miércoles, 28 de octubre de 2009

VIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, 26-10-2009; 20:00 H.





A presidencia do acto correspondeulle ao Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Durán Hermida, acompañado do Vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Carlos Area Carracedo, do Presidente da Fundación Filgueira Valverde, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, do Director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez e do representante de Caixanova, Antonio Gómez Rivera.

O Sr. Durán Hermida, na apertura do memorial, cédelle a palabra ao Presidente da Fundación Filgueira, quen agradece á organización do Memorial e aos conferenciantes por manter viva a figura do seu pai e porque nos memoriais trátanse temas moi achegados ás súa liñas de traballo e que el no seu momento tratou. Como nesta ocasión, e oportunamente se tratan temas relacionados con Santiago e coas peregrinacións, que el tanto apreciaba e ás que profusamente lle dedicou tanto tempo.
Finalmente, agradeceu aos presentes a súa asistencia.

O Vicepresidente da Deputación dalle a palabra ao representante de Caixanova, quen salienta o traballo da Cátedra Filgueira mantida pola Universidade de Vigo e Caixanova e que foi creada en 1997, indica que nestes anos a cátedra becou máis de 70 traballos de investigación e que a cátedra ten a súa sé en Pontevedra, íntimamente relacionada co campus de Pontevedra. Entre outras destacadas accións da mesma, subliña a catalogación da obra de Xosé Filgueira Valverde, a organización de seminarios e destes memoriais que se achegan a súa oitava edición. Para rematar, desexa que estas xornadas sexan do agrado de todos e singularmente ao tratarse dun tema tan oportuno que foi proposto polo Director do Museo de Pontevedra, gran colaborador da cátedra Filgueira.

Intervén a continuación o Vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo coa venia da presidencia. O Sr. Area Carracedo comenta que un ano máis no memorial seguimos con temas da liña de investigación do Dr. Filgueira. Continúa engadindo que o froito desta cátedra é de difícil cuantificación. Non obstante, consultando o buscador Google aparecen máis de 44.500 entradas referidas a Filgueira Valverde en combinación coa Universidade de Vigo. O que indica a importancia de Filgueira e o necesario que é seguir mantendo accesa a chama de D. Xosé, como pretenden os memoriais.

Como última participación da mesa, intervén o Sr. Durán Hermida quen reitera o saúdo, a acollida e o agradecemento a todos os asistentes. Indica que os memoriais axudan a deixar constancia do gran labor de D. Xosé Filgueira Valverde, quen deixou “unha pegada indeleble na cultura galega”. Para D. Xosé, eran moi queridos e traballados os temas sobre Santiago e as peregrinacións, precisamente este memorial é un magnífico limiar para o Ano Santo que se aveciña. Nestes e noutros temas o “maxisterio de D. Xosé é impresionante”. O tema é moi axeitado pola próxima celebración do Ano Santo Compostelán, o contido do VIII Memorial é como a “antesala do Xacobeo 2010”, no que se celebrarán múltiples acontecementos e actividades. Finaliza a súa intervención, reiterando as grazas a todos os presentes neste acto de apertura do VIII Memorial Filgueira Valverde.

Seguidamente, prepárase a conferencia inaugural, que impartirá, Ángela Franco, do Museo Arqueolóxico Nacional, que disertará sobre: O acibeche compostelán e a peregrinación e o culto a Santiago.

Fai a presentación da conferenciante e do tema o Dr. Valle Pérez. Empeza a dicir que os temas do Memorial relacionados, este ano, con Santiago son como un limiar, como xa se ten dito, dos acontecementos que viviremos en 2010.
Segue a comentar que a Dra. Ángela Franco é a experta máxima no tema dos acibeches no mundo, por iso foi elixida para impartir esta conferencia inaugural. Ela é a xefa da área medieval do Museo Arqueolóxico Nacional. O Museo de Pontevedra, posúe, ao menos, numericamente, a colección de acibeches máis importante do mundo. Aproveita estas verbas de presentación para darlle as grazas a Dra. Ángela Franco por vir a Pontevedra a impartir esta conferencia e participar neste Memorial.

Comeza a súa intervención a Dra. Ángela Franco agradecendo as verbas do seu colega e de antemán expresando á gratitude aos presentes e a súa ledicia por estar en Pontevedra inaugurando coa súa conferencia este memorial.
Prosigue comentando que D. Xosé coas súas publicacións sobre o acibeche convértese nunha autoridade sobre a materia. Que ela comezou co seu interese sobre este tema, alá polo ano 1983 e recoñece que as mal chamadas artes menores aportan solucións para as artes maiores (arquitectura, pintura, escultura).
Os temas sobre o acibeche que ela vai tratar, son principalmente:

- Iconografía de Santiago
- Vestimenta e atributos do peregrino
- A Quinta Angustia
- Obxectos de culto (candelabros, que non chegou ningún ata nós, portapaces, cruces)
- O rosario

O acibeche era considerado como unha xoia, os Reis Católicos, Xoana a Loca, o Marqués de Santillana, entre outros notables da historia, posuían, entre as súas pertenzas, acibeches.
A través da longa serie de rutas en Europa achegábanse os peregrinos a Santiago de Compostela. As peregrinacións achegaron moitos peregrinos dos máis alonxados lugares, establecéndose vínculos e interconexións, intercambiando riqueza. Os peregrinos traían a súa cultura e levábanse os acibeches. Estes cobran singular importancia a partires do século XIV, aínda que se documentan en séculos anteriores.
Importancia do concepto de porta (porta santa), no medievo entendíase a Cristo como a Porta de Salvación.
Por que viñan os peregrinos a Compostela?

- Por devoción
- Por mor dun miragre
- Por cuestións sociais e políticas
- Por razóns altruístas para cumplir promesas póstumas

Santiago Apóstol cobra moita importancia, sendo considerado un dos principais apóstoles de Xesús, tal como se pode comprobar no Apostolado dos Beatos, por exemplo no chamado Beato de Xerona do ano 975. En Burgo de Osma está moi destacado o mapa da cidade de Santiago, como principal foco de atracción de peregrinacións, os peregrinos acudían a Compostela como os “palmeiros” que acudían aos Santos Lugares e os “romeiros” a Roma.

Subliñar a presenza das cunchas veneras, como “signacula” que amosaba o ter feito a peregrinación á tumba do Apóstolo. Esténdense o uso das cunchas veneras de acibeche na Idade Media. Como mostra da importancia desas cunchas, cita tres xoias de acibeche con ese motivo:

- Cuncha venera da Colección Valderrey, que introduce a figura de Santiago
- Cuncha venera do Instituto Valencia de D. Juan
- E cuncha venera da Biblioteca Ambrosiana de Milán

Poidemos observar a súa beleza por medio das diapositivas da presentación en Power Point.
Chegados a este punto cita ao estudoso D. José Ferrandis, quen fixo numerosos traballos sobre marfís e acibeches.

Na colección Valderrey aparece Santiago con túnica corta. Santiago peregrino nace no acibeche da escultura monumental. Representa a Santiago descalzo, como apóstol, en Palermo consérvase un acibeche con Santiago calzado. Para pergrinar a Santiago e debido ás longas camiñatas é preciso vir ben calzado.
Desde o século XIII o Santiago peregrino leva a cuncha venera no sombreiro. Nalgunhas representacións tamén leva o báculo bastante alto e o calacú ou cabaza, nalgúns casos leva o libro, que representa a fermosa epístola atribuida a Santiago. Tamén figura a esclavina.
A conferenciante preséntanos imaxes de Santiago en acibeche:

- Santiago peregrino do Museo Arqueolóxico Nacional
- Santiago peregrino de The Cloiters
- Santiago peregrino do Instituto Valencia

Podemos atopar esa mesma iconografía nas coleccións de García Casado e Valderrey. Neste punto, comenta que as coleccións privadas foron formadas por persoas con entusiasmo, cousa que non sucedía, na maioría dos casos, cos descendentes quenes as vendían e disgregaban as coleccións. Fai unha chamada ás institucións para que indiquen onde se atopan as pezas.
Indica que hai unha importante colección de acibeches na Hispanic Society de Nueva York e así mesmo localízanse importantes pezas, entre elas un Santiago cun peregrino no Richmond Museum de Virxinia. Ao outro lado do charco chegaron os acibeches polo proceso de conquista, atopándose unha moi interesante colección na Catedral de Santo Domingo. No Museo de Pontevedra tamén podemos ver un Santiago cun peregrino, dentro da súa extraordinaria colección.
Polas distintas características e estilos peculiares sabemos da existencia de distintos obradoiros de acibechería. En Santiago de Compostela había moitísimos (lembremos a praza da Acibechería, a praza das Praterías, etc.).
O século XVI é moi importante para o relanzamento desta arte menor.

FERRANDIS clasifica os acibeches atendendo a criterios cronolóxicos, comenta que os acibeches dos séculos XV e XVI son os máis importantes, precisión coa que non está completamente de acordo a Dra. Franco, ela estima que os acibeches do XVII, por tanto, os do Barroco, teñen moito interese, que a partir de aquí van introducirse novos motivos na creación dos acibeches.
Felipe II chegou a prohibir as peregrinacións porque baixo o manto dos peregrinos escondíanse moitos maleantes e delincuentes.

FILGUEIRA VALVERDE realiza a súa clasificación atendendo á tipoloxía dos acibeches e establece as seguintes categorías:

- Peregrinacións (cunchas, Santiago)
- Obxectos de culto (cruces, portapaces,…)
- As supersticións (as figas)
- Os rosarios paternoster (xunto cos colares que levaban as abadesas e as monxas)

Hai outras clasificacións polo uso, e tamén atendendo aos acibeches das grandes familias.

Comenta sobre a iconografía dos peregrinos e mostra a capa e sombreiro de Stephan Praun III, que se conservan no Museo de Nuremberg. Tamén menciona o armorial, libro de armas do mesmo nobre. Indica que o sombreiro está decorado cunha grande cuncha venera e cuns bastonciños, algúns situados formando unha estrela.
Indica tamén que hai uns santiaguiños, que son figuras que ían cosidas aos sombreiros.
Menciona un libro de frei Llompart, relixioso mallorquín, que leva por título: FOLCLORE DE EUROPA. FOLCLORE DE ESPAÑA.

Retoma o tema dos rosarios e da súa importancia a partires do século XIII e menciona algunhas representacións:

- Santiago co rosario e dous peregrinos da Seo de Zaragoza.
- O que se conserva no convento de Santa Clara de Murcia.

Así mesmo, amósanos unha tabla procedente de Astorga do Museo de León.
Fala das características dos rosarios, mencionando o rosario dos quince deces e que moitos colares de acibeche levan a cuncha venera.
Comenta que a partires do século XV existe unha vinculación do rosario coa morte. É o tempo das danzas macabras, das lendas dos tres mortos e dos tres vivos.

No século XVII introdúcense as Inmaculadas tamén nos acibeches, e aparece na iconografía o Santiago a cabalo. Introdúcese a figura tan popular de San Antonio de Pádua.

As supersticións tamén están moi misturadas na iconografía relixiosa (as figas, por exemplo, que se utilizaban contra o mal de ollo).

Dentro dos obxectos de culto, as cruces cobran singular significación, menciona á Cruz de Ourense, da que existe documentación desde o ano 1498.
Aparecen as figuras chamadas piedades, con orixe nas figuras bizantinas e nos prantos.
Moitas pequenas figuras de Santiago peregrino, piedades que se atopan soltos, sen dúbida eran pezas que ían incrustadas en altarciños e “hornacinas”.

Ata o de aquí, estes apuntamentos que son unha síntese da exposición da Dra. Ángela Franco.

O presente memorial continuará coas seguintes conferencias:

- 27 de outubro, martes: Peregrinación e comercio na Idade Media. Por XOSÉ SUÁREZ OTERO (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo).

- 28 de outubro, mércores: O padroado de Santiago: orixe, desenvolvemento e consecuencias. Por OFELIA REY CASTELAO (Universidade de Santiago de Compostela).

- 29 de outubro, xoves: A iconografía de Santiago no gravado compostelán. Por YOLANDA BARRIOCANAL LÓPEZ (Universidade de Vigo).

No hay comentarios: