Xosé Filgueira Valverde gozaba coa beleza, coa
bondade e coa Natureza
(Imaxe do despacho particular de Filgueira Valverde, flores e moreas de libros. Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra)
Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996)
estivo sempre moi interesado no traballo interdisciplinar, non era estraño, xa
que como un dos máximos representantes do Seminario
de Estudos Galegos (1923-1936), defendía e propiciaba o traballo científico
e intelectual “inter-áreas”, tal
como promovía aquela lembrada e insuperable institución galega.
Filgueira
Valverde estivo tamén moi relacionado coa Misión
Biolóxica de Galicia (1921), instalada na cidade de Pontevedra (1927), despois do seu fugaz paso pola Escola de
Veterinaria cando se atopaba instalada na cidade de Santiago de Compostela
(1921-1926). Filgueira fora nomeado vocal do Padroado da Misión Biolóxica en
1948. Desde a chegada de Antonio
Odriozola (1911-1987) a Pontevedra en 1964, axiña estableceuse unha súa mutua amizade, o bibliotecario da
Misión Biolóxica era o home que máis sabía sobre camelias, bibliografía, discografía e musicoloxía. D. Antonio
pasaba polo Museo de Pontevedra (1927; 1929)
puntualmente sobre o mediodía. Entre Filgueira e el sempre había un intercambio
de saberes, sempre a falar de libros, flores e discos; afeccións comúns moi
queridas, tamén conversaban sobre o grande Ramón
María del Valle-Inclán (1866-1936). Nunha palabra, os dous namorados da
beleza.
Filgueira
Valverde, como o educador que era,
imprimía seu afán didáctico a todos
os seus actos, é un factor común, educar dentro e fóra da cátedra.
E como hoxe
queremos darlle o protagonismo que se merece á camelia, subliñar que Filgueira
Valverde promoveu e sempre deu o seu apoio o Certame Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición
foi na cidade de Pontevedra no ano 1965,
certame que vai rotando na súa celebración entre as cidades de Pontevedra,
Vigo, e Vilagarcía. Precisamente, este ano a quenda da súa celebración
correspóndelle a Vilagarcía, a cidade
arousá organizará a LIV edición os días 10 e 11 de marzo.
Ese gusto polas
flores compróbase no feito de que Filgueira Valverde tiña sempre un búcaro con
flores no seu despacho. E na súa casa de Arcebispo Malvar, 49, abundaban
plantas e flores a carón dos libros, moreas de libros. E entre as flores, unhas
das súas preferidas, as camelias. As
flores de orixe oriental, que viñeron de alén mar para quedarse. E xa ben
aclimatadas nas nosas Rías Baixas,
poboan xardíns públicos e privados,
como os fermosos xardíns de tantos dos nosos magníficos pazos, como os de
Rubiáns, Golpelleira, de Oca, de Castrelos... e como non? nas instalacións do
antigo pazo do Arcebispo Malvar que ocupa a Misión Biolóxica de Galicia,
felizmente asentada e consolidada en Pontevedra.
É tempo de
camelias, no alén Odriozola e Filgueira han estar nun longo e inacabable
parolar, quizais co marqués de Bradomín e as súas sonatas; é fácil maxinar do
que falarán...
Xermán Manuel Torres
No hay comentarios:
Publicar un comentario