12/01/1930 constitúese o Consello de Administración da nova caixa e o nomeamento de Bóveda como director, que toma posesión o 19/01/1930, formarán parte deste proxecto desde os inicios: López García, Armando Rodríguez Acosta e José Luís Bermúdez, que permanecerán unidos a dita entidade ata a súa xubilación en 1971. O día 20/01/1930 ten lugar a solemne inauguración, aproveitando o cumio das catro deputacións galegas que se celebra en Pontevedra os días 20 e 21 de xaneiro de 1930, tendo como anfitrións ao presidente, Daniel de la Sota e á Deputación de Pontevedra, asisten todos os presidentes das deputacións galegas e os gobernadores civís da catro provincias. Neste importante cumio demándase ao goberno central a construcción do Ferrocarril Central Galego e a Gran Cruz do Mérito Civil para D. Daniel de la Sota, polo seu gran labor nos séis anos que estivo á fronte da deputación pontevedresa.

Promóvese que o maior número de cidadáns abran as súas cartillas de aforro e D. Daniel de la Sota da exemplo abrindo libretas aos seus fillos, a cartilla nº 54 corresponde a Alejandro de la Sota.

Como fonte de atracción e propaganda vanse realizar os famosos sorteos públicos da Caixa coincidindo co Día do Aforro. Naqueles tempos ofrecíanse tres premios de 50 ptas. para os primeiros aforradores. E premiábanse aos párrocos e aos mestres e mestras que realizaban a captación de clientes nos pobos, con premios de 100 ptas. para os mellores.

A caída do xeneral Primo de Rivera provoca a dimisión de Daniel de la Sota como presidente da Deputación de Pontevedra e de todo o seu equipo, así como a de todos os deputados provinciais, esto supón nesta cadea de obrigados abandonos, a dimisión de Bóveda no seu posto de responsable da Facenda provincial e como director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra.

D. Daniel manifestara como principio do seu mandato: "No confundir la esfera de lo político con la administración".

A nova Deputación pretende destruír toda a obra de Daniel de la Sota. A Caixa puido desaparecer por inanición, puideron liquidar a Caixa en séis ou sete anos. Pero houbo un miragre, un salvador, Armando Rodríguez Acosta, quen lle explica aos novos xestores que a Caixa debe pervivir para toda a vida polos beneficios que podía aportar para a riqueza da provincia. Nesto topou un gran aliado, o pai de Peláez Casalderrey (quen chegaría ser presidente da Deputación), Casiano Peláez Merino, propietario do comercio El Globo, que foi Conselleiro Director durante a Guerra Civil e ata finais dos anos 40.

Os fondos da Caixa en 1936 eran de 1.000.000 ptas., que pasan a 2.000.000 ptas en 1937. Benefícialle á Caixa que Pontevedra estaba na retagarda.

En 1944 mércase un edificio en construcción por 100.000 ptas para albergar a nova sé da Caixa. Términase o edificio nos anos 1947-1948.

En 1944, a Caixa acada uns fondos de 6.000.000 ptas.

En 1948 prodúcese un gran desfalco na repoboación forestal o que fulmina o acto de inauguración do novo edificio da Caixa. É un ano de gran crisis na Caixa e na Deputación Provincial. Como consecuencia a pura e dura intervención da Caixa como decisión de Madrid.

Cando José Solís Ruiz foi Gobernador Civil de Pontevedra deulle por facer vivendas sociais e quería meter neste proxecto á Caixa.

Cando se produce un cambio na Deputación Provincial de Pontevedra e Luís Rocafort se converte en presidente en 1957 noméase a D. Daniel de la Sota como Presidente Honorario e réndeselle unha homenaxe. D. Daniel sobreviviría séis ou sete meses a este acontecemento, tan merecido.

"El poder central se puso al lado de Vigo. Y la Caja de Ahorros Municipal de Vigo se expande por toda la provincia". A nova Lei de Caixas permitiu que unha caixa de ámbito municipal abarcara ao ámbito provincial. O poder de Vigo impúsoxe.

EPÍLOGO

Durante a década dos 90 do pasado século prodúcese a fusión das Caixas do Sur, tendo como impulsores de tal feito a Manuel Fraga Iribarne e aos seus Conselleiros, Orza e Cuíña. Pretendíase a fusión antes das eleccións municipais de 1999. A Caixa de Aforros de Pontevedra oponse, o 12/03/1999 hai unha xuntanza na Deputación para forzar a fusión. Ese día e o seguinte non hai ningún acordo, pero o día 15/03/1999 acéptase a fusión.

Villarino chega a dicir: "Hemos cambiado de postura pero no de opinión".

Na década dos 90 a Caixa alcanzou os seus mellores resultados.

"Carlos Velasco renuncia al cargo antes de la fusión, quiso morir con la Caja".

"70 años de luces y sombras, la historia de la Caja tuvo un gran peso en la provincia".

Algúns dos seus logros:

- Compra de Lourizán

- Financiación de todo San Antoniño

- Residencia de Estudiantes

- Centro Rexional (Asociado) da UNED en Pontevedra

- Obra cultural

- Grandes e pequenas axudas

- Identificación e confianza da xente humilde na cartilla de aforros

Sería moi importante non perder as actas da entidade, por eso o conferenciante interpela ao Museo de Pontevedra, na figura do seu director, presente neste acto, para que se faga unha xestión e reclámense a ABANCA e se recuperen e trasladen ao Arquivo Provincial. E con esta xusta demanda o conferenciante da por rematada a súa intervención.

O director do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez abre a quenda de preguntas do público.

Xermán Manuel Torres, nesta quenda, pregúntalle a Rafael L. Torre se a xestión de sistematización e de cobro das cédulas persoais supúxolle algún problema a Bóveda.

Rafael L. Torre comenta que Bóveda pola súa gran formación en Economía e co rigor e seriedade que lle imprimía ao seu traballo trata de levar do mellor xeito posible a Facenda Provincial cumprindo a encomenda que lle fai Daniel de la Sota, que depositou toda a súa confianza neste tema en Alexandre Bóveda. Certamente, este tema creou grandes nemigos de Bóveda, que tristemente, como sabemos, pasaríanlle lamentable factura.

Ao non haber ningunha outra pregunta, dase por finalizado o acto.

jueves, 3 de diciembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (III)

Antonio M. de Ron

"A Misión Biolóxica de Galicia"



Onte, día 2 de decembro tivo lugar a terceira conferencia deste Memorial. Abreu o acto Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, quen agradeceu ao conferenciante a súa aceptación de participar neste Memorial Filgueira Valverde. A continuación indica que daquela época ademais de actividades culturais e institucións deste tipo, tamén perduraron iniciativas científicas como a Misión Biolóxica de Galicia, que hoxe nos ocupa. A Misión Biolóxica (MBG) instálase en Pontevedra en 1927, despois da breve experiencia santiaguesa, chegou á capital de Galicia en 1921. Por adiantar dous personaxes moi importantes vinculados con esta institución científica, mencionar ao seu primeiro director, D. Cruz Gallástegui Unamuno e D. Juan López Suárez, persoa discreta e xenerosa que axudou á proxección de Galicia, ademais propiciou que o Museo posúa unha colección de xoias antigas galegas, que eran da súa propiedade, así como unha colección de alfarería. Inmediatamente, cédelle o uso da palabar ao señor, Antonio M. de Ron, do que di que é unha figura destacada do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), profesor e investigador, quen disertará da historia da MBG e tamén do seu traballo hoxe, reitera a súa gratitude pola súa presencia neste acto e di que como a MBG está en Salcedo e el é oriundo de Salcedo, pois algo tamén ten que ver coa Misión Biolóxica.

O Sr. de Ron comenza a dicir que hoxe é un día especial para el ademais dunha satisfacción persoal e profesional, xa que o Museo significa algo moi importante para el. E explica por que: "Nací en Lugo, viví en A Coruña, estudié en Santiago y vine a Pontevedra por mi novia hoy mi esposa. Y lo primero que me enseñó fue el Museo".

"A Filgueira Valverde lo conocí con 12 años en Estella (Navarra), porque coincidieron mi padre y él en una actividad sobre el  Camino de Santiago".

Entre o público atopábase o Director do Instituto Sánchez Cantón, tan relacionado coa Misión Biolóxica de Galicia.

O conferenciante manifesta que non ten costume de falar sobre Historia, argumenta que el é científico e resúltalle difícil o enfoque histórico.

Refírese á Misión Biolóxica nos anos 20 e 30 do pasado século. Hai que buscar a orixe no CSIC - JAE, do que o primeiro presidente foi o premio Nobel en Medicina e Fisioloxía (1906), Santiago Ramón y Cajal (1907-1935) o secretario era Castillejo.

A inquietude intelectual e a preocupación pola mellora en todos os sentidos do noso país e seguindo o maxisterio de Giner de los Ríos, fundador e inspirador da Institución Libre de Enseñanza.

A Misión Biolóxica instálase en Galicia en 1921, nas instalacións da Facultade de Veterinaria, daquela en Santiago de Compostela.

Créase o Instituto de España, que agrupaba ás distintas Academias.

Como substitución da JAE e do primitivo Consello, despois da Guerra Civil, en 1939, fúndase o Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Antes fomentábase a investigación, hoxe faise ciencia.

O nome de Misión vén das coñecidas e valoradas "Misiones Pedagógicas". Houbo a intención de cambiar o nome de Misión Biolóxica en 1993, pero optamos por mantelo, é a nosa marca, que nos identifica en todo o mundo.
A Misión Biolóxica ten a intención educativa no sector primario e o desenvolvemento agropecuario.

Este é o seu enderezo electrónico:

www.mbg.csic.es 

O home clave e imprescindible na Misión Biolóxica de Galicia é Cruz Gallástegui Unamuno (Vergara, 1881). Fórmase en Xenética en Estados Unidos de América, animado por Juan López Suárez. Estando alí en 1917, coñece a T. H. Morgan quen chegaría a obter o premio Nobel, tamén coñece a outros xenetistas. Con quen máis traballou foi con Jones.

Destacar os estudos sobre híbridos dobles e as publicacións e utilización de revistas internacionais moi prestixiosas como a revista GENETICS, de interese o volumen I de 1916. Tamén subliñar outra publicación, HEREDITAS e os números correspondentes dos anos 20.

A biblioteca e o arquivo da Misión Biolóxica son moi importantes e están a disposición dos investigadores.

Depois da súa etapa de formación americana Gallastegui regresa doctorado de Estados Unidos e Juan López Suárez o introduce no CSIC, rexentado por Ramón y Cajal y Castillejo.

A instalación da Misión Biolóxica en Galicia vai ter lugar na antiga Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela en 1921, que ocupaba o edificio que hoxe pertence ao Parlamento de Galicia. Polo desinterés santiagués por esta institución ao final vai instalarse definitivamente en Pontevedra en 1927. A institución desenvolve un labor de agricultura científica para brindar os seus beneficios ao agro e a gandería do país.

Na súa chegada a Pontevedra (1927) instálase en primeiro momento na finca chamada La Tablada. A Deputación Provincial merca en 1928 o Pazo de Salcedo, que fora propiedade de frei Sebastián Malvar Pinto, que foi Bispo de Buenos Aires e chegou ser Arcebispo de Santiago de Compostela.

Na Misión Biolóxica desenvólvese un traballo de investigación e de mellora de cereais (millo, trigo, centeo) e de leguminosas, así como na pataca e tamén en coles, nabos e grelos. Así como melloras na cabaña gandeira (porcos e vacas, fundamentalmente).

De 1931 é un programa agrario cos seguintes puntos

1.- Investigación e experimentación

2.- Divulgación, ensino

3.- Cooperación

4.- Crédito agrícola

5.- Política agropecuaria

6.- Lexislación

En 1928 a JAE envía e forma unha Comisión de Estudios de Galicia, entre outros cometidos, está supervisar a MBG.

En 1931 créase o Padroado da MBG, este primeiro foi presidido por Rodríguez Cadarso, daquela Rector da  Universidade de Santiago de Compostela (USC).

En 1930, promovido por Gallastegui e Daniel de la Sota, fúndase o Sindicato de Productores e de transferencia de Sementes. Famosos son os híbridos de millo, denominados "Reina Blanca" e "Pepita de Oro".

Algúns dos elementos característicos das instalación da MBG son o palomar e a piara.

Chegan a traballar na Misión, Miguel Odriozola Pietas (Vitoria, 1903 - Madrid, 1974), era o irmán dunha persoa moi querida e lembrada en Pontevedra e no Museo, Antonio Odriozola, experto en tantas cousas (bibliografía, discografía, setas, camelias,...). D. Antonio chegou ser o bibliotecario da MBG. Tamén chegou a colaborar coa Misión o profesor, erudito e político, Bibiano Fernández Osorio-Tafall (Pontevedra, 1902 - Ciudad de México, 1990), quen fora director do Instituto de Pontevedra e fundador da súa Residencia de Estudiantes. Colaborou en 1927 sobre uns estudos que tiveron por obxecto a pataca.

O catedrático e profesor de Ciencias Naturais do Instituto Sánchez Cantón, Mariano García Martínez, traballa no Laboratorio de Química de dito instituto, que alberga moitos obxectos e materiais científicos que pertenceron á MBG, o instituto pontevedrés colaborou moito coa Misión.

A MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA HOXE

En 1969, constrúese un novo edificio chamado La Sota.

No período 2004-2007 remodélase o pazo e rehabilítanse dous edificios. Prodúcense melloras nos laboratorios e nas parcelas.

100 persoas traballan directamente na MBG.

Apóiase científicamente á agricultura, xenérase coñecemento para que chegue ao agro.

Séguese cos estudos de Xenética para promover a mellora xenética.

Efectúase transferencia de tecnoloxía.

Internacionalización, cursos internacionais. Formación.

Cultura científica.

Unidade de información.

Grupo do millo, producción científica.

Xenética: mellora bioquímica das brásicas.

Traballo na viticultura, colaboración coas empresas para a mellora da vide.

Traballo na ecoloxía forestal.

Segue o traballo coas leguminosas. Implicacións medioambientais do cultivo da leguminosas, que fixan o nitróxeno.

Existen unidades asociadas coa Universidade de Vigo.

En 1985 rendéuselle unha homenaxe ao primeiro director-fundador da MBG, Cruz Gallastegui Unamuno.

jueves, 26 de noviembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II) - 25-11-2015

"O Museo de Pontevedra"
XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ




Valle Pérez explica que vai disertar sobre a relación de Castelao co Museo de Pontevedra. Continúa dicindo, segundo recollemos nas nosas notas, que Castelao oficialmente comeza a traballar como funcionario de Estatística na Delegación de Facenda en Pontevedra, que estaba situada no edificio do antigo convento dos franciscáns, o 15 de xaneiro de 1916, por tanto é de supoñer que se trasladaría a Pontevedra uns días antes.

Castelao, cando chega a Pontevedra, xa era un home coñecido e con prestixio por eso axiña aparecen na prensa referencias sobre a súa chegada a pequena cidade do Lérez. Pronuncia recén chegado unha conferencia na sociedade local do Recreo de Artesáns sobre a caricatura. É nomeado asimesmo profesor de Debuxo no Instituto (e logo tamén na Normal de mestres). A súa integración en Pontevedra é total, é ben acollido e el participa en toda actividade de interese e que teña certa orixinalidade. Participa no rodaxe da primeira película realizada con guión en Galicia, Miss Ledya, é unha aparición fugaz duns escasos minutos, a copia master da película atópase no Museo. Como mostra da súa rápida integración en Pontevedra está a súa pertenza ao orixinal, interesante e exclusivo Club Karepas.

Estando xa en Pontevedra, intégrase en 1917 nas Irmandades da Fala. Publica, Algo acerca de la caricatura. E a partires de aquí, vaise dar unha reconversión ideolóxica. Fai unha exposición da súa obra pictórica xunta a Carlos Sobrino no portal do estudo fotográfico de Saez Mon.

Tiña recibido a 3ª Medalla Nacional de Belas Artes polo seu tríptico mural, Canto de Cegos, que pode contemplarse neste Museo.

Froito da súa reconversión ideolóxica, está a realización do seu álbum Nós, elaborado entre 1916-1917, que será publicado en 1931 coa axuda de Sánchez Cantón e Filgueira Valverde, ao coidado do primeiro está o proceso de impresión na mellor imprenta daquela en Madrid., Hauser e Menet.

En 1919 publica na Coruña: Arte e Galeguismo.

Participa en canta tertulia hai en Pontevedra, como por exemplo na do famoso Café Moderno.

Como imos comprobando, Castelao chega a Pontevedra e non pasa desapercibido, é unha persoa moi destacada, sendo partícipe en cantas actividades importantes se produzan na cidade, sobre todo na etapa brillante de 1924 a 1930, coincidindo coa presencia na presidencia da Deputación Provincial dun personaxe imprescindible na historia da cidade no século XX, Daniel de la Sota, un dos mellores políticos de todo o século XX pontevedrés.

Algunhas daquelas importantes iniciativas que aínda perviven hoxe:

- Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, 1925.

- Reformulación das bolsas de axuda aos artistas por parte da Deputación Provincial, 1925.

- Instalación da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra.

- Creación da Caixa de Aforros Provincial.

- Fundación en posta en marcha do Museo de Pontevedra (1927, 1929).

O Museo é a continuidade da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, estando Casto Sampedro y Folgar á fronte das dúas entidades. O Museo vai contar con dez membros no seu Padroado. Precisamente en 1930, cando D. Casto ocupa accidentalmente a presidencia da Deputación e pretende alterar a composición de dito Padroado, cambiando o formulado no regulamento, prodúcese un gran malestar e duros enfrentamentos, alomenos escritos, e dimiten tres dos seus conselleiros, Sánchez Cantón, Castelao, e Filgueira. Como a situación se reconduce e non se altera o regulamento, os tres dimitidos retiran a súa dimisión e logo aquí paz e despois gloria.

En dito reguamento exprésase que fundamentalmente o Museo constituirase con fondos locais.

Segundo o regulamento de 14/01/1929, o 30/01/1929 constitúese formalmente o Padroado, algúns dos seus principais conselleiros foron:

- Casto Sampedro y Folgar, Director e conservador, ademais de Cronista da provincia.

- Xosé Filgueira Valverde, Secretario técnico.

- Gerardo Álvarez Limeses, Vicedirector.

- Raimundo Riestra, Tesoureiro.

Tamén pertenceron a este primeiro Padroado:

- Antón Losada Diéguez

- Daniel Castelao

- Enrique López de la Ballina

- Argenti

Para a primeira sede do Museo a Deputación merca a casa de Casimiro Gómez en maio de 1928, era un edificio moi adaptable para a función que se lle pensaba dar. No epistolario de Sánchez Cantón figuran, na etapa 1928-1929, un intercambio de cartas moi interesante con Castelao encol da adaptación e reconstrucción do edificio, entrando nos máis mínimos detalles do deseño.

O Museo de Pontevedra é inaugurado o 10/08/1929, véspera da Virxe Peregrina. A elección desta data tiña un fundamento, xa que as importantes exposicións levadas a cabo pola Sociedade Arqueolóxica nos anos 1894 e 1895, tamén foran inauguradas na véspera da Peregrina. Nesa data, Castelao non se atopaba en Pontevedra, xa que estaba na Bretaña francesa estudando as cruces de pedra, que daría lugar a súa publicación: As cruces de pedra na Bretaña. Os materiais expostos, que se puideron ver naquelas datas, pertencían ao fondo local, á Sociedade Arqueolóxica, fóronse ampliando os fondos con obras de Castelao, préstamos e cesións de obras por parte da Real Academia de Belas Artes, do Museo do Prado. Sánchez Cantón tutelaba desde Madrid todo o referido ao Museo de Pontevedra. A correspondencia permite ver o incremento e a evolución dos fondos.

O Museo posúe gran parte (unha parte importante) da obra de Castelao, único artista que ten varias salas do Museo a el dedicadas. Fondos da Real Academia de Belas Artes de Madrid (o Museo de Pontevedra foi o primeiro receptor de obras cedidas por esta academia). Asimesmo somos receptores de obras do Museo del Prado, en concreto a famosa copia do Cristo de Velázquez. Detrás dos préstamos está a man de Sánchez Cantón. O Museo vaise consolidando, crecendo, vanse incorporándose novos edificios.

En 1935 o Partido Galeguista (PG) sofre unha crise e xurde como unha escisión de ideoloxía conservadora e católica a creación da Dereita Galeguista (DG) como consecuencia vaise producir a ruptura de relacións de Castelao con Sánchez Cantón e Filgueira Valverde. Esto repercute na vida interna do Museo. Neste momento, desaparece Castelao da correspondencia de ambos os dous eruditos pontevedreses, salvo citas moi puntuais e esporádicas. Tamén neste ano deixan de celebrarse reunións periódicas do Padroado. Celebrándose unha soa reunión en 1936, dúas en 1937 e unha en 1938. Nunca se cubrirá a baixa de Castelao no Padroado.

Á morte de Casto Sampedro en 1938 a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra intégrase totalmente no Museo.

En 1940, prodúcese o pasamento de Álvarez Limeses e por tanto, Filgueira Valverde será o novo director do Museo, o terceiro, e serao ata 1986 en que será nomeado Director Honorario. Este ano créase a figura dos alumnos colaboradores e noméase a Sánchez Cantón Director Honorario.

A partires desa data, consolídase o Museo e convértese no centro de referencia. Organizaranse as exposicións temporais e en 1942, empézase a publicación da Revista do Museo. Nese mesmo ano, exponse o chamado Tesouro de Caldas de Reis e fanse as xestións para achegar a Cruz "Pastor", a famosa cruz de acibeche mercada en Londres e logo donada por Antonio Pastor. O Museo vai ser un Centro de Estudos asociado ao Padroado José Mª Cuadrado do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

En 1943, mércase o edificio Fernández López, créanse as Salas Navais, que coincide coa instalación da Escola Naval Militar en Marín.

En 1949, recupéranse as arquerías do convento de San Domingos.

En xaneiro de 1950 morre Castelao en Buenos Aires. Non hai mención algunha do seu pasamento nas actas do Padroado.

Unha cuestión de vital importancia foi o evitar a subasta dos bens de Castelao despois da Guerra Civil, o que evitou a súa dispersión e as posibles perdas.

A partires de 1951 dita obra vai ser incorporada ao Museo de Pontevedra, con sucesivas e incesantes incorporacións, hoxe a maior parte da obra do artista rianxeiro, pontevedrés de adopción atópase no Museo.

En 1981 consíguense tres ábumes de Guerra. Grazas as xestións con Rodolfo Prada, albacea do legado de Castelao, os dous mantiveron unha relación fraterna. A el Castelao entrégalle os albumes para que os enviara ao Museo de Pontevedra coa condición de que Galicia conseguira o autogoberno. Esto provoca a correspondencia entre Filgueira Valverde e Rodolfo Prada, aquel indícalle que os requisitos están cumpridos a obter Galicia a súa Autonomía. Este acepta os plantexamentos de Filgueira e Rodolfo Lama fai unha viaxe a Buenos Aires e o 28/04/1981 prodúces a recollida dos albumes, na que participamos Filgueira, Fontoira e quen lles fala.

Destacar a figura de Álvaro Gil, cunha actitude moi intelectual e participativa, este gran empresario colabora de xeito moi importante co Museo de Pontevedra, que consideraba como unha segunda casa.
Tamén significar a extraordinaria personalidade de José Fernández López, outro gran benefactor do Museo. Ambos aportan a financiación necesaria para mercar e poder recibir os materiais de Castelao.

En 1987, adquírense a serie de Negros e en 2002 os materiais das Cruces de Pedra.

Xa en 1999, conseguimos a versión definitiva de Os vellos non deben namorarse. A versión inicial atopámola en maio de 1999 en Santiago de Chile.

Asimesmo conseguimos os debuxos das Cruces de Pedra na Bretaña.

A última adquisición foron os tres grandes lenzos do tríptico de Cegos de 1915, que nos cedeu en depósito a Real Academia Galega.

Castelao tense moi presente no Museo de Pontevedra, é o único artista con varias salas a el dedicadas.

Que os futuros responsables deste Museo saiban de onde vimos para saber onde queremos ir.

lunes, 23 de noviembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE







Este luns, 23 de novembro, ás 20:00 h. e no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra tivo lugar a inauguración do XIV Memorial Filgueira Valverde centrado na figura de Castelao, xa que o vindeiro ano conmemorarase o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, coincidindo co centenario da fundación das Irmandades da Fala, coas que Castelao tamén colaborou.

Formouse unha mesa presidida polo Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia, acompañado por Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, e Xosé Fernando Filgueira Iglesias, Presidente da Fundación Filgueira Valverde. Foi o momento dos agradecementos mutuos e da presentación do Memorial, realizada polo Sr. Valle Pérez. Despois deste breve acto, o Vicerreitor cedeulle a palabra ao primeiro dos conferenciantes, Antonio Garrido Moreno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) quen disertou sobre:

A renovación das pensións para artistas da Deputación de Pontevedra

Previamente na presentación do conferenciante, por parte de Valle Pérez, este comentou que o profesor Garrido ademais de experto na Historia da Arte é un gran coñecedor do mercado da Arte. É a persoa máis axeitada para falarnos do labor da Deputación de Pontevedra na promoción dos artistas galegos. Coincidía Castelao naquela Pontevedra da eclosión cultural e presidía a Deputación, D. Daniel de la Sota, un dos máis ilustres e efectivo político, de todos os que pasaron ao longo da historia pola cidade do Lérez. Grazas á súa acción política reformuláronse as bases das pensións para os artistas, creouse o Museo de Pontevedra, instalouse a Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, fundouse a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Os vinte anos que pasa Castelao aquí (1916-1936) son os mellores anos da súa vida, que el lembraba con cariño e con nostalxia soñando con volver e que provocan a súa amorosa alocución sobre Pontevedra no seu exilio arxentino, Meu Pontevedra!

Reflectimos agora o contido das nosas notas da conferencia do profesor Garrido Moreno:

Aos pensionados, grazas ás bolsas concedidas aos artistas, especialmente por parte de Deputación de Pontevedra seguida a gran distancia pola da Coruña, facilitáronlle o contacto coas vangardas europeas e españolas e axudando a formar unha vangarda galega de gran nivel e moitas veces pioneira.

Que son as pensións de estudos para artistas?

Indicar que xurden gracias a creación  das Deputacións Provinciais pola Constitución Española de 1812. En 1836, xenéranse as Deputacións. E estas crean as bolsas, as axudas de formación e estudo para os artistas, constituíndo unha especie de importante e decisivo mecenazgo cultural.

No período 1925-1936 vanse desenvolver as vangardas históricas europeas e españolas.

Xa indicamos que a Deputación de Pontevedra vai sobresaír no tema das bolsas de axuda aos artistas por riba das demais Deputacións galegas, seguida a gran distancia pola Deputación Provincial da Coruña.

En 1915 Castelao xa é unha persoa de renome, é un intelectual, un universitario, tiña cursado a súa carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Xuntábase a este compoñente de intelectualidade a súa calidade de galeguista. Recibe ben axiña a 3ª Medalla Nacional ao mérito artístico e pode ser considerado o pai dos continuadores da Arte Galega.

Carlos Maside, excelente gravador e debuxante en 1915 viaxa a Madrid para facer o servizo militar, pero el aproveita tamén para poñerse en contacto cos artistas máis importantes e significativos do momento, como por exemplo, Federico Ribas.

En 1909 publícase no xornal parisino, Le Figaro, un artigo a xeito de manifesto titulado: Le Futurisme.

O escritor e artista, Ramón Gómez de la Serna, publica na súa revista Prometeo a súa traducción do manifesto futurista e proclama o futurismo para España.

En 1916 Antón Vilar Ponte funda as Irmandades da Fala, institución fomentadora e sustentadora do galeguismo. Que convivía co chamado Regionalismo. Antonio Palacios en 1917 organiza a exposición regionalista de Arte Galega.

A vangarda ultraísta española foi un movemento artístico e tamén literario. Destacamos as seguintes revistas deste movemento:

- Cervantes, Madrid, agosto-1916 / decembro-1920.

- Grecia, Sevilla, outubro-1918 / marzo-1920.

Personaxes deste movemento: Cansino - Assens - Guillermo de Torre.

O movemento ultra, que vai máis alá, que busca o novo ten a súa propia revista, chamada tamén Ultra.

Destacamos a dous influintes artistas sudamericanos desta tendencia:

- Norah Borges (Bos Aires, 1901-1998). Recibíu a influencia dos gravadores suízos, que se comproba nos seus linóleos.

- Rafael Barradas (Montevideo, 1890-1929).

En outubro de 1920 e dirixida por Vicente Risco nace en Ourense a revista Nós, da que chegará a ser director artístico, Castelao. Nesta revista terán espazo e lugar as vangardas galegas.

Paralelamente, na Coruña atopamos a revista ultraísta, Alfar. Dita revista chegaría aos 30 números (A Coruña, setembro-1922 / xuño-1926. Sendo o seu máximo valedor, Julio J. Casal, cónsul de Uruguai e poeta.

Destacamos a Francisco Miguel, que promove dita revista na súa Librería de Arte, 1917, na Coruña.

Na mesma cidade atopamos ao grupo La Peña, que publica a revista, Vida, 1920, que editaría cinco números.

Sinalar pola súa importancia na arte de vangarda, a tertulia dos "alfareros" cerca da estación de Atocha de Madrid.

En 1920, Castelao obtén unha bolsa de estudos da Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE), o que facilita o seu viaxe por Europa (Francia e Países Baixos), que daría lugar ao seu famoso e importante Diario de 1921.

Temas tópicos da arte vangardista galega: dólmens, faros, ventos e lóstregos, flor de toxo, gaiteiros.

Hai unha arte nova, a arte da decoración, Art Decó.  A arte pragmática, utilitaria, cotiá.

Citar a figura de Guillermo de Torre, quen promove a arte nova, movemento vangardista da arte do utilitario, a arte nas casas (cortinas, tapicerías, cadros, mesas, cadeiras, alicatados, lámpadas, alfombras, vaixelas,...). A cor está en liberdade.

O moderno na moda. Muller moderna, independente, loitando pola igualdade cos homes.

Deixar o rexionalismo para pasar ao vangardismo.

Nomear a Luís Seoane, discípulo de Maside.

Ter en conta a importancia das viaxes ao estranxeiro e os intercambios e contactos coas vangardas nos novos artistas.

OPCIÓN REXIONALISTA:

- Carlos Sobrino

- Acuña

- Villafinez

Contemplar ao escultor Asorey como un artista ponte.

OPCIÓN RENOVADA:

- Maside

- Manuel Torres

- Colmeiro

- Arturo Souto

- Laxeiro

Importancia da Xeración de 1927 e a Revista de Occidente.

Citar ao máximo representante do chamado realismo máxico, Franz Roz.

Recoñecer a importancia das tertulias no movemento vangardista, como a tertulia da Granja de Henar, na que participaron tantos artistas galegos.

Topamos a arte de denuncia.

A aparición dunha pintura moi solta, moi sintetizada. E tamén a irrupción da abstracción.

Finalmente, destacar que grazas as deputacións provinciais foi posible a introducción das novas estéticas na arte.

viernes, 20 de noviembre de 2015

ANTÓN FRAGUAS E XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE COMPITEN POR UNHA PRAZA DE ARQUIVEIRO-BIBLIOTECARIO

Foto: Consello da Cultura Galega

Consultando no Arquivo do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela diversa documentación do legado de D. Antón Fraguas Fraguas, de tan grata lembranza, en concreto o seu epistolario custodiado na carpeta nº 5 - 1930/1938, atopeime cunha carta que lle dirixe Florentino López Cuevillas, na que lle promete a Fraguas o seu apoio para que poidera alcanzar unha praza de arquiveiro-bibliotecario na cidade de Lugo e pola que tamén aspiraba Xosé Filgueira Valverde. Cuevillas é partidario de Fraguas porque este estaba nunha situación económica, naqueles intres, máis precaria ca de Filgueira, quen ocupaba desde 1928 a praza de secretario e xefe provincial da Oficina de Turismo de Pontevedra, ademais de exercer a auxiliaría de Letras no instituto da capital pontevedresa. Aínda que Cuevillas era amigo dos dous galeguistas, aposta por Fraguas polas razóns xa indicadas. Veleiquí a transcripción dunha parte do contido de dita misiva:


"Ourense, 11 do Sant-Yago 1930

Querido Fraguas: Xuzgando pol-o que se ve o Filgueira debía de deixar de pretender a praza de arquiveiro de Lugo, pois a mais de ter millor acomodo económico que vostede conta ca segredaría do turismo que non digamos que sexa unha cousa pra soster familia, mais é unha boa axuda. A súa pretensión é lóxica e se na miña man estivera agora mesmo dáballe a praza. (...)". [Segue a dicirlle que lle facilite datas, ademais de datos sobre o tribunal, nomes, filiación política]. O que queda claro é que Cuevillas ponse ao carón de Fraguas, as últimas verbas transcritas son significativas.

domingo, 15 de noviembre de 2015

POUR LA PAIX AU MONDE ENTIER



En hommage du peuple de Paris.

Il y avait un jardin qu'on apelle la Terre...

Había un xardín, fermoso e acolledor,
era un xardín para todos:
os nenos e as nenas xogaban libres e ledos,
os adultos compartían pensamentos,
inquedanzas, sentimentos e emocións,

Todo era diverso, distinto
biodiversidade de seres, de crenzas.
Non existía a palabra estranxeiro,
non se crearan as artificiais fronteiras,
non era tempo de guerras nin de violencias.

Non había deuses que dividiran aos homes.
Había un Deus acolledor, amoroso, misericordioso
era o dono do xardín que compartía,
alí cabiamos todos, negros e brancos,
os netos de Abraham,
os fillos de Isaac e de Ismael,
sen loitas nin dor;
era o xardín de todos.

Comiamos de todos os froitos,
compartiamos o pan e o sal,
a auga pura era para todos.
Todo era limpo, inxenuo;
non había contaminación.
Escoitabamos deleitados os paxaros,
mirabamos compracidos
a beleza das frores,
respectabamos a nai Natureza
e adeprendiamos do libro da vida.

A carón da luz e da calor da fogueira
escoitabamos a sabiduría dos vellos
e eramos quen de facérmonos preguntas
e de filosofar,
tiñamos tempo de vagar
para nos contar historias,
para gozar da compaña dos veciños,
para cantar e para bailar...

Onde está ese xardín perdido?
Fillos do Oriente, onde estará?
Quizais atópase entre o Tigris e o Éufrates...
Entre todos o encontraremos,
un xardín para vivir e para soñar.

miércoles, 11 de noviembre de 2015

PONTEVEDRA EN FILGUEIRA VALVERDE



Hoxe ás 20:00 h., unha nova mesa redonda no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, moderará Xosé Carlos Valle Pérez e coa intervención dos seguintes poñentes:

- Xosé Fuentes Alende: Historia e tradicións.

- Xosé M. López Vázquez: Manifestacións artísticas.

- Mª Mercedes Álvarez Lires: Sarmiento.

Como sempre recomendamos a asistencia e participación nestes actos, fannos máis humanos e máis sabios, dentro da ignorancia que sempre nos envolve: Só sei, que non sei nada.







sábado, 7 de noviembre de 2015

FILGUEIRA VALVERDE EN PONTEVEDRA




O martes 10, ás 20:00 h. celebrarase unha mesa redonda, a primeira dunha serie delas, que terán lugar en distintos puntos de Galicia, no Salón de Actos do edificio VI do Museo de Pontevedra e que estará moderada por José Fernando Filgueira Iglesias, fillo do autor homenaxeado ese día co gallo de ir dando cumio a este Ano de Filgueira Valverde  e ademais presidente da Fundación homónima. Dita mesa contará coa participación dos seguintes poñentes:

- Rafael López Torre, que abordará a vida política.

- Xermán Torres de Aboal, que repasará a vida educativa.

- Xosé Carlos Valle Pérez, que falará da vida cultural.

Este tipo de actos de exposición e participación encol de diversos temas deben ser promovidos e organizados e a xente debera acudir para aprender, contrastar, opinar. Deberamos recuperar a idea da ágora clásica, onde a xente escoita e fala; comparte coñecementos, experiencias, vivencias, opinións. Vivir a  idea de cidadanía actuante, participante da vida social, da vida da "polis"; debemos abrirnos e colaborar todos, recuperando humanismo e humanidade, sendo veciños, conciudadáns, uns dos outros; convivir e compartir con. Buscando o enriquecemento persoal e o ben común. Cidadanía activa, participativa, preocupada e ocupada de todos os asuntos de tipo social. Debemos ser partidarios de tertulias, de conferencias, de mesas redondas, de recitais poéticos, de actividades musicais, deportivas, culturais, dándolle protagonismo á xente. Invitamos a todos a asistir, gustaríame ver a moita xente, a moitos amigos, a moitos conveciños. O home que pensa, que fala, que se comunica, será un home máis libre.






jueves, 29 de octubre de 2015

NOVA EXPERIENCIA POÉTICA




Comezamos unha nova andaina e na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal, tivemos a LII Mesas das Verbas con novas incorporacións e con algúns dos históricos doentes e dos que agardamos que axiñan se repoñan e volvan con nós.
Da man de Tere Briones ofrecemos a seguinte testemuña gráfica:


Enrique Brumbéck

Carme Darriba

José Tizado

Tere Briones

A caldense, Luz Rey

Carmen Abalo

Manuel Lage

O decano, Tito Porto

Antonio Quiñoy

José González

Augusto Guedes
Xermán Manuel Torres
Unha parte do grupo que participou nesta Mesa

Eu, nesta xuntanza de amizade e poesía, manifestei o meu horror e rexeitamento de todo tipo de violencia e de guerras con este poema de mocidade:

Boicot á guerra
ningún soldado empuñará as armas,
boicot á guerra,
non obedecerán.

Ningún civil sementará odio,
boicot á guerra,
ninguén se anoxará contra ninguén.

Boicot á guerra,
pensaremos distinto;
respectarémonos.

Boicot á guerra,
viviremos a paz
non nos dividiremos,
boicot á guerra.