miércoles, 17 de diciembre de 2008


(Na imaxe, Nacemento que Filgueira colocaba no seu fogar tódolos anos, así nolo fixo chegar a súa filla Araceli Filgueira Iglesias, nunha postal de nadal do 2006, ano do centenario do seu pai)



FILGUEIRA VALVERDE

Tres refendas da Noite Boa

I

O Milagre das abellas


Un homiño de Flandes, na noite de Nadal,
levou consigo a Hostia cando foi comulgar.
Púxoa nunha albariza, no seu colmenar,
crendo que o mel e cera virían a medrar.
As devotas abellas fixéronlle un altar.
Aló a Virxe e o Neno viñeron acougar.
A luz do sol trocara a noite en lumear.
El-Rei Afonso fixo compor novo cantar;
que lera o milagre en Cesar Heisterbach.


II

O Nadal das pedras


Tamén teñen as laxes a festa no Nadal.
Brincan, de seu, na noite, as pedras de abalar.
Camiñan cara os ríos os marcos a abrevar.
E baixan para o Etel os esteos de Karnac.
Un tesouro agachado pode o menhir gardar.
As aves, cobizosas, o veñen a búscar.
No seu retorno, as pedras as poden apreixar.
Aló quedan un ano, pois teñen que agardar,
que as liberten os sons das campás do Nadal.


III

Capela viva


Nadal no mar xiado dos ensoños.
Brandán sobarda a barca, cabo as insuas,
a erguer un novo altar en terra nova.
(Tal nosa Fe na abaladoira vida).
Un monstro, inquedo, esguío, desnortado,
fai, baixo a man do Santo, de insua viva,
a un tempo terra acolledora e nave,
na roita das saudades infinida.

No hay comentarios: