sábado, 8 de octubre de 2022

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (FINAL)

 O COLEXIO O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Nunha excursión de 8º de EXB, a mediados dos anos 90 do pasado século

Nunha sesión dun grupo de mimo que eu organizaba no meu querido colexio


“Volver la vista atrás es bueno a veces”

 

Mirar cara atrás para deterse a observar o camiño percorrido para revivir sobre todo as gratas vivencias e experiencias compartidas con tantas persoas (compañeiras e compañeiros, alumnado, familias, inspectoras e inspectores, autoridades educativas, querido conserxe e persoal de servizos) é algo gozoso e un exercicio de ledicia e de certa nostalxia.

Sucédeme isto ao lembrar os máis de 31 anos vividos na miña segunda casa, o CEIP O PIÑEIRIÑO da miña querida cidade natal. Dos 39 anos de exercicio no ensino público a maioría o foron no meu querido e lembrado colexio.

Sirvan estas palabras de cariño como a miña homenaxe á comunidade educativa de dito colexio, meu colexio. De recoñecemento a tantas queridas compañeiras e queridos compañeiros, ao alumnado co que compartín tan gozosas experiencias educativas e coas familias, miñas queridas e lembradas familias, cada unha coas súas peculiaridades e características. Tamén a relación co conserxe tan dilixente e disposto sempre a axudar, unha relación tan entrañable. Todos eramos como unha grande familia.

Cheguei alí o 1 de setembro de 1990, unha data que non esquecerei endexamais. O colexio impresionoume pola súa beleza, a súa amplitude, os seus xardíns, a súa luz. Foi a primeira impresión, as magníficas e coidadas instalacións. Despois fun coñecendo ás persoas, o máis importante.

Empecei impartindo Lingua e Literatura Galega e Relixión na segunda etapa (6º, 7º, 8º) da antiga E.X.B., logo, máis tarde, pasei a encargarme algúns cursos de 1º e 2º da Educación Primaria, etapa engaiolante por ser a do traballo na consolidación do proceso da lectura e da escritura, que a min tanto me gustaban.

Desde o 1 de setembro do 2000 e ata a miña prexubilación o 1 de xaneiro de 2022 encargueime da Xefatura do Departamento de Orientación, sendo o primeiro orientador do Centro, así como do CEIP A ESCARDIA e da Escola de San Pedro de Cornazo, centros dos que tamén gardo moi grata lembranza.

Foron moitas as actividades desenvolvidas nestes felices e lembrados anos, ademais dos actos educativos e función orientadora cotiás, realizábanse no colexio moitas actividades extraescolares e complementarias; vou sinalar algunhas das que máis pegada deixaron en min:

-          A posta en marcha do grupo de teatro escolar “Brétema”, con tan excelentes montaxes e representacións que realizamos, recibindo varios premios. As viaxes con este grupo.

-          O obradoiro de mimo e monicreques, especialmente dirixido ao alumnado de Educación Infantil, etapa tan querida e apreciada por min e onde tan ben o pasei!

-          O Coro Escolar, co que fomos premiados no Concurso de Vilancicos de Vilaxoán, cantamos algunhas misas na Residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa, que tamén visitabamos periodicamente para compartir panxoliñas no tempo de Nadal. Tamén participamos cun repertorio de cantigas galegas nas homenaxes organizadas pola Mesa das Verbas e o Concello ás personaxes ás que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. As viaxes culturais con este grupo.

-          Os percorridos para ir coñecendo Vilagarcía, deténdose dun xeito moi sinxelo para coñecer os escudos de Vilagarcía, rudimentos da heráldica para aprender a distinguir os escudos eclesiásticos dos civís, actividade desenvolvida principalmente con 2º de Ed. Primaria.

-          O traballo na Biblioteca Escolar, conseguindo que entrara no PLAMBE, de mellora de bibliotecas escolares patrocinado pola Consellería de Educación.

-          A posta en funcionamento e desenvolvemento da Escola de Pais e Nais.

-          A colaboración na posta en marcha e funcionamento da Robótica Educativa.

-          E as numerosas visitas culturais e excursións. As de fin de curso e fin da EXB cos oitavos, as de fin de Primaria cos sextos, as visitas anuais ao Museo de Pontevedra e ao Museo do Pobo Galego, visitas á Casa das Ciencias, Casa dos Peixes e Domus na Coruña, visitas e encontros con escritores como Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa en Grés – Vila de Cruces, visita ao centro de escritores como Manuel María, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xesús Alonso Montero,...

-          Sinalar como moi importante no centro o coidado do medio ambiente. Mantemento dos xardíns, acuarios, charca, paxareiras,...

-          E os obradoiros e circuítos científicos, literarios e lúdicos que se organizaban nalgún momento no colexio, como na festa de fin de curso.

-          A preparación dos números do xornal escolar O REDACTOR e  O REDACTOR DIXITAL.

-          Os momentos de convivencia e festa, as Romarías das Letras Galegas, as comidas campestres do profesorado á fin de curso, celebradas moitas veces en Fontefría, os actos de conmemoración por toda a comunidade educativa co gallo do XXV aniversario do Centro.

-          Os banquetes pola xubilación de compañeiras e compañeiros.

 E tantas outras que sería difícil enumerar aquí.

Foron moitos anos de convivencia e de labor docente neste fermoso colexio O PIÑEIRIÑO, instalado no popular barrio homónimo, tamén coñecido como As Pistas.

Meu cariño e miña lembranza a esta comunidade educativa que para sempre levarei dentro do meu corazón. Longa vida e feliz vida docente para O PIÑEIRIÑO!!!