lunes, 24 de septiembre de 2012

ANTONI GAUDÍ (REUS, 1852 - BARCELONA, 1926)

Trátase dun dos grandes representantes do Modernismo no mundo da arquitectura e as súas artes auxiliares. Persoa sinxela e austera, xenio da arquitectura civil (parque Güell da cidade condal, casa Milá ou da "Pedrera", pazo episcopal de Astorga) e da arquitectura relixiosa, co impoñente e extraordinario templo da Sagrada Familia en Barcelona, aínda en fase de construcción deica polo menos o ano 2025. Amósase aquí unha mistura de estilos, un luminoso Neogótico, un audaz Barroco e ata un Modernismo surrealista. Gaudí implicouse de gran xeito neste templo, que é un dos símbolos máis recoñecidos internacionalmente da capital catalana. Estaba tan inmerso na súa construcción que facía vida no templo e o templo era a súa vida.
Hoxe en día, esa obra póstuma rende homenaxe ao seu deseñador e proxectista, no museo anexo ao templo pódese observar a minuciosidade coa que é construido, alí tomamos algunhas fotos onde se amosa a reproducción e reconstrucción de como quedou o seu gabinete de traballo o día da súa morte e a mesa onde se poden ver algúns dos artiluxios que utilizaba para facer os seus deseños.
Visitamos e coñecemos in situ varias obras súas e que xa temos referido: o parque Güell, a casa da Pedrera, o templo da Sagrada Familia, ultimamente revisitado, e o pazo episcopal de Astorga. Admiramos a súa obra cun estilo e cun selo característico moi persoal e cheo dunha beleza singular; todo o mundo pode saber e identificar cando se trata dunha obra de Gaudí, son as súas señas de identidade: predominio da liña curva, uso de cores vivos, o vangardismo e moita orixinalidade, así como a inspiración na Natureza e unha democratización da arte. Gaudí viviu para crear e para deixar beleza e verdade á posteridade.

No hay comentarios: