sábado, 21 de septiembre de 2024

ABOUT FILGUEIRA VALVERDE - A VOLTAS CON FILGUEIRA VALVERDE

 

ESTANDO A REPENSAR A FILGUEIRA VALVERDE


Co meu querido e admirado Filgueira Valverde en 1994.

El ocupa a maior parte dos meus estudos e investigacións.


Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) veu ao mundo no seo dunha familia burguesa acomodada, seu pai Xosé María Filgueira Martínez (1871-1938), un prezado e recoñecido médico de Pontevedra, procedente dunha familia campesiña ben situada de Mourente, a súa nai Araceli Valverde Yaquero (1870-1946) nacida en Ugíjar (Granada), que veu a Galicia acompañando ao seu tío Eduardo Valverde Cazorla (1838-1895), que veu ocupar o cargo de deán da catedral de Santiago de Compostela, ela chegou a profesar nas Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl e prestou servizos no Hospital de Pontevedra onde chegaría a coñecer ao que sería seu esposo e pai do seu único fillo. Filgueira Valverde dixo que os seus pais “foron os meus primeiros e mellores mestres”. Un fogar tradicional e moi relixioso. Seu pai fixera estudos eclesiásticos antes de dedicarse á medicina, tiña, pois unha fonda cultura clásica e científica, con amplos coñecementos “do latín e algo de grego”, así como moi “sabidor das cousas da natureza”. Era un gran cazador. Súa nai ao abandonar a súa congregación relixiosa, dedicouse plenamente ao fogar e á educación do seu querido fillo. Seu padriño, o doutor César Enrique López de la Ballina (1869 -1939), querido e lembrado médico de Lérez que tamén foi subdirector do Hospital de Pontevedra e fundador da Sociedade Arqueolóxica da mesma cidade, íntimo amigo, case irmán do seu pai, tamén influíu na súa educación, fomentando o seu amor polos libros e a súa paixón pola historia. Desde a nenez, pois, foi formando unha personalidade conservadora, tradicional e moi relixiosa, debido á influencia dos seres que máis o marcaron na vida e aos que máis amou. Así mesmo, desde moi neno recibiu a influencia dos franciscanos e xesuítas de Pontevedra, cidade que tamén o educa e lle deixa unha forte pegada; sempre levou a Pontevedra na súa mente e no seu corazón, a súa cidade natal que tanto lle deu e á que tanto lle dou.

Desde os inicios da súa formación foi un extraordinario, brillante e precoz estudante e estudoso, máis inclinado aos libros que aos xogos, relacionándose axiña con persoas maiores ca el, dicía que dos maiores aprendía moito e eran as persoas que transmitían sabedoría. No Instituto de Pontevedra, o seu profesor, o seu mestre preferido e máis querido foi Antón Losada Diéguez (1884-1929), líder e promotor da Xeración Nós, confesaba el, que despois dos seus pais, Losada foi seu “mellor e máis querido mestre”. Participaba no famoso faladoiro de Losada desde os 13 anos, relacionándose con personaxes importantes da cultura galega, como seu prezado e admirado profesor de Debuxo, o grande Castelao (1886-1950), quen lle dixo a Filgueira Valverde mociño: “sé ti mesmo”. Tamén entrou en contacto con outro mestre “gratuíto” e amigo, o seu veciño Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971). Así mesmo, desde os seus 16 anos participaba no singular faladoiro de Casto Sampedro y Folgar  (1848-1937), o primeiro director do Museo de Pontevedra (1927, 1929), sendo Filgueira Valverde (un mociño de menos de 21 anos) o primeiro secretario técnico do Museo, formaba equipo e sería sucesor no Museo doutro dos seus queridos mestres gratuítos. Tamén por estas épocas entra en contacto e fai unha fonda amizade, que só racharía a morte, con outro dos seus mestres gratuítos pontevedreses Francisco Xavier Sánchez Cantón (1891-1971). De tales vimbios formouse o cesto, o denominador común destes grandes mestres e amigos é o seu conservadurismo e a súa catolicidade.

Con menos de 17 anos (1922), topamos a Filgueira Valverde de mozo estudante na súa queridísima Compostela, brillante alumno de Dereito e de Historia, aquí sería un dos mellores artífices e socio fundador da máis importante institución privada de carácter científico de Galicia no século XX, o inesquecible e insuperable Seminario de Estudos Galegos (12/10/1923-1936), esta iniciativa estudantil axiña conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, co da Xeración Nós (Losada, Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas, Ramón Cabanillas, Xocas,...), os mozos da Xeración do Seminario son considerados os epígonos do Grupo Nós, os mozos toman a dianteira, a vangarda e son seguidos polos mestres de Nós, pola Universidade e por unha parte significativa da intelectualidade e da sociedade galega daquel tempo, mesmo os catedráticos Armando Cotarelo Valledor (1879-1950) e Salvador Cabeza de León (1864-1934) son o primeiro e o segundo presidentes do SEG. Esta rica, querida e lembrada etapa formativa acrecenta amizades e relacións para toda a vida, todos os citados, e por tan só citar a uns poucos máis, Fermín Bouza Brey (1901-1973), Antón Fraguas Fraguas (1905-1999). Compostela deixa pois unha fonda influencia na personalidade e na educación de Filgueira Valverde e outra vez predominan as ideas conservadoras e fondamente relixiosas. E Filgueira nunca renunciará a elas e sempre será fiel, coherente e consecuente con tales ideas.

No seu facer de mozo docente e de profesor e de catedrático, así como de director con longa experiencia (1928-1976) Filgueira Valverde aproveitou sabiamente os seus amplos e variados coñecementos, que o conformaron como o último gran polígrafo humanístico de Galicia. De todo isto se beneficiaron o seu alumnado e as súas familias, a propia cidade amada de Pontevedra e a non menos amada Galicia, a súa lingua e a súa cultura. Quédanos, pois a súa traxectoria vital, a súa magna obra, o seu legado.


Dedicatoria autógrafa  de XFV de Agromar (1936)


Filgueira non foi o típico sabio “pechado na súa torre de marfil”, participou en política, en distintos momentos da súa vida e en distintos cargos, para coas súas ideas e co seu bagaxe servir á súa comunidade.

Hai persoas que pretenden acaparar ou apropiarse, desde as súas posturas políticas, en exclusiva de Galicia e do seu idioma, Galicia somos todos “a xente e máis a fala”. E se nos declaramos demócratas, porque a democracia é o menos malo dos sistemas políticos, cabemos todos, debémonos respectar todos e non tratar de asimilar aos demais ás nosas propias ideas, impoñéndollas ou facéndolle renunciar ás súas. Como alguén dixo, Filgueira Valverde non era un progresista nin un revolucionario; pero non por iso debemos negar que era un home dunha sólida formación e duns enormes coñecementos, o “home que máis sabía de Galicia” e soubo servila e enriquecela. A súa Xeración, o Seminario de Estudos Galegos, a Xeración Nós foron o máis importante e imprescindible de Galicia no pasado século XX, e Filgueira Valverde estaba aí, el enche, ou axuda a encher o século XX de Galicia desde os puntos de vista cultural, educativo, científico, lingüístico; foi un dos que máis escribiu sobre Galicia e de asuntos con ela relacionados. Foi un dos “bos e xenerosos” que contribuíron ás “mil primaveras máis” para a lingua e para a cultura galegas.

Filgueira Valverde, persoa de talante conservador e moi católica (dun “catolicismo moi ben fundamentado e nada beato”, tal como nos declaraba seu fillo Fernando Filgueira Iglesias -1940-), era quen  de aceptar a persoas con ideas moi diferentes ás súas e tratar de colaborar en proxectos comúns, eran quen de integrarse en equipos de traballo moi diversos e de carácter multidisciplinar. Era un home de carácter aberto e liberal.

El, xunto con outros “irmáns” galeguistas non podía aceptar as políticas hostís de certos estamentos da II República española contra da relixión católica. El non era un revolucionario nin marxista nin fascista. Era amante da liberdade, da orde e da paz.

As absurdas loitas fratricidas, a falta de respecto cara as persoas e cara as institucións causaron nel unha fonda dor e tristura. Pódese dubidar da inmensa dor e a desacougante sensación de rotundo fracaso que sentiu polo estúpido, absurdo, arbitrario e cruel asasinato do seu amigo e “irmán” Alexandre Bóveda (1903-1936)? Ou da inquedanza, desestabilización e xenreira que lle causou a cruel persecución e lamentable e tristísimo exilio do seu mestre amigo Castelao (1886-1950) e da dor e acoso que sufriron outras moitas persoas queridas e respectadas (Otero Pedrayo,  Fermín Bouza Brey, Antón Fraguas, Isaac Díaz Pardo,...)? Todo consecuencia dunha infeliz guerra (1936-1939) e dunha miserable, arbitraria e incongruente ditadura (1939-1978). Cren que todas estas desgracias vividas polo noso país non lle pasaron factura á Filgueira Valverde e a todos os galeguistas do interior que tiveron que sobrevivir nun medio hostil que os sometía e os condenaba ao silencio e á represión. Por iso, lles custaba tanto falar destes temas da guerra e da ditadura e moitos falan dun pacto de silencio; pois, pretendían a reconciliación, o consenso e agardando a que viñeran tempos mellores e máis oportunidades para manter viva a cultura galega e tiñan arelos de volver a conseguir a liberdade, a paz, o progreso.

Filgueira Valverde tratou en todo momento ser el mesmo e non traicionou nunca os seus valores cristiáns e humanos nin tampouco foi un traidor para a causa de Galicia e dos seus amigos e mestres. Sempre que puido e tivo a oportunidade botou unha man para salvar e axudar a persoas perseguidas e reprimidas, entre algúns de moitos exemplos, as súas actuacións no caso do mestre Golmar, de Otero Pedrayo, de Celestino Noya e de tantos outros.

A gris ou negra e lamentable situación de España nun longo período de tempo (1936-1978) fixo tragar moitos sapos, moita fel, moito sangue, desgraciada e penosamente a moitas persoas, a moitos compatriotas e entre eles a Xosé Filgueira Valverde, gran profesor, inmellorable erudito e sobre todo moi boa e auténtica persoa.