viernes, 1 de mayo de 2009

A FESTA DOS MAIOS























(Partitura do libro de Carlos Rey e imaxes dos Maios de Vilagarcía de 2009)

Esta popular festa de Vilagarcía de Arousa e a súa zona de influencia, celébrase tamén en Pontevedra, Marín, Ourense e noutros puntos de Galicia e noutros lugares de España, mesmo de Europa con lixeiras variantes e denominacións, ten a súa orixe máis próxima nas festas da primavera, ligadas con ritos agrícolas no ámbito da cultura clásica grecolatina. Pero, pódese buscar unha orixe máis remota que se perde na noite dos tempos, xa que a influencia da Natureza na vida dos homes, coa súa roda de ciclos, entre os que atopamos os ciclos equinociais e os referidos aos solsticios marcan os ritmos da vida e configuran a cultura e as costumes das distintas civilizacións.
A festa dos maios, de longa tradición foi estudiada dun xeito moi especial por Xosé Filgueira Valverde nun monográfico memorable que foi publicado en 1927 no Tomo I de ARQUIVOS, a Revista do Seminario de Estudos Galegos. A relación de Filgueira cos maios mantívose practicamente ao longo da súa vida. Nas décadas dos 50 e 60 do pasado século, Filgueira con Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova, entre outras persoas, formaron parte dos xurados dos concursos dos maios en Pontevedra.
En Vilagarcía de Arousa, o folklorista Carlos Rey Cebral publicou no ano 2006 un monográfico, que levaba por título: A FESTA DOS MAIOS NO CONCELLO DE VILAGARCÍA, no que fai abondosas referencias a esta festa tan popular.
Hoxe o concurso dos maios en Vilagarcía pervive grazas a algúns centros educativos da cidade e a algunha entusiasta asociación de veciños, senón dito concurso xa tería desaparecido fai anos. E sería unha mágoa rechar cunha tradición tan nosa.
Nos maios son importantes na súa elaboración os elementos vexetais: fiuncho, espadana, palla, grans de millo, floriñas do campo, xestas…, tamén se empregan na decoración ovos, cocos, fabas e variadas sementes. Os maios tradicionais están constituidos polo maio cónico ou palleiro, as cruces de maio, as caixas e os barcos. Máis tardiamente introdúcense os maios artísticos, onde se amosa o bo facer e a creatividade dos participantes, pídese que na súa confección se utilicen elementos naturais.
Outra compoñente que ten moita importancia nos maios é a música coa que se interpretan as letriñas compostas para a ocasión. A música ten unha forma dada, tradicional, que é característica de cada zona. Coas letriñas, en determinadas épocas históricas, aproveitábase para facer sátira e crítica social. Cuestión que aínda subsiste, como demostraremos máis tarde.
Agora imos amosar como eran as antigas letriñas tradicionais, que todos sabemos de memoria. Seguindo a Carlos Rey, veleiquí algunhas delas:


O maíño maio
é moi pillabán,
quere que lle dean
os cartos na man.

Para facer este maio
tivemos que ir a roubar
flores e fiúncho
á horta de don Blas.

Veu don Blas
cunha escopeta
pegounos un tiro,
furounos a chaqueta.

Veu San Blas
cunha zapatilla,
fíxonos correr
hasta horta de Corbatilla.


Estas letriñas son típicas de Vilagarcía, pero imos recoller unha letriña máis antiga á que se refire no Adral (1979) Filgueira Valverde, e que teñen como base uns feitos con base histórica ocorridos na comarca de Pontevedra, trátase dun cantar dos maios de 1841:


Rapaces de Mourente,
rapaces de Marcón,
vinde ver a Carracedo,
que fuxiu con San Simón.
Rouboulle a camisa,
rouboulle o pantalón,
deixouno en cirolas
que metía compasión.
Viñeron os de Vigo
á Virxe do Camiño,
e Carracedo
todo lles estaba oíndo.
Veu San Simón,
zorregoulle un bofetón:
e ti gran puñeflero
disparaches o cañón.


Dando un salto no tempo, imos facer unha escolma das letriñas cantadas na Festa dos Maios de Vilagarcía de Arousa do 01/05/2009:

Somos os do Piñeiriño
Que vimos aquí a cantar
Queremos darlles as grazas
Por quedarse a escoitar

Agora os do goberno
Para ter máis calidá
Queren rebaixar o tempo
Que hai para a publicidá.

Temos vacas tolas
Polos resfriados
E hai para remate
Porcos agripados

Agora en Galicia
Cambiounos o goberno
Quen sabe se na escola
Poderei falar galego

O maíño maio
É moi futboleiro
Mete catro goles
Con ou sen porteiro.

Aquí está o Maio da Laxe
Como manda a tradición
Como estes días choveu
As flores son de cartón

Na Laxe hai unha fonte
Conta a miña avoa
Que cando era nena
Botaba auga da boa

Porque o clima está moi raro
Non sabemos que pasou
Os de Antena 3 dan chuvias
E a Primeira nos dá sol.

Os pisos quedan baleiros
Ou se venden ou se alquilan
Se hai alguén que teña cartos
Faise dono desta vila.

Todos xogan coa Wii
A Nintendo e PSP
Todos diante das pantallas
Xa non saben que facer

Aquí tedes a Feijoo
É o novo presidente
Que mire pola terriña
E que mire pola xente

Ten Obama unha mascota
É o can presidencial
Anda pola Casa Branca
Polo Salón Principal

Que disfruten deste día
De maio maíño maio
Que nós xa nos despedimos
Deica o próximo ano.





PARA CONSULTAR:

- XFV: A FESTA DOS MAIOS. Arquivos I, 1927.

- ____ : ADRAL, A Coruña, do Castro, 1979, pp. 135-142

- REY CEBRAL, Carlos: A FESTA DOS MAIOS NO CONCELLO DE VILAGARCÍA. Vilagarcía de Arousa, 2006.

2 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Encántame Este tema meu amigo. Lembro con ledicia os intres de pracer que me causaba a festa dos maios. De cativo andabamos lixeiros por montes e prados na procura de margaridas amarelas e outras frores e fiuncho pra facer o noso maio. Ledicia tamén era o compoñer as letrillas que cantabamos logo con inmensos folgos e algo de pilleria pra apañar algún premio no concurso, si é que caia, sobre todo o roscón. Nese día un podía criticar sen temor a todo aquel que se puxera por diante, fora alcalde, guardias ou goberno. Lembranzas agradables que nos tornan a tempos doces, rapaceiros, e "pilleria" inocente de quenes un día tamén foron nenos. Grazas meu amigo por iste maravilloso e rumoroso articulo. Unha aperta, Manoel Xosé

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Alégrome de que a entrada che traia lembranzas da túa nenez e mocedade en Vilagarcía. Benquerido Manoel Xosé, sabes que compartimos no mítico Clube Xuvenil Vilagarcián tantos intres inesquecibles traballando pola cultura e polo deporte na nosa vila. Tamén puxemos o noso esforzo para que non se perdese a tradición da festa dos maios.
A ver cando nos xuntamos os antigos directivos e membros do citado clube para recordar tantas cousas que vivimos xuntos.
Unha forte apreta,
Xermán Torres.