sábado, 4 de diciembre de 2010

A RAPSODIA AROUSÁ NO PAZO DA ÓPERA DA CORUÑA




A Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida polo seu titular, Víctor Pablo Pérez, interpretou por primeira vez a RAPSODIA AROUSÁ do compositor galego, Eligio Vila (Lantaño - Portas, 1943), no Pazo da Ópera da cidade herculina o pasado venres 26 de novembro de 2010. Fomos testemuñas do enorme éxito acadado polo noso amigo Eligio Vila. A RAPSODIA AROUSÁ é un poema musical que evoca a fermosura da Ría de Arousa e que reflicte os traballos mariñeiros e a vida rural dese paraíso que se atopa na Nosa Terra. Ao escoitar esta magnífica peza musical que dura uns dez minutos (que nos saben a pouco) semella como se contemplaramos o espertar da Ría nas primeiras horas do día e o bater das ondas que veñen e van, o marmurio das augas mariñas e a vida que xira ao seu redor. A obra dun fondo lirismo, evoca as raíces populares da nosa cultura, elevadas ao máximo da concepción culta, nunha música clásica onde se funde o clasicismo cun xeito actual de entender a Música. É unha obra contemporánea que recrea a emoción, os sentimentos que provoca a contemplación case franciscana da vivencia da fermosa paisaxe arousá, que acolle dende hai moitos anos ao Elixio home, docente e definitivamente compositor actual galego.
As máis de mil trescentas persoas que tivemos a sorte de presenciar o concerto, premiamos con repetidos e sonoros aplausos ao noso compositor, Eligio Vila, que pode estar orgulloso do seu labor e entender este éxito, como un galardón máis ao seu esforzo e a súa carreira musical. Eligio está constantemente a traballar, ten obra nova, ao mesmo tempo que lle brindamos todos os nosos parabéns, desexamos que as Musas non o abandonen nunca e que os deuses lles sexan propicios.

No hay comentarios: