miércoles, 15 de febrero de 2012

CALDAS, NA ALMA DA INFANCIA





Sempre é bo volver a recuperar a infancia perdida, ese lugar recóndito gardado no máis fondo do corazón, no máis íntimo da alma, no curruncho gardado da memoria.
Imos retroceder no tempo, ao 6 de xuño do ano 1965, estamos na antiga capela do Colexio "San Fermín" de Caldas de Reis, dos "Padres Somascos", na imaxe estamos uns nenos, compañeiros de estudos que recibiron a Primeira Comuñón das mans do daquela director do centro, o moi coñecido e popular, padre Lorenzo.

É mágoa, pero de dous compañeiros esquecín o nome e apelidos, non así dos outros, dos que vou reflectir as miñas lembranzas.

José Antonio, que é o neno con gafas que está preto do padre Lorenzo, el mais eu fomos compañeiros e amigos, compartimos moitas xeiras de lecer e de xogos, enredabamos na sastrería do seu avó coa miña recordada caixa de indios, vaqueiros e demais, e co meu tren eléctrico (a pilas), José Antonio xa de pequeno tiña afección pola electrónica e tivo a feliz idea de enchufar o meu tren á rede eléctrica, como consecuencia fundíronse os plomos da súa casa, que provocou a estrañeza e enfado da súa nai; e o meu tren, coido que non funcionou máis. Tamén na súa casa víamos a TV, entre outras cousas, os CHIRIPITIFLÁUTICOS con Valentina, o capitán Tan, Locomotoro, "los hermanos mala sombra", ou o popular concurso, CESTA Y PUNTOS. Tamén frecuentabamos os dous xuntos a Biblioteca Pública, el manexaba libros de Electricidade e Electrónica e eu coas Aventuras de Tintín, os libros de Jules Verne e as Aventuras de Guillermo da editorial Molino. José Antonio pasaría, andado o tempo, a ser profesor do lembrado colexio da nosa infancia.

Con Yuyo Carbón, que é o máis baixiño da fila de diante e está a carón do máis alto e co cabelo roxo, Miguel Ángel e tamén ao meu lado, teño pasado intres moi divertidos e inesquecibles. El era un gran afeccionado á pesca naquel gran río, o troiteiro, Umia. O río querido da miña infancia, onde tantas vivencias e experiencias atesourei. Non podo entender e amar a Caldas de Reis sen o seu río, o meu río. Yuyo mais eu, acompañados ao órgano polo pai pasionista, Ismael, temos cantado algunha que outra misa na parroquial de Santo Tomás e temos feito algunhas visitas ao querido e popular Asilo de Caldas. Yuyo que pertenceu ao grupo de Coros e Danzas, que dirixiu D. Clemente Viqueira, aparece bailando unha danza galega na película rodada en Caldas, no entorno do bar O Muíño, MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO, da que xa temos falado noutra entrada.

Os dous xa citados foron cos que eu máis me relacionei; pero, lembro tamén con agarimo a Miguel Ángel, que era un magnífico estudiante, tamén o recordo como incipiente violinista. El tamén, segundo me dixo, chegou a estudiar co gran mestre, D. Victoriano Rosales, a quen os ex alumnos da miña época en Caldas deberamos organizar un encontro na súa homenaxe e lembranza.

Tamén me era moi simpático, Marcelino, que está na fila de atrás, o primeiro pola dereita, quen chegara ao colexio procedente do Brasil, chistábame moito o seu característico acento brasileiro ao falar.

Muñiz, que está na primeira fila, o primeiro pola esquerda e ao meu lado, vivía na rúa Real, preto da ponte do río Bermaña, os seus pais rexentaban unha carnicería na Praza de Abastos. Lembro as famosas festas de San Xoán, coa súa popular e grandiosa fogueira situada no campo da Torre, moi preto da casa de Muñiz. Desgraciadamente, había moito campo e nada de Torre, a torre de dona Urraca, ou do conde de Trava, onde tiña nacido o emperador Alfonso VII, foi destruida por "inconscientes" a finais do século XIX, que enorme perda para Caldas!

Esta foto propiciou unha viaxe no tempo, no tempo do maxín e da nostalxia. Caldas sempre, Caldas.

(Se alguén coñece o nome e algún dato dos dous compañeiros que recordo, pero lamentablemente sen poder nomealos, que faga algún comentario, grazas).

5 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

"Sempre e bo volver a recuperar a infancia perdida..."

Pois claro que si, á infancia e un retorno ós nosos tempos de cativos. Eu tamén teño un feixe de lembranzas na vila de Caldas, de cativos iamos ás festas de Caldas en bicicleta, polo Pousadoiro e sen frenos, frenabamos cos pés. Un saúdo, Manoel Xosé

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Grazas, Manolo. Caldas era e é un pobo fantástico, máxico, meigo. Pasei nel a miña infancia, unha infancia feliz con moi ricas e entrañables experiencias con moitos seres moi queridos e con moitos amigos e compañeiros naquela viaxe infantil.
Ti tamén ocupas un lugar moi entrañable noutra etapa distinta, pero tamén querida e lembrada con certa nostalxia. O tempo inexorable pasa.
Apertas agarimosas, Xermán.

MIGUELFARINHA dijo...

A primeira Comunión!

A min non me correspondía facela nese ano. Dos que estamos nesta foto eu son o maior, o ano anterior non tivera posibilidade de facela por non ter o traxe.

Podo dicirte que o rapaz que está na ezquerda da foto chámase Salustiano, era un bo amigo meu pero xa fai moitos anos que non sei nada del. O outro neno, á dereita do pai Lorenzo, por desgraza finou moi noviño nun accidente de Tráfico . Vivia na Rúa Real cerca da ponte Bermaña, era fillo do fontaneiro. Foi un accidente moi tráxico no que faleceron él e o seu irmán cando ían de camiño a Santiago a levar a un amigo ao aeroporto. Recordo o enterro destes rapaces, toda unha traxedia para Caldas!
A vida moitas veces é ingrata, pero temos que quedar con todos eses momentos que os nosos recordos envolven dun manto máxico!

Unha aperta,

Miguel

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Gracias, Miguel, polo teu comentario e as túas informacións sobre os compañeiros esquecidos e sinto o pasamento do amigo accidentado. El foi botóns no Hotel Acuña, nonsi?

Apertas agarimosas,

Xermán Torres

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Gracias, Miguel, polo teu comentario e as túas informacións sobre os compañeiros esquecidos e sinto o pasamento do amigo accidentado. El foi botóns no Hotel Acuña, nonsi?

Apertas agarimosas,

Xermán Torres