martes, 18 de agosto de 2009

VERBAS




RECHOUCHÍO.- Unha fermosa verba que ten como orixe unha onomatopeia: “chi”, que imita a voz dos paxariños. O diccionario define así este substantivo masculino: “Chío continuado dos paxaros e, por extensión, calquera tipo de son agudo e continuado e situación en que se produce”.
É unha palabra composta do prefixo re e o substantivo chío. Aínda que o rechouchío dos paxariños pode ser algo agradable no contexto, por exemplo, dunha carballeira á beira dun río nestes días calorosos do verán, pode converterse en algo molesto cando nos referimos ao barullo armado por parte de persoas berrando ou discutindo ou ao balbordo producido polos meniños ou meniñas coas súas voces agudas.
É unha verba sonora, agás o “a” posúe todas as vocais, levando o acento na vocal breve “i”, o que potencia o son agudo que remeda ao chío seguido dun paxaro.
A beldade da palabra, a súa sonoridade reflicte a vida natural; ás veces, case sempre, un queda abraiado pola grandeza e curiosidade da natureza e da linguaxe humana, o interesante da creación e evolución dos idiomas e mesmo o nacemento da linguaxe humana.
Pertencen á familia léxica desta verba: rechouchiar, rechoucheiro e as palabras fonte son chiar, chío.
Rematamos cunha selección de versos que inclúen as verbas das que fixemos referencia:

Co seu rechouchiar
os paxaros algareiros
a vida fanme aledar
preto dos vellos piñeiros.

Con estes seus rechouchíos
os fermosos paxariños
danme novos bríos
para seguir os meus azarosos camiños.
"Cóllense antre os paxariños
aqueles que millor trían.
Morre afogado antre as pallas
o pitiño que non chía.
Pois si vós foras pitiño,
dígovos, miña velliña,
que dese mal non morreras;
que chiar, ben chiarías." CANTARES GALLEGOS. Rosalía de Castro

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Estimado Xermán, hoxe veño a pasar por tua casa, para envolverme no teu sono y pra aspirar as verbas feiticeiras dun galego moi fermoso.
podes pasar por meu blog e comprender como penso.
ceneme-ceneme000com.blogspot.com
Felicitacions po lo premio acadado na Garda. Ceneme

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Grazas pola túa visita; a miña casa é a túa casa, regresa cando queiras.
Tamén moi agradecido pola túa felicitación.
E sen dúbida visitarei o teu blog, a túa casa.
Unha agarimosa apreta,
Xermán Torres