sábado, 25 de agosto de 2018

ASÍ RETRATOUME ESTANGA



Os parladoiros do xoves da Mesa das Verbas dan para moito, alí falamos de todo, do divino, do humano e aínda máis. De cando en vez algún, da a coñecer seus últimos poemas, comentamos sobre libros, preceptiva literaria...

E ultimamente, xuntouse ao faladoiro o pintor Estanga, que máis que falar; fai o que sabe, debuxar e fixo xa os retratos de moitos dos contertulios. Mentras dialogamos, el vai facendo seus retratos.

Pois ben, na xuntanza do xoves, 23 de agosto, ás 18:00 h. n'A Marina, Estanga púxose a debuxar como me vía e sobre as 19:15 h. rematou ese retrato co que principia esta entrada.

Os que participamos na idea da Mesa das Verbas queremos achegar a arte á xente, principalmente poesía, música, debuxo e pintura e queremos que cada un descubra o artista que leva dentro. A cultura é de todos, a cultura é do pobo; o pobo é cultura.

Estamos a argallar unha nova, sobre todo por iniciativa e coa axuda do amigo e compañeiro Xosé Ramón Quintáns, a ver se logramos o domingo, 9 de setembro, aproveitando a marea viva, facer unha visita a pé á Illa de Cortegada, onde desenvolveriamos unha xornada de convivencia poética durante doce horas, faremos recitais poéticos, cantaremos, percorridos polas zonas autorizadas, xantaremos xuntos, os máis atrevidos poderán tomar un baño e moitas cousas máis. A saída polo Carril, ás 10:00 h. e o regreso ao continente sobre as 21:00 h.

Estamos a xestionar os permisos co Concello, Illas Atlánticas e solicitando a colaboración de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa e contaremos co asesoramento de Xosé Ramón Quintáns, quen poñerá a disposición do acto a súa embarcación.

Pensamos e queremos que sexa un acto interesante, agradable para gozar da poesía da exhuberante Natureza da nosa Ría de Arousa e da poética e histórica Illa de Cortegada, pertencente ao Parque Natural das Illas Atlánticas.

Todos os actos da Mesa das Verbas son abertos, pode participar quen así o desexe. Para a xornada de convivencia poética en Cortegada hai de prazo para inscribirse ata o 1 de setembro, facilitando á organización: nome e apelidos, nº de NIF.

O acto suspenderase se non é autorizado polas autoridades competentes e tamén no caso de mal tempo. 

martes, 7 de agosto de 2018

FRAGUAS, LETRAS GALEGAS - 2019

LEDICIA: ANTÓN FRAGUAS (1905-1999), AUTOR HOMENAXEADO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2019!


O 14 DE MARZO DE 1998, ÁS 20:15 H., D. ANTÓN
PRONUNCIOU UNHA CONFERENCIA NA NOSA PARROQUIA QUE VERSOU SOBRE: AS FESTAS EQUINOCIAIS


Salón de Actos da parroquia Santa Baia de Arealonga, 14/03/1998   20:15
Imaxe obtida do Arquivo de Ondas de Arosa


D. Antón Fraguas será especialmente lembrado e homenaxeado no Día das Letras Galegas, no 17 de maio de 2019. Un acto de xusto recoñecemento, pois é merecente diso e de moito máis. D. Antón foi un dos sabios da nosa Galicia tanto pola súa exemplar e honesta vida como pola súa importantísima obra escrita na nosa lingua. Home bo e xeneroso, traballador, humilde; non escatimou esforzos por soerguer Galicia, mesmo padecendo aldraxes e inxustizas pola súa defensa da lingua e da cultura galegas. El quería unha Galicia nova, máis xusta e próspera; unha Galicia de todos e para todos.

Home moi vinculado ao galeguismo, membro do Seminario de Estudos Galegos, bibliotecario do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos. Por tanto, amigo de grandes intelectuais, artistas e políticos galegos como Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Filgueira Valverde (con quen estaba especialmente unido),..
Tiven a sorte de entrar en contacto con el e relacionarme cunha persoa tan tenra e entrañable. Na tarde do 17 de xaneiro de 1998, gocei da fortuna de poder manter con el unha longa conversa sobre o seu amigo, Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), quen tamén foi distinguido coa honra de ter sido homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2015. Sempre lembrarei con agarimo ese noso encontro e poder gozar da hospitalidade do seu fogar santiagués e ser obxecto de atencións tan cariñosas pola súa parte.
D. Antón foi profesor auxiliar da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela sendo moi novo. Logo, durante a II República foi profesor do Instituto da Estrada, do que chegou ser secretario. Posteriormente, exercería o ensino privado en Santiago, para por fin lograr ser catedrático de instituto, na especialidade de Xeografía e Historia. Foi docente, durante moitos anos e ata a súa xubilación, no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, cidade moi querida para el e onde foi correspondido a ese cariño, chegando ser moi valorado e respectado, sendo nomeado cidadán de honra de Santiago, onde se lle dedicou unha rúa e tamén púxoselle o seu nome ao Instituto do barrio de Fontiñas. Facíase querer, tiña un talante de bo home, cariñoso e respectuoso con todos; exquisito no trato.
Escribiu moito, é moi recoñecida a súa tese de doutoramento sobre o Colexio de Fonseca e destaca o seu labor como fundador e director durante moitos anos do Museo do Pobo Galego. O seu discípulo, colaborador no Museo e biógrafo, Clodio González Pérez, escribiu unha magnífica biografía sobre D. Antón. Fraguas foi un experto na Antropoloxía Cultural de Galicia, un dos nosos mellores estudosos do Folclore de Galicia.
Na nosa parroquia, organizamos unha conferencia, que impartiu maxistralmente o 14 de marzo de 1998  e que versou sobre: As Festas Equinociais. Con ese motivo tivemos a oportunidade de vivir uns intres inesquecibles con el. Lembro que ao rematar o acto que vimos de citar, trasladei no meu coche a D. Antón á súa casa de Santiago, acompañounos na viaxe a recordada e simpática poeta arousá, Xaquina Trillo. Que viaxe tan marabillosa! E que conversas tan interesantes mantivemos no traxecto.
D. Antón era un home dunha recta moral e dunha fonda relixiosidade, manifestoume que colaboraba nos escritos en galego de Mr. D. Ángel Suquía, quen fora Arcebispo de Santiago.
Pois, si, unha homenaxe ben merecida. A D. Antón Fraguas acáenlle ben os versos de Curros:

Ai, dos que levan na fronte unha estrela!
Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Agradecemos o traballo de documentación no arquivo de Ondas de Arosa por parte de D. Xosé Torrado Castiñeiras e de Mª del Carmen Ameneiro Romero, que facilitou a elaboración deste artigo).
Xermán Manuel Torres