viernes, 6 de noviembre de 2009

FELIZ NOTICIA DA RESTAURACIÓN DA ZARZUELA "A LENDA DE MONTELONGO"




Limos hai uns días na prensa diaria unha nova que nos encheu de ledicia: os labores de reconstrucción dunha das poucas zarzuelas que existen en lingua galega, tratase de recuperar A LENDA DE MONTELONGO co fin de poder proceder a súa representación.
Sería moi importante que dita empresa se coroase con éxito. Da dita zarzuela o libreto foi escrito por Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta, dous personaxes dignos de ter en consideración na historia cultural de Vilagarcía de Arousa e mesmo de Galicia. A música foi da autoría de outro persoeiro importante en Vilagarcía, o mestre Bernardo do Río. Estes tres autores deberan ser máis coñecidos e valorados para espallar o seu inmenso traballo cultural.

Hoxe, ímonos centrar na figura do citado en primeiro lugar, Manuel Rey Posse (1890-1952), avó dun grande amigo e condiscípulo, o coñecido folclorista e gaiteiro vilagarcián, Carlos Rey Cebral, quen herdou do seu avó a vea artística e humorística. Rey Posse foi un artista total: gran tallista, debuxante, pintor, compositor, letrista e escritor; animador cultural da Vilagarcía das décadas dos 20 e 30 do pasado século XX, sobre o que xa temos escrito en máis dunha ocasión, pois paga a pena.

D. Manuel escribíu famosos e recoñecidos apropósitos, moitos deles representados e estreados en Vilagarcía, Santiago, incluso en Arxentina,… Xunto cos amigos citados e con Ricardo Urioste animaban culturalmente e enriquecían artísticamente a Vilagarcía doutros tempos.

O seu pai era constructor e as esculturas representando a dous leóns que se atopan hoxe á entrada da Casa do Concello de Vilagarcía foron esculpidos coa súa colaboración, estas esculturas noutrora estaban situadas no chamado Bosque dos Desamparados da vila arousá. A imaxe pétrea de San Pedro que encontramos na fachada da igrexa parroquial do barrio de Cornazo, en cuxo cimiterio está soterrado, é tamén da súa autoría. Así mesmo, facía plumiñas e acuarelas que se atopan espalladas en coleccións particulares, poidemos observar algunhas destas obras grazas ao recente e tristemente falecido ilustre letrado, José Luis Sobrido, obras da súa propiedade e que el gardaba como ouro en pano no seu domicilio e despacho profesional.

Rey Posse foi mestre do gran ebanista, pintor e artista, o lembrado, Rivas Briones. Pouco tempo antes de morrer, o artista, Manuel Rey Posse viña de restaurar a imaxe de San Agostiño que sae en procesión acompañando á popular Santa Rita polas rúas de Vilagarcía de Arousa o día 22 de maio.

Pero, por que falo deste letrista da Lenda de Montelongo, porque pensamos que Vilagarcía debera facerlle xustiza e homenaxealo como el é merecente. Vai anos, sendo concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía, Ramona Castaño e estreándose como técnico desa mesma concellería, Xabier Camba, fixeramos algunhas propostas, nunca cumpridas, na honra de Rey Posse, como foron as seguintes: convocar un concurso de creación teatral co seu nome, reconstruir e restrear a LENDA DE MONTELONGO, facer unha edición facsimilar da súa obra completa, organizar unha exposición coas súas pinturas e esculturas. Todo quedou nuns proxectos esquecidos. Por eso nos aledamos, agora, coa posibilidade da reconstrucción e da restrea da LENDA DE MONTELONGO. Xa vai sendo hora.
Agora tamén se nos ocurre a idea de que o Concello de Vilagarcía de Arousa debera poñerlle o nome de Manuel Rey Posse a algunha rúa ou praza principal da cidade; pensamos que foi un personaxe inesquecible, grande fortuna para os nosos pais e avós que tiveron a sorte de coñecelo e de disfrutar da súa obra cando aínda estaban vivos.

1 comentario:

Euroactiva dijo...

Hola, queria invitarte a que agregues tu blog a espainfo.es
es un directorio de webs y nos gustaría que estuvieras.
saludos

Diego