lunes, 17 de septiembre de 2012
A SAGRADA FAMILIA, OBRA DE OURIVERÍA
O venres 14 de setembro de 2012, aproximadamente dende as 12:00 h. e ata as 14:15 h., estiven a visitar o templo da Sagrada Familia de Barcelona, obra concebida e deseñada polo xenial arquitecto Antoni Gaudí. Tanto interese puso neste traballo que o tiña concentrado e ocupado de tal xeito que non se percatou do tranvía que acabou coa súa vida. Pero, deixou todo minuciosamente planificado e proxectado. Unha obra que comenzou a cimentarse a finais do século XIX, levou todo o século XX na súa construcción e aínda esgotará bastante tempo do século XXI antes de que se lle poña remate definitivamente. Gaudí que practica, unha arquitectura ou unha loucura? É sorprendente a minuciosidade na súa obra. Gaudí era un gran creente, a Sagrada Familia ten unha fonda fundamentación teolóxica e relixiosa, no templo amósase unha profusión de ideas relixiosas, trátase dunha homenaxe, un recoñecemento de adoración e veneración á familia de Xesús de Nazareth. O templo, tanto no exterior como no interior inclúe distintas escenas desa Sagrada Familia e os seus personaxes: Xesús, María, e Xosé. Por unha familia nos vén a salvación, unha familia que acolle e nos ofrece ao Salvador, Cristo. Para compartir esas ideas, Gaudí traballa como as abellas cando fan os seus panais, a obra dun meticuloso ourive que non deixa nada ao azar, hai unha planificación e un traballo exhaustivo como se pode apreciar no Museo anexo ao templo. Quedamos abraiados co interior: as vidreiras, as imaxes, o sistema de columnas, a vida, a Vida que alí se expresa e se manifesta. No exterior, puidemos gozar das fachadas do Nadal e da Paixón; pois, a fachada da Gloria aínda se atopa no proceso de construcción. Miles de persoas tódolos días poden contemplar esta gran obra que a ninguén deixa indiferente. Ofrecemos algunhas das numerosas fotos que tomamos. Se tendes a oportunidade non aforredes unha visita á Sagrada Familia de Barcelona.
lunes, 10 de septiembre de 2012
REPENICAR DAS CAMPÁS
É mágoa que agora non se escoite tanto o repenicar das campás. Antigamente, as campás marcaban a regulación do tempo, tocaban a morto, tocaban a arrebato para avisar de calquera perigo ou emerxencia, por exemplo, dun incendio para que os veciños acudisen a sofocalo. Nos mosteiros indican as distintas tarefas e oracións que teñen que facer os monxes ou as monxas. Famosos son os rezos da liturxia das horas, co seu respectivo toque de campás: a maitines, tertia, nona, vísperas... Pero, imos falar dun toque especial de alegría, o repenicar dos días de festa; por exemplo, da festa do patrón ou da patrona ou o repenicar da vixilia pascual e do domingo de pascua. Na parroquia de Santo Tomás Bécquet de Caldas de Reis nos anos finais da década dos sesenta do pasado século XX, había un monaguillo que tiña un don especial para repicar, era un espectáculo velo bailar tocando, repenicando as campás, xa temos falado del noutras entradas, trátase do meu amigo da infancia, Manoliño, o de Inés. Ía daquí para acolá, tocando as distintas campás que había no campanario, naquel tempo moi perigoso; pois, estaba moi deteriorado e mal coidado, Manoliño obviaba o perigo e voaba, bailaba indo dunha campá a outra, unhas pequenas, outras máis grandes, cada unha coa súa fala, co seu toque peculiar que tan ben coñecía o Manoliño. Cada campá tiña a súa personalidade propia e o meu amigo coñecíaas como se foran as súas amigas, creo que lle tiña un nome a cada unha. Era un artista, era o monaguillo que daquela mellor manexaba as campás. Aquel campanario máxico coas súas vistas aos catro puntos cardinais, de alí había unha magnífica panorámica das terras do Umia; ao lonxe: Saiar, Bemil, San Clemente, San Andrés de César, Tibo, o Umia, o pai de Caldas de Reis, esa querida vila das miñas lembranzas infantís.
lunes, 3 de septiembre de 2012
A RAPSODA, CELUCHI ZAMBRANO, EN VILAGARCÍA DE AROUSA
A artista onubense, Celuchi Zambrano, residente na actualidade en Madrid, ofrecerá un recital poético en Vilagarcía de Arousa, o sábado 8 de setembro, a partires das 21:00 h. no Auditorio Municipal. Contará coa colaboración do rapsoda, José González Moreno, residente xa hai moitos anos na capital arousá. Tamén participará Germán Jesús Torres Sánchez, interpretando ao piano fragmentos escollidos de Chopin e de Mozart. O acto será presentado por Xermán Torres. Outra oportunidade para gozar da poesía en combinación coa música. Agardamos que Vilagarcía acolla con interese esta actividade cultural que se lle oferta. CELUCHI ZAMBRANO acumula unha grande experiencia no recitado de poesía, tendo participado dende moi noviña en numerosos actos poéticos e teatrais en distintos puntos do noso país. A súa experiencia coa palabra ten unha estreita relación co seu labor radiofónico en emisoras do antigo Protectorado español en Marrocos, onde viviu máis de vintedous anos. En Madrid tamén protagonizou e participou en numerosos espacios radiofónicos. Hoxe, está máis centrada nos recitais poéticos, temos, pois, a oportunidade aquí de escoitar unha gran voz da poesía, unha voz experimentada e de moita calidade. Sen dúbida, Celuchi aportará o seu arte que nos servirá para contrastar e aprender a todos os que ultimamente realizamos experiencias poéticas na nosa cidade, chamada a Perla de Arousa, ofrezámoslle á señora Zambrano as perlas da nosa asistencia e das nosas ovacións, constituirá un intercambio, sen dúbida, enriquecedor. SAÚDE E POESÍA. //
FONTES E INFLUENCIAS: Do seu pai, o poeta Diego Zambrano e de González Marín, gran rapsoda dos anos 40 e 50 do pasado século.
EXPERIENCIA RADIOFÓNICA: Locutora en RADIO PAN AMERICAN de Tánger e RADIO ÁFRICA. O traballo na radio facilitoulle os contactos co mundo do teatro. Por encargo de Enrique Guitart participou na obra: LAS MANOS DE EURÍDICE, recitando o monólogo: LAS NARICES DE EURÍDICE, que lle proporcionou un emocionante éxito.
El recital resultó un acto muy entrañable y de gran calidad, todos los asistentes mostraron una gran satisfacción con el mismo, fue un acontecimiento poético y musical digno de recordar y de repetir en otra oportunidad. Escribimos en castellano en deferencia de Celuchi, a la que aprovechamos para felicitarle por su arte y fina sensibilidad, así como por su calidad interpretativa; pero, sobre todo porque es una gran persona y una gran artista. José González Moreno también estuvo a una gran altura en la declamación con gran derroche de energía y maestría de los dos poemas que interpretó: PUEBLA DEL RÍO ESTÁ EN FIESTAS de Ángel Peralta y PENAS Y ALEGRÍAS DEL AMOR de Rafael de León. Celuchi Zambrano dividió su actuación en tres partes, bueno, cuatro, si contamos la original introducción, después de la introducción declamó poemas de su hermano poeta, DIEGO ZAMBRANO ENRÍQUEZ, a continuación recitó poemas de varios autores, algunos de la GENERACIÓN DEL 27, de GARCÍA LORCA, VICENTE MEDINA, RAFAEL DE LEÓN,... En la parte final se dedicó a los poemas de su querido y recordado padre, DIEGO ZAMBRANO. Nos sorprendió poniendo fin a su recital con un precioso poema de su progenitor, LA CALANDRESA. Interpretó y acompañó al piano el joven músico vilagarciano, GERMÁN JESÚS TORRES SÁNCHEZ, que ejecutó fragmentos escogidos de MOZART, BEETHOVEN, CHOPIN y otras piezas del repertorio clásico. Un acto que quedará por mucho tiempo en nuestras memorias y en nuestros corazones. ¡SALUD Y POESÍA!
jueves, 30 de agosto de 2012
A VOLTA EN VILAGARCÍA DE AROUSA
Hoxe, día 30 de agosto de 2012, a Volta ciclista a España tivo a súa saída neutralizada dende Vilagarcía de Arousa, en distintas rúas e vías urbanas da cidade puídose observar a serpe multicor. Nós observámola ao seu paso pola rotonda da Luz Salgada, ao remate da rúa Rodrigo de Mendoza e comenzo das Carolinas, cando os corredores dirixíanse cara ao alto do Pousadoiro, camiño da meta do cumio do Ézaro, alí tiña lugar a saída real. Queremos destacar ao corredor local, Gustavo César Veloso, un gran deportista e mellor persoa, atento e solidario; un cabaleiro do pelotón. Noraboa por todo, Veloso, por ser como es, sinxelo, próximo á xente. Desexámosche moitos éxitos na túa carreira deportiva e na túa vida. Boa volta!
miércoles, 22 de agosto de 2012
JULIA BECERRA MALVAR, A CONDESA DO POBO
Julia Becerra Malvar veu a primeira luz no pazo familiar de Salcedo (Pontevedra) no ano 1889, era filla de Manuel Becerra Armesto, quen era alcalde de Pontevedra cando naceu Filgueira Valverde en 1906, e de Josefa Malvar de la Maza, da familia do recoñecido arzobispo Malvar, que ocupou a mitra compostelá e promoveu a estrada que une Pontevedra coa capital de Galicia. A condesa de Creixell finou na súa casa de Madrid en 1974. Como argumenta o noso amigo, Xosé Lois Vila Fariña, no seu libro: EL VALOR DE UNA MUJER: JULIA BECERRA MALVAR. NOTAS PARA SU BIOGRAFÍA, trátase dunha muller adiantada ao seu tempo, ben relacionada coa intelectualidade galega, moi amiga do poeta Ramón Cabanillas, por exemplo. Tiña moi bos contactos con personaxes dos distintos sectores políticos, cabe mencionar aquí a súa colaboración e participación no chamado pacto de Barrantes, alá polos primeiros anos trinta do pasado século. Sabida a súa afección pola música e máis concretamente polo "bel canto". Tamén gustaba da vida sinxela do campo, amante da Natureza e dos traballos campesiños, disfrutaba moito co contacto das xentes da bisbarra de Barrantes, o seu pai deulle como agasallo de voda o pazo de Barrantes. Era unha muller boa que axudou a moita xente nos tempos terribles da Guerra Civil (1936-1939) e nos da ulterior dictadura. Foi unha benefactora de Ribadumia e Barrantes, onde cedeu numerosos terreos onde se construiron instalacións e equipamentos para diversos servicios públicos do concello ribadumiense e foi artífice de moitas accións que redundaron no beneficio dos seus queridos conveciños. Para saberes moito máis desta ilustre muller compre ler o libro de Vila Fariña, que foi presentado oficialmente o pasado venres 17 de agosto na Casa da Cultura de Ribadumia. Xunta ao autor estaban na Mesa Presidencial, a Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña Muñiz, quen presidiu o acto de presentación, a ex directora do CPI "Julia Becerra Malvar", Emilia Martínez Pazos, promotora da publicación e do acto, e o xornalista vilanovés, Benito Leiro Conde, quen colaborou con Vila Fariña para rematar a publicación desta monografía. Entre os numerosos asistentes a esta presentación atopábanse familiares e descendentes da condesa, entre eles, María Cristina Cebrián Sagarriga "Coca", sobriña da biografiada, quen facilitou numerosas informacións e abundantes materiais documentais ao noso bo amigo Vila Fariña, que é un exemplo de superación para todos nós diante das dificultades da vida, do que tamén sabía bastante a boa de dona Julia. Noraboa e parabéns para Xosé Lois Vila Fariña, "Ulisis Figueroa".
lunes, 13 de agosto de 2012
EXISTE UNHA ESCOLA GALEGA HOXE?
Os anceios dos galeguistas, dos homes e das mulleres que amaban a Galicia e pola que moitos deles entregaron a súa vida como verdadeiros mártires, alá, polos primeiros anos do século XX, e sobre todo, na década que vai dos vinte aos trinta, reivindicaban que houbera unha escola galega, onde se falara a súa querida lingua e onde se ensinaran as materias, as ciencias, as técnicas, as artes propias e útiles para Galicia. Abrir as fiestras dun escola arcaica para que entre dentro o aire fresco de Galicia, que traballe pola renovación e por un bo porvir para Galicia e para as súas xentes. Que a escola non lle dea as costas unha vez máis á malfadada Galicia. Aqueles egrexios galeguistas quería unha escola galega na que se estudiasen e vivisen a lingua galega xunta á nosa xeografía, a historia, a ciencia, as técnicas, as artes, os costumes e a cultura da Nosa Terra, co fin de traballar por unha terra próspera, que supere a tradicional miseria material e espiritual na que vivía e aínda vive Galicia. A Nosa Terra estaba olvidada e aldraxada. Os galeguistas querían un mellor porvir e este pasaba por ter unha escola galega, con mestres galegos que levaran dentro do seu corazón e da súa mente, no seu sentir e no seu vivir a Galicia, unha Galicia para a vida.
Podemos dicir hoxe que temos esa escola galega? A lingua galega é cooficial na nosa comunidade, ensínase oficialmente nas escolas, hai contidos curriculares referenciais de Galicia. Pero, sentimos e vivimos Galicia como desexaban aqueles homes e mulleres bos e xenerosos, íntegros galegos? Penso que non. Falo da miña experiencia. A moitos mestres non lles queda máis remedio que impartir algunhas áreas en galego, se realmente cumpren coa legalidade. A administración pública fai o paripé legalista, mais as súas ideas e o seu sentir son outros. A Administración Educativa de Galicia semella máis unha sucursal da administración da Súa Graciosa Maxestade Británica ou uns aprendices avantaxados da Escola de Chicago e o neoliberalismo. Non aman a Galicia, non sinten Galicia; sérvense de Galicia para os seus fins partidarios. É o que é máis triste a nosa infancia e a nosa mocedade están alienadas, invadidas e colonizadas maiormente pola música, literatura, modas e medios de comunicación alleos; principalmente anglosaxóns: americanos e británicos. Non hai uns medios de comunicación, tan influintes hoxe, realmente galegos. Espallan outras culturas e outros modelos de vida totalmente alleos. Formalmente é posible que exista unha escola galega, na lei morta; pero, no fondo e na práctica quedan moi lonxe de se cumprir as arelas daqueles homes e mulleres que soñaban cunha escola galega e cunha puxante Galicia. Precísase seguir a reivindicar a Galicia e mais a escola galega que querían, entre outros: Villar Ponte, Johan Viqueira, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira, "Roxerius",... Temos que seguir a soñar, a arelar esa Galicia, esa escola galega polas que compre traballar e loitar día a día, todos os días.
lunes, 6 de agosto de 2012
XVII MESA DAS VERBAS
O día 3 de agosto de 2012 celebramos a XVII edición do encontro poético que denominamos MESA DAS VERBAS. Xuntámonos un grupo de amantes da poesía na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa e alí compartimos versos, ilusións, emocións, sentimentos. Nesta oportunidade lembramos a poetas vilagarciáns doutros tempos. Citamos e/ou lemos algún poema de FRANCISCO PORTO REI, RAMÓN GARCÍA LAGO, FERMÍN BOUZA BREY, LUIS BOUZA BREY, AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO, LISARDO BARREIRO, JESÚS GARRIDO, MANUEL TRIGO, SANTIAGO SAAVEDRA, MATILDE ALONSO, CARMEN NOYA, XAQUINA TRILLO.
"Énchanse, fártense de poesía! / Xuventude galega faite idealista, romántica, poetízate. O mundo será teu!" (JOHAN VICENTE VIQUEIRA, gran pedagogo, poeta, escritor en A NOSA TERRA o 10/02/1918).
Participaron activamente recitando os seus poemas ou poemas escollidos: ALFONSO SAAVEDRA, GONZALO BOUZA-BREY, ALEJANDRO GUANELLA, GRACIELA, JOSÉ TIZADO, TITO PORTO, EV.CALO, ÁNGELES CONDE, ANTONIO PINEDO, ENRIQUE BRUMBÉCK, Mª JOSÉ RUBIANES, RAMÓN TORRADO, CARMEN DARRIBA, RAFA GÓMEZ, MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA, JEAN CARBALLO, CARMEN ABALO, MARÍA PALACIOS, ANTONIO QUIÑOY, FINITA, JUAN JOSÉ PORTO, ANDREA FERNÁNDEZ, XERMÁN TORRES. Acompañounos o pianista GERMÁN JESÚS TORRES SÁNCHEZ, que interpretou fragmentos escollidos de CHOPIN e MOZART.
Agradecemos ao Concello de Vilagarcía de Arousa que colaborou unha vez máis para sacar a MESA DAS VERBAS ás prazas e rúas de capital arousana.
Vinte / lavar no río. / Vinte, / na beira, / soñando. // Vinte / lavar no río. / Vinte. / na beira, / chorando. (MANUEL TRIGO).
Por este camino que alumbre un lucero, / Por este camino, por este sendero, / ¡Que venga la Muerte, sino torne él! (RAMÓN GARCÍA LAGO).
Mar de Arousa, Mar de Arousa / eu ben sei que Ti, és ría. / Mais eu quéro-te chamar: / o Mar de Vilagarcía. (XAQUINA TRILLO).
Que se alonxe de nós tanto cruel e vil materialismo, / tanta triste usura e avaricia que a todos empobrece; / querido santo francés aparta o voraz neoliberalismo, (XERMÁN TORRES).
A próxima MESA terá lugar nunha data a determinar do mes de setembro.
SAÚDE E POESÍA
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




