domingo, 13 de septiembre de 2009

O MOSTEIRO DA ARMENTEIRA








Hoxe cúmprense trece anos do pasamento do profesor Filgueira Valverde, este blog xurdíu como unha homenaxe a súa figura, nel lembramos a D. Xosé e aos seus seres máis queridos e próximos. Asimesmo a temática do blog encádrase no que podemos chamar cultura galega; xa que Galicia era o que máis amaba o Dr. Filgueira.
E para conmemorar este día, nada máis apropiado que falar do Mosteiro da Armenteira, fundado por San Ero, tal como recolle a tradición secular, e onde se sitúa a lenda do monxe e da “pasarinha”, que é a temática da famosa Cantiga CIII de Alfonso X o Sabio, da que xa temos referencias neste blog e que foi obxecto da tese de doutoramento de D. Xosé, tese publicada por primeira vez en Santiago no ano 1936.
O Mosteiro da Armenteira ten un atractivo especial, situado nunha paraxe privilexiada do Concello de Meis, nun entorno natural exhuberante, rodeado de bosque e vexetación, coa ensoñación mítica do canto do paxariño que engaiolou ao monxe durante trescentos anos.
Ese ambiente atractivo e misterioso que arrodea ao mosteiro do século XII envolve ao visitante que precisamente queda extasiado diante de tanta beleza e ante o engado das pedras graníticas que prenden a un coa súa feitura.
No interior do templo unha preciosa talla de Nosa Señora das Cabezas, que preside o altar maior e que é venerada por tantos devotos da bisbarra e de Galicia. Está ademais a interesante imaxe que representa ao monxe do paxariño. Todo constitúe un motivo dabondo para xirar visita a este histórico mosteiro.
Foi boa a idea das autoridades dos Concellos de Ribadumia e de Meis, xunto coas autoridades provinciais de recuperar e acondicionar as chamadas rutas das Pedras e da Auga, que conflúen no mosteiro benedictino, hoxe habitado por unha comunidade de monxas de dita orde.
Estamos na hora do lusco e fusco no claustro do mosteiro, oénse as voces brancas das monxiñas cantando as vésperas e nós lembrámonos de D. Xosé Filgueira Valverde, quen seguramente no paraíso, estará abraiado xunto con San Ero da Armenteira escoitando aos paxaros celestiais que rechouchían na honra da Nosa Señora.

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá.

video

No hay comentarios: