miércoles, 11 de marzo de 2015

CALDAS DE REIS NA LEMBRANZA - SR. MANOLO, O DA LUS


Aínda semella que foi onte, lémbrome do señor Manolo Campos, a quen coñeciamos como señor Manolo, o da lus, porque traballaba na compañía eléctrica FENOSA, e cun gancho insertado nunha varilla de madeira ía á noitiña encendendo o alumeado público da vila caldense, premía no interruptor de cada punto de luz con aquel artiluxio de confección caseira, eran aqueles tempos de precariedade onde o enseño e as habilidades manuais e artesanais ofrecían solucións aos problemas cotiás. Señor Manolo era un home tranquilo, cordial e moi servicial. Relacioneime moito coa súa dona e as súas fillas e fillo porque eramos veciños, viviamos moi preto deles.

Á hora en que o señor Campos se dispoñía todos os días ao encendido do alumeado, os nenos de Caldas estabamos xogando nas rúas, tiñamos xogos moi variados:

- Os cartóns, coas fermosas imaxes e figuras de variados temas (castelos de España, traxes rexionais, uniformes militares, paisaxes, etc.) que viñan nas caixas de mistos, soltabámolos apoiando nunha parede, se montabas por riba dos que estaban no chan, gañábalos todos. Non podedes maxinar as liortas que se formaban por discusións e opinións distintas neste xogo, que máis adiante, cando chegaron os cromos, aplicabamos para desfacerse dos repitidos. Aparte dos típicos do fútbol, recordo unha colección de cromos mítica, que se chamaba VIDA E COLOR, tamén a colección de cromos que viñan cos chicles DUNKIN e que se chamaba OCEANÍA, eu aínda conservo o albume destes cromos.

- As bolas, ao comezo do curso sempre viñan as bolas, ás que xogabamos en distintas modalidades, por exemplo ao guá, ao truquele-truquele.

- As buxainas (tamén trompos), sobre todo polo San Martiño, trompos ao camiño. Xogabamos moito coas buxainas, había nenos que eran verdadeiros artistas. Recordo unha modalide un tanto bruta, poñíanse as buxainas dentro dun círculo marcado no chan, lanzábase unha buxaina contra elas, a quen lle tocaba, moitas veces destrozábase totalmente algunha das que estaban no círculo.

- Pompas de xabón, cun anaco de xabón de lavar a roupa (o famoso xabón Lagarto), mezclado nun recipiente con auga e logo de remexer, cunha palliña, recollida no campo, facíanse as pompas. Un as lanzaba desde unha altura e os outros tratabamos de pillalas.

- Os pelouros, con pedriñas pequenas e redondeadas xogabamos acompañando cunha cantiga a coller os pelouros na man, sen soltar e sen que caeran os que xa tiñamos collido.

- Obxectos de madeira, xogabamos con moitos obxectos que nós faciamos con madeira, como por exemplo unhas fermosas espadas, ou os tiratacos.

- Casca de piñeiro, con ela esculpiamos variados obxectos, entre eles, uns barquiños que logo poñiamos a navegar polo río Pequeno (hoxe desaparecido). Cos barcos e con pequenos estalos fabricado con mistos, aos que cubriamos a cabeza con papel de prata, logo prendiámolos e semellaban pequenas bombas de palenque. Con todo esto xogabamos a simular o combate naval, mellor combate fluvial, como se celebraba nas festas de agosto, as festas de San Roque, no río Umia, fronte ao parque xardín, preto do campo da feira, da carballeira, onde se desenvolvían as verbenas e os concertos. Lémbrome que case sempre actuaba a Banda de Lantaño, co seu inesquecible director, o señor Laguarta.

Que tempos aqueles dos xogos e dos soños, engaiolados nos tempos da infancia!

No hay comentarios: