Nese mencionado Concurso, organizado polo Centro Comercial Arousa e a Mesa das Verbas, o traballo que ofrezo nesta entrada levou o 2º premio:
BUCLE
NO LABIRINTO
Sentados na ponte
pequena, preto da fermosa fervenza e dos antigos muíños, mollando os nosos pes
no río saudoso, que se perde nas brétemas do espazo e do tempo... eu co avó a
soñar coas estrelas e cos mundos ignotos poboados de verbas e maxestosas
bolboretas.
- - Avó colleranos aquí a noite?
- - Ti es aurora; eu lusco e fusco, a
noite moura virá.
- - E veremos o campo de estrelas que vai
cara o norte?
- - Así será, ti verás durante lúas e lúas
ese campo, eu axiña ficarei nel.
- - Nese campo haberá años e ovellas?
- - E haberá, irán pastar nas leiras de
algodón que ti verás. Nos recunchos escuros estarei eu.
- - Non digas iso avó que me pos triste,
poderei eu levarte a luz?
- - Ti es a luz, albíscase nos teus ollos.
- - E pasearemos ti e máis eu por alí?
- - Sempre que me nomees e me lembres eu
estarei en ti.
- - Entón, avó, sempre, sempre direi o teu
nome, berrareilles aos ameneiros e aos bidueiros como te chamas, non si?
- - E o murmurio das súas follas, levado
polo vento xunguirán as nosas voces, eu desde alá.
- - Avó porque agora me sinto tan triste?
- - Cala, cala... non me fagas chorar e
deitar as bágoas secas dos meus vellos ollos. Aquí, no río está o noso lugar
por sempre. As ninfas ancho lembrar.
- - Avó dille ás ninfas que non se
esquezan diso, por favor!
- - Cala, cala... que non o esquecerán...
... ... ...
O avó colle da man ao
seu netiño (e lémbrase da pasada e lonxana conversa co seu avó xa ido). Venus
comezaba a despuntar no ceo e cara a estrela Polar o campo de estrelas comezaba
a brillar... camiñaban de paseniño a carón do río, que deitaba mansamente as
súas augas cara o mar, que estaba ao lonxe, ben lonxe... O neto a soñar co seu
ledo parolar, o avó coa tristura nos seus ollos, en silencio, sabedor de que
axiña deixarán de alumear. Pasa o río como a vida para as súas augas finar no
mar e así a roda da vida, roda que roda sen parar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario