domingo, 5 de marzo de 2017

8 DE MARZO-DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA




Na sala de exposicións do Auditorio Municipal amósase estes días un traballo para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora, coordinado pola equipa de Igualdade da Concellería da Muller e coa colaboración de centros educativos da cidade.

A muller debe ser querida e respectada en plano de igualdade, debendo ocupar os postos que equitativamente lles corresponden na nosa sociedade. Deben dar o paso para ocupar os postos de responsabilidade e dirección en consonancia coa súa representatividade social.

No meu campo da educación non deixa de ser un paradoxo e algo fóra de lugar, que sendo maioría das profesionais mulleres, ocupen mínimamente os postos de dirección. Cantas mulleres reitoras de universidade hai? Coñecen a algunha?

Pola miña nai, pola miña muller e polas miñas fillas non podo comprender que maltratadores e asasinos de mulleres anden soltos e sen castigo. VIOLENCIA MACHISTA NUNCA MÁIS!!!

Cal é a miña aportación a esta interesante exposición, bueno unha aportación recollida por outros a xeito de documentación. Dúas mostras: 

1.- A foto que ilustra a síntese biográfica da "madre Guadalupe", especialmente vinculada comigo, e que eu lle tomei pouco antes do seu pasamento nun pequeno encontro e entrevista que mantivemos na casa filipense de Trabanca Badiña.

2.- A referencia ao encontro da poetisa Xaquina Trillo co poeta granadino Federico García Lorca en 1932. Anécdota que a propia Xaquina me relatou e a que eu en distintos artigos me referín. Ela mesma a narraría nun congreso celebrado en Compostela sobre o autor dos seis poemas lorquianos en lingua galega, ao que tamén asistiron dous egrexios e queridos amigos, D. Antón Fraguas Fraguas e D. Xesús Alonso Montero.

Outras mulleres que se mencionan na exposición e cas que mantiven algunha relación son a poetisa e escritora de literatura infantil, Gloria Sánchez, compañeira de profesión e os dous gañamos a oposición no mesmo tribunal no ano 1982. Sobre a obra literaria de Gloria teño falado moito no meu microespazo  O CURRUNCHO DOS LIBROS, no magazine sabatino de Radio Arosa-SER.

Modesta Padín, mestra nos primeiros pasos musicais dos meus fillos cando eran ben pequenos, uns parvuliños.

Mari Paz Vilas, xogadora de fútbol e compañeira do meu fillo nas equipas de base do Club de Fútbol Arousa. Xestionei co seu pai e con Antonio, periodista deportivo da sección local de Faro de Vigo, a súa primeira entrevista nun medio de comunicación social, propiciando ese acto periodístico.

Dolores García Jiménez, primeira e ata o de agora única alcaldesa de Vilagarcía, coa que manteño unha sincera e mutua amizade. Eu son amigo desde vai moito tempo da súa culta e elegante nai, descendente familiar de D. Benito Pérez Galdós, e do seu irmán Pablo, cando traballamos por constituir un Clube Xuvenil aberto e democrático na Vilagarcía de finais da década dos setenta e principios dos oitenta do pasado século.

As mulleres son persoas que se entregan por enteiro ao servizo da Humanidade, deben ser amadas, respectadas e nunha posición de igualdade, debendo ocupar as cuotas de poder que lles corresponden. Que sería da Humanidade sen o papel social que desenvolven as mulleres? Elas son as nosas nais, mulleres e fillas merecen consideración, recoñecemento e o máximo amor. Unha sociedade que permite o maltrato á muller é unha sociedade enferma. Tolerancia 0 á violencia machista.

No hay comentarios: