"O ASASINO SEMPRE VOLVE AO LUGAR DO CRIME"
Vai xa alá un ano que lin a miña tese de doutoramento, naquel día solleiro, cálido e inesquecible para min, acompañado de familiares e amigos nun acto académico que permanecerá gravado para sempre na miña mente e no meu corazón. Grazas a todos os que me acompañaron e alentaron neste proceso, neste camiño de poder elaborar unha tese de doutoramento e defendela.
Pois fai unhas horas, das 16:30 ás 16:50 hs. do día 14/05/2025 participei no Seminario de Discusión de Teses, na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que coordinaba á Dra. María Lameiras, coa asistencia da Dra. Carmen Ricoy e de alumnado do Programa de Doutoramento de CC. da Educación e do Comportamento.
Eu fixen unha exposición da miña tese sobre o profesor Xosé Filgueira Valverde e sobre cuestións que estimaba de interese para os doutorandos asistentes presencialmente e en liña.
A continuación, fixo algo semellante sobre a súa tese, que trataba sobre ciber abusos e abusos sexuais sobre a muller e a súa prevención por medio da educación sexual a Dra. e profesora da mesma Facultade, Rosana Martínez Román.
Foi un xeito de lembrar e festexar este I Aniversario, nun lugar para mín de tan gratos recordos e interesantes vivencias e aproveitar para felicitar ao meu querido director de tese, meu prezado amigo Dr. Cid Fernández, polo seu cumpreanos, acertadamente reflectido no xornal La Región.
Curiosidades da vida, o aniversario do meu director coincidiu coa data da defensa de miña tese, un 14 de maio, motivo de dobre satisfacción.