sábado, 24 de agosto de 2024

UN MEU ENCONTRO INESQUECIBLE CON ÁLVARO CUNQUEIRO

 

VEU UN MERLO MINDONIENSE CANTAR Á VILA DE DONA URRACA EN AGOSTO DE 1969

Cando don Álvaro Cunqueiro agasallou a un “botones” de 12 anos cunha historia exclusiva, alá no recibidor do Hotel Balneario Dávila da vila de Caldas de Reis en agosto de 1969


Imaxe do Faro de Vigo do que foi director

Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis
Lugar dos feitos

Eu aos 12 anos, cando D. Álvaro me agasallou con máxicas verbas

Sería unha tardiña, despois do xantar que na vila de Caldas, chamada de Reis por dona Urraca e polo seu fillo Afonso VII, un cantor veu declamar na nosa doce fala e viña das terras de Miranda ou da episcopal vila de Mondoñedo, o vate tiña por nome Álvaro, da liñaxe dos Cunqueiro-Montenegro e dos Mora, sempre viviu da súa fácil e xeitosa pluma   e con aquel seu fermoso dicir, engaioloume, naquela inesquecible e calorosa tarde dun agosto do 69, mágoa que daquela eu non fun quen de libar aquel xarope de máxicas verbas e de misteriosos artificios orais, dignos do seu bo amigo, o extraordinario mago, o druídico don Merlín.

Naquel recibidor do familiar e acolledor Hotel Balneario Dávila caldense, escoitei por primeira vez, verbas que endexamais volvería a escoitar. Don Álvaro, que así lle chamaban no Hotel, ceibou, naquel ar, verbas ben fermosas, nunha historia que quedou oculta pola néboa do tempo pasado.

Pídolle a don Merlín que recupere, ao seu xeito, con todos os artificios  e mañas que estime a ben e que el coñece fondamente, aqueles marabillosos e divinos sons perdidos, as verbas que lle escaparon dos seus beizos a aquel fénix inmortal das nosas letras e que xunte e ordene as verbas que contaban unha bela historia exclusiva, só para min, un humilde cativo que traballaba de “botones” naquel querido, lembrado e familiar hoteliño.

Don Álvaro era o mago das verbas, a divina ave cantora, que eu, ao igual que un Felipe de Amancia, escoitaba abraiado e incrédulo aquel torrente de frases fermosas e enigmáticas que eu, naqueles intres únicos,  non podía apreciar nin entender axeitadamente, estaban expresadas nunha lingua próxima, mais descoñecida e aldraxada.

Que don Merlín me devolva esas verbas roubadas polo tempo e por unhas circunstancias estrañas, que as transmigre e transmute do 1969 ao 2024, que si el quere; pode, que cousas difíciles e peores ten solucionado ao longo dos tempos. Quizais agora as poida amar, entender, reverenciar.

Don Álvaro xa está no alén; pero, don Merlín todo o ha poder e traerame  o galano agasallo que don Álvaro noutrora creou para min e que agora si, sería quen de saborear e de gozar, maxia de verbas e tempo. Cando Merlín mas entregue, heivos con elas premiar.

Don Álvaro deixounos nos seus libros a alquimia, o tesouro das súas verbas; pero, as que a min me deu en agosto de 1969, ninguén volas poderá entregar; agás que don Merlín veña na miña axuda e xuntos as poidamos escoitar.

Cousas veredes!  

No hay comentarios: