jueves, 30 de septiembre de 2010

O CULTO AO ARCANXO SAN MIGUEL NO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA


Son os barrios de A Torre e de Trabanca Badiña os que renden culto a San Miguel, organizando unhas sonadas festas en toda a bisbarra. Ambos barrios pertencen á parroquia de Santa Baia de Arealonga, que alberga no seu templo unha imaxe moi valiosa do arcanxo, nunha das súas capelas, construida por D. Pedro de Monteagudo (1688), nun retablo de moito mérito da autoría do escultor Mateo de Prado e dos seus discípulos (1668), no mesmo destaca a impoñente imaxe de San Miguel, que foi restaurada xunto coas outras imaxes que o acompañan aínda non vai moito tempo. A antigüidade e valía do conxunto indícanos que o culto ao arcanxo xa vén de moi lonxe na parroquia.
San Miguel representa a victoria do ben sobre o mal, nesa mesma loita nos debatemos os humanos ao longo das nosas vidas. O arcanxo representa a esperanza de que o ben á fin triunfará.
San Miguel é un santo moi querido na Torre, que dende hai moitísimo tempo, constituíndo unha tradición herdada dos antergos, organiza as festas na súa honra, normalmente, o 30 de setembro, e ó 1 e 2 de outubro, nestes tres días os actos relixiosos son a referencia dunhas xornadas de ledicia, en tempos de vendima e de elaboración dos viños, por eso o dito: Polo San Miguel mete as uvas no tonel.
Antigamente, a Misa de San Miguel de A Torre celebrábase no templo parroquial de Santa Baia e os veciños trasladábanse en procesión ata alí. Máis adiante pasouse a celebrar todo no ámbito do propio barrio. As festas de A Torre son moi recoñecidas, cunhas verbenas de gran calidade, aínda que sempre mirando para o ceo. Lembro, hai anos, a exitosa actuación de Ana Kiro, ultimamente ten actuado a popular orquestra Panorama, entre outras de fama na nosa terra.
O Santo une a veciños e forasteiros en días de celebración gozosa e festiva. Hai actividades para todos, o vecindario participa con moito entusiasmo, a ledicia, os xantares, os bailes; pero, sobre todo a misa, a procesión, as pregarias fan que A Torre amose fachendosa as súas mellores galas.
Voltemos a vista atrás, grazas ao antigo xornal vilagarcián Galicia Nueva, ANO XXIII, Núm. 7.351 que dicía o seguinte sobre as festas na data do sábado 28 de setembro de 1929 e na sección de noticias:
“Hoy y mañana, se celebran en los inmediatos lugares de Trabanca Badiña y La Torre, las fiestas de San Miguel, que, como en años anteriores, resultarán brillantísimas”. Fálase de dous días de festa. Non sabemos se a festa se celebraba conxuntamente nos dous “lugares” ou simultaneamente. Sería interesante facer un estudo en Galicia Nueva sobre as festas de San Miguel. Quizais sexa tarefa doutra oportunidade.
No mesmo xornal con data: martes 1 de outubro de 1929, ano XXIII, núm. 7.353 e na sección de noticias lemos:
“Resultaron muy animadas y concurridas, las fiestas tradicionales de San Miguel, en los lugares de Trabanca y Torre de este término municipal”.
Se naquel lonxano ano de crise foron as festas “animadas y concurridas”; neste, non pode ser menos!

Rematamos con algúns refráns que fan referencia a San Miguel e ao tempo de outono:

- San Miguel, os figos son mel.

- San Migueliño das uvas maduras, tarde vés e pouco duras.

- Polo San Miguel semente quen poider.

- Polo San Miguel sabe o touciño a mel.

- Polo San Miguel, xa o coello se ve ben.

- Se queres mel, por San Miguel.

- Polo San Miguel colle a vara e o caravel.

- Polo San Miguel colle o cesto e o caravel.

FESTAS DE 2010.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Excelente post.

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Moitas grazas polo comentario. Sempre son boas as palabras de ánimo.

Xermán Torres