É sabida a querencia de Federico García Lorca (1898-1936) por Galicia, onde estivo en distintas ocasións, a primeira en 1916, sendo un xove estudante e unha especialmente moi interesante para nós, o seu percorrido por Galicia en agosto de 1932 dirixindo o grupo de teatro universitario LA BARRACA, achegando o teatro clásico ao pobo. Pois ben, o luns, 29 de agosto de 1932, estivo en Vilagarcía de Arousa coa Barraca realizando unha concorrida e popular representación teatral na praza do pescado, que teremos que indagar se é a que se corresponde coa actual praza da Peixería, conseguíu o emprazamento para a actuación Manuel Rey (entendemos nós que Manuel Rey Posse, o grande artista e activista cultural vilagarcián).
O programa sería moi semellante ao desenvolvido na cidade da Coruña o 22 de agosto de 1932, que se pode observar nese cartel reproducido. Antes de vir a Vilagarcía estiveron os días 27 e 28 dese mesmo mes na cidade de Pontevedra, a onde Federico volvería en novembro de 1932. Entendemos nós que tanto en Pontevedra como en Vilagarcía representaron ENTREMESES de Cervantes.
Federico mantivo unha boa amizade con Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor, os que dalgún xeito colaboraron con el na escritura dos seus famosos SEIS POEMAS GALEGOS de Lorca, cuxa primeira edición correu a cargo da editorial Nós o 27 de decembro de 1935, da que era propietario Ánxel Casal, o alcalde de Santiago asesinado polos golpistas en 1936, a mesma sorte que correrían Federico García Lorca, Bóveda e por desgracia tantas outras persoas pola barbarie da nosa triste e lamentable Guerra Civil (1936-1939).
Ademais das razóns literarias e de aprecio da fermosura e do impacto que lle causou Galicia ao poeta granadino, había outras razóns de tipo amoroso que atraían a Federico a Galicia e máis concretamente a Santiago de Compostela e que nos ten comentado o profesor e intelectual Xesús Alonso Montero.
Filgueira Valverde, mantivo algúns contactos con Lorca, incluso presenciou no teatro en Madrid algunha estrea das súas famosas obras dramáticas. E Filgueira pensaba incluir a Federico García Lorca como poeta galego na súa ANTOLOXÍA CONSULTADA DE POESÍA GALEGA, obra que deixou póstuma e da que hai unha edición de Ana Acuña e Alonso Montero.
Na actuación de Lorca coa Barraca en Vilagarcía xa teño escrito aquí a anecdota da entrega dun ramo de flores por parte de Xaquina Trillo e das súas mozas amigas andaluzas a Federico na representación desenvolvida na capital arousá. Da dita representación hai unha reseña do Faro de Vigo do día 31 de agosto de 1932. Estes días ando a indagar en Galicia Nueva e no libro de plenos do Concello de Vilagarcía de Arousa correspondente ao ano 1932, por se topo máis referencias da estancia de Lorca en Vilagarcía.
Na miña mente bule argallar algo para lembrar este feito histórico Lorca e a Barraca en Vilagarcía de Arousa o 29 de agosto de 1932, sabemos que a función teatral rematou con enorme éxito a altas horas da madrugada.
Compre seguir investigando sobre este acontecemento literario de tan grande relevancia para Vilagarcía como parte do periplo de Lorca en Galicia en agosto de 1932.
PARA CONSULTAR:
Filgueira Valverde, X. (2008). Os poetas galegos (1936). Antoloxía Consultada. Xesús Alonso Montero et Ana Acuña (Eds.). Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, p. 36.
Hai poucas testemuñas gráficas do paso de Lorca coa Barraca por Galicia. Descoñecemos se quedou algunha fotografía de Lorca en Vilagarcía, ofrecemos algunhas das poucas imaxes que coñecemos desa época:
No hay comentarios:
Publicar un comentario