Sabido é que estou empeñado que o vindeiro 29 de agosto de 2025, teñamos un acto de lembranza e de recoñecemento ao poeta granadino Federico García Lorca, que estivo co grupo teatral universitario LA BARRACA aquí en Vilagarcía de Arousa o luns, 29 de agosto de 1932. Con tal motivo xa teño confeccionada unha entrada anterior deste blog e estiven nestes días pescudando no primeiro periódico diario da nosa cidade GALICIA NUEVA (1907-1938) e atopei nel estas dúas breves reseñas da representación exitosa de LA BARRACA, dirixida por Lorca, que ofreceron ao numeroso e entusiasta público asistente pezas teatrais cervantinas (entremeses). Nos entreactos a Banda Municipal de Vilagarcía amenizou a xornada.
"Se encuentran en esta ciudad, los escolares que integran 'La Barraca' y según se nos dice, esta noche darán una función". (Galicia Nueva, luns, 29 de agosto de 1932).
"Anoche dió una función teatral, en la Plaza del Pescado, 'La Barraca', cuyo elenco constituyen escolares de las diversas Facultades de la Universidad Central, patrocinados `por el ministerio de Instrucción pública.
Pusieron en escena obras del inmortal Cervantes.
El numeroso público que invadía aquel recinto, aplaudió grandemente a los intérpretes que se revelaron como unos perfectos actores.
En los entreactos, la banda municipal interpretó varias obras". (Galicia Nueva, martes, 30 de agosto de 1932).
Sorprende que non se mencione ao director teatral, o xa popular e recoñecido poeta e dramaturgo Federico García Lorca e as brevísimas reseñas; pero, eran outros tempos e outro xeito de entender o labor xornalístico. O que non queda dúbida é que se informa perfectamente do acontecido e aquela GALICIA NUEVA tiña moi poucas páxinas. Este interesante xornal diario de Vilagarcía de Arousa está depositado e pódese consultar na Biblioteca Pública Rosalía de Castro da nosa cidade. Tamén se atopa versión dixitalizada, pero cunha dixitalización moi deficiente (que habería que renovar e actualizar), pode consultarse tamén no portal GALICIANA.
Sabemos que LA BARRACA estivo de xira por Galicia no mes de agosto de 1932 e que en setembro dese mesmo ano continúan coa súa xira por Asturias.
Por esas datas, tamén andaba por Galicia o Ministro de Instrucción Pública, quen presencia a actuación da Barraca en Pontevedra (onde actuaron o sábado 27 e domingo 28 de agosto de 1932, antes de vir a Vilagarcía).
Dito Ministro tamén estivo por Vilagarcía ese mes de agosto de 1932, nas Festas Patronais da cidade, Galicia Nueva faise eco desa nova, da estancia do Ministro aquí polas festas de San Roque.
Sería interesante lembrar este acontecemento e organizar un acto, dentro do mes de agosto de 2025, o mes festeiro de Vilagarcía e a poder ser o propio día 29, cando se cumprirían os 93 anos xustos da presencia de Lorca dirixindo a LA BARRACA, na Vilagarcía de Arousa dos nosos avós.