lunes, 12 de mayo de 2014

CLAUSURA DA IV MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO







video

Na tarde do 11 de maio de 2014, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, a partires das 17:30 h., celebrouse o acto de Clausura da IV MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO, na que se lle rendeu unha homenaxe ben merecida ao compositor, Eligio Vila Vázquez, pola súa paixón e toda unha vida dedicada por enteiro á música, a súa traxectoria vital e profesional estivo sempre marcada pola arte da Musa Euterpe.

Subliñar que estas mostras bianuais do Eixo Atlántico teñen a súa orixe e xurdiron das mostras, que no seu día, organizou e levou adiante a Asociación de Nais e Pais do Ensino Musical de Vilagarcía “ATRIL”, asociación, que como moi ben lembrou Rosina Sobrido, directora do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, loitou para conseguir o Conservatorio da nosa cidade, organismo educativo que forma parte moi activa na organización de ditas mostras.

Neste acto, a Banda Filharmónica do Salnés, dirixida por Rafa Agulló Albors, e composta por mozos e mozas músicos da comarca, algúns deles formados no conservatorio vilagarcián, interpretou como broche de ouro final, RAPSODIA AROUSÁ, estreada en 2007 e composta polo homenaxeado. Trátase dunha obra descriptiva, de carácter alegre, que nos transporta ás fermosas paisaxes de nosa comarca, semella que se escoitan os paxariños a cantar, fundíndose coas ondas do mar de Arousa, que ás veces tamén brúan con forza. Obra francicanista polo trato agarimoso e acolledor da natureza, nela fúndense clasicismo e folclorismo nun conxunto amable e pintoresco, nun remanso de paz arousán, alomenos esas son as nosas impresións ao escoitar esta peza na honra da nosa fermosa e querida comarca.

Finalmente, queremos destacar que no seu discurso a directora do Conservatorio e presentadora do acto, Rosina Sobrido, indicou que o ensino da música, hai que entendelo “como un investimento non como un gasto” e con el contribuimos á máis completa formación da mocedade e á contrucción dun mundo mellor. Os nosos pais legáronnos unha sociedade mellor, nós temos que facer o mesmo cos nosos nenos e mozos. Rosina Sobrido agradeceu a Eligio Vila o seu labor educativo e compositivo. Tamén manifestou a súa gratitude ás autoridades pola súa aposta pola educación musical.

Dirixiron ás súas verbas ao público a Concelleira de Cultura, Rocío Llovo, o Vicepresidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río e clausurou o acto o Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, quen se comprometeu a seguir apoiando o ensino musical e a celebración destas mostras, tamén dirixíu un agarimoso saúdo e unhas palabras de gratitude ao homenaxeado, Elixio Vila, e emprazounos a todos para a V MOSTRA, correspondente ao ano 2016.






No hay comentarios: