domingo, 13 de septiembre de 2009

O MOSTEIRO DA ARMENTEIRA








Hoxe cúmprense trece anos do pasamento do profesor Filgueira Valverde, este blog xurdíu como unha homenaxe a súa figura, nel lembramos a D. Xosé e aos seus seres máis queridos e próximos. Asimesmo a temática do blog encádrase no que podemos chamar cultura galega; xa que Galicia era o que máis amaba o Dr. Filgueira.
E para conmemorar este día, nada máis apropiado que falar do Mosteiro da Armenteira, fundado por San Ero, tal como recolle a tradición secular, e onde se sitúa a lenda do monxe e da “pasarinha”, que é a temática da famosa Cantiga CIII de Alfonso X o Sabio, da que xa temos referencias neste blog e que foi obxecto da tese de doutoramento de D. Xosé, tese publicada por primeira vez en Santiago no ano 1936.
O Mosteiro da Armenteira ten un atractivo especial, situado nunha paraxe privilexiada do Concello de Meis, nun entorno natural exhuberante, rodeado de bosque e vexetación, coa ensoñación mítica do canto do paxariño que engaiolou ao monxe durante trescentos anos.
Ese ambiente atractivo e misterioso que arrodea ao mosteiro do século XII envolve ao visitante que precisamente queda extasiado diante de tanta beleza e ante o engado das pedras graníticas que prenden a un coa súa feitura.
No interior do templo unha preciosa talla de Nosa Señora das Cabezas, que preside o altar maior e que é venerada por tantos devotos da bisbarra e de Galicia. Está ademais a interesante imaxe que representa ao monxe do paxariño. Todo constitúe un motivo dabondo para xirar visita a este histórico mosteiro.
Foi boa a idea das autoridades dos Concellos de Ribadumia e de Meis, xunto coas autoridades provinciais de recuperar e acondicionar as chamadas rutas das Pedras e da Auga, que conflúen no mosteiro benedictino, hoxe habitado por unha comunidade de monxas de dita orde.
Estamos na hora do lusco e fusco no claustro do mosteiro, oénse as voces brancas das monxiñas cantando as vésperas e nós lembrámonos de D. Xosé Filgueira Valverde, quen seguramente no paraíso, estará abraiado xunto con San Ero da Armenteira escoitando aos paxaros celestiais que rechouchían na honra da Nosa Señora.

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá.

domingo, 6 de septiembre de 2009

O CASTRO ALOBRE












Podiamos definir os castros como poboados autodefensivos construídos en zonas estratéxicas. Dentro das súas diversas edificacións combinaban vivendas familiares con locais comunais. Xeralmente construíanse en zonas elevadas cunha boa e extensa visión da comarca onde estaban ubicados. Contaban con murallas e fosos defensivos concéntricos. A maioría das veces con saídas cara o mar ou cara os ríos.
Este tipo de construccións pertencen a poboadores pre-romanos de Galicia, da época coñecida como da Idade dos Metais, máis concretamente de Idade de Ferro. Falamos da cultura castrexa, da que hai restos espallados por toda Galicia.
No Museo de Pontevedra custódiase o tesouro castrexo atopado en Caldas de Reis e constituído por máis de 30 Kg de ouro. Tendo en conta, que é tan só unha parte do que se poido conservar.
En Vilagarcía de Arousa foi estudiado por Fermín Bouza Brey o chamado Castro Alobre, que é o berce, a orixe da Vila de García medieval, a carta puebla da mesma fóralle outorgada ao nobre García de Caamaño, fundador do que hoxe é Vilagarcía de Arousa. O documento da carta puebla foi atopado por Bouza Brey entre a valiosa documentación do pazo do Señorío de Rubiáns e donada polos herdeiros de Bouza Brey ao Concello de Vilagarcía de Arousa.
No Castro Alobre estanse a realizar excavacións que están dando a coñecer restos castrexos, como os da máis antiga telleira coñecida de Galicia e outros restos de singular importancia. O Concello de Vilagarcía de Arousa trata de museizar ditos achados e darlle valor á zona. Ao mesmo tempo deséxase promocionar o coñecemento do xacemento e o do seu entorno no chamado Montiño, facendo campañas entre os escolares e invitando a toda a poboación e visitantes para que se acheguen a tan importante lugar. Trátase de coñecer as nosas orixes.




Procedencia das imaxes:




- Fotografías propias


- Documentos extraídos de folletos do Concello de Vilagarcía de Arousa