miércoles, 24 de julio de 2024

O "PAPÁN" DE XOSÉ NÚÑEZ BÚA

 

Filgueira Valverde dedícalle íntegro seu Cuarto Adral

 ao seu querido e admirado Castelao

Disque que o mestre, avogado e escritor Xosé Núñez Búa (1903-1981), intelectual galeguista exiliado en Arxentina, dicía que Castelao (1884-1950) referíase a Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) como o “papán” e outros chamábanlle o “camaleón” e o propio Núñez Búa na súa obra Revoeira (1971) cualifica ao irmán e profesor Filgueira como “cambia chaquetas”. Ata onde eu chego, parécenme apelativos impropios ou cando menos, inxustos. Certamente, unha guerra civil, divide familias, separa amizades, causa estragos materiais, pero tamén morais e é causa de sufrimento, de dor polas inxustas arbitrariedades e pola cruenta, cruel e fratricida violencia. Produce grandes feridas moi difíciles de curar e de cicatrizar. Da lugar a resentimentos e a todo tipo de desquites, que doutro xeito e noutras circunstancias non se deran producido. O propio Castelao comentou que se chegara a encontrar con Vicente Risco (claro está, despois dos acontecementos de 1936), o primeiro que faría, sería darlle unha labazada para despois fundirse con el nunha forte aperta; un intenso abrazo foi o que Castelao lle dou a Otero Pedrayo cando se topou con el cara finais dos anos 40 do pasado século en Bos Aires, ademais das grosas bágoas que os dous amigos verteron. Esa foi a crueldade da nosa Guerra Incivil, plantou un muro infranqueable entre amigos e irmáns de outrora.

Amigos e admiradores devotos de Castelao como foron Francisco Xavier Sánchez Catón (1891-1971) e Xosé Filgueira Valverde contribuíron xenerosa e desinteresadamente á publicación, impresión e distribución da magnífica primeira edición do álbum Nós do irmán Castelao e fixeron todo o posible para manter viva a memoria do ilustre rianxeiro. Filgueira foi o artífice de que a maior parte da obra de Castelao non se dispersara nin se perdera e no Museo de Pontevedra, o Museo de Filgueira, foise gardando, almacenando dita obra e cando se produzo a oportunidade, dala a coñecer e a valorar; a maior parte da valiosa obra do rianxeiro pode hoxe contemplarse nas salas dedicadas ao querido Castelao no Museo pontevedrés, xa que o irmán Daniel manifestou o desexo de que a súa obra se conservase aí, na súa querida Pontevedra, Meu Pontevedra!

Filgueira Valverde xestionou a aportación de compensacións económicas a Virxinia Pereira Renda (1884-1969), viúva de Castelao e ás súas irmás Xosefina (1897-1974) e Tereixa (1900-2000) pola cesión e pola instalación da obra de Daniel no Museo de Pontevedra, onde hoxe no VI Edificio, chamado Castelao, podemos contemplar e gozar da súa obra.

Filgueira Valverde dedicoulle integramente o tomo IV de Adral ao seu benquerido e admirado Castelao. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde foran dous amigos, dous irmáns pontevedreses, do ilustre e inmortal rianxeiro.

O erudito profesor Xesús Alonso Montero (1928) comentoume (12/06/2024) que Castelao salvoulle a vida a Sánchez Cantón no Madrid republicano asediado polas tropas franquistas. Á fin, Castelao, Sánchez Cantón e Filgueira tiñan sido grandes amigos que unha absurda guerra (todas as guerras son iguais de absurdas) e unha arbitraria, terrorífica e cruel ditadura separaron para sempre. Aínda que, polo menos, por parte de Filgueira Valverde, sempre houbo admiración e grande agarimo cara Castelao e a súa obra.

E consta que Filgueira Valverde foi sempre coherente e consecuente coas súas ideas e propias conviccións, tal como nos manifestaba Francisco Fernández del Riego (1913-2010) en 1998 e nese mesmo ano, Antonio Fraguas Fraguas (1905-1999) declarábanos que Filgueira Valverde “non foi traidor nunca” e sempre foi constante na súa fidelidade e no seu amor a Galicia e á lingua galega, que inspiran a súa vida e a súa magna obra, alguén chegou a dicir e a titular que Filgueira era o “home que máis sabía de Galicia”, por iso convén coñecer ben a Filgueira Valverde e non tratalo de desfigurar e dar unha imaxe falsa e interesadamente alterada e descontextualizada por prexuízos políticos e ideolóxicos. Hai que intentar aproximarse ao máximo á verdade histórica e non manipulala por conveniencias partidistas e sectarias e bendito “papán”, oxalá houbera moitos papáns como el.