sábado, 7 de abril de 2012

NAS COUSAS SINXELAS ESCÓNDESE A FELICIDADE







Toda humilde beleza me namora,
na sinxeleza das cousas me recreo,
as cores das flores, os sorrisos dos nenos,
a súa fonda ledicia, como a aurora

provocan o meu asombro e reverencia.
Como as estrelas e os astros da noite
que contemplo ao carón do meu canciño
tamén me deleito coas artes e coa ciencia.

Admiro os misterios que envolven á humanidade,
gozo coa presencia de familiares e amigos,
parolar e facer grupo; amar e ser amado,
construir cos outros unha humilde comunidade.

Desfrutar de todo o que a vida nos ofrece,
o momento presente, que é o que temos,
o que xa foi, non é, e o futuro non nos pertence,
acollamos o canto do paxaro e a camelia que florece.

Aspirar a unha vida plena e sinxela
a ollada pura dun meniño, o sorriso algareiro
da mocedade que sinte e se emociona,
gozar coa presencia da amada, deixarse querer por ela.

É a vida un regato que paseniño sen deterse, pasa.
Unha boa aspiración é camiñar coa intención de ir regando,
nutrindo e fertilizando as nosas humildosas vidas, sementando
venturas, amando; abrindo de par en par as portas da nosa casa.

No hay comentarios: