TRAIZOAR
O VELLO, O CADUCO
Por
Xermán Torres
Na
sinxeleza das cousas como nunha flor podemos atopar harmonía e paz
Debería de ser un
desexo de todos, que os seres humanos puideran topar no fogar e na patria paz e
tranquilidade; prosperidade e liberdade. Un lugar onde acougar e poder vivir
sen sobresaltos e poder desenvolver unha vida plena e todos os sentidos da
existencia humana. Ansia de todo ser humano poder vivir en paz, exercer o dereito de vivir en paz.
Podemos constatar a
pesares de todas as eivas, dificultades e obxectivos por cumprir que en España,
a partires de 1978, estase a desfrutar
do período máis longo de paz e de prosperidade de toda a nosa longa e
tumultuosa historia. A pesares dos múltiples problemas que hai, que houbo e
que haberá gozamos dun momento único da nosa historia. Todos os problemas poden
xestionarse e buscarlle solucións nun marco de paz e de concordia.
Para
lograr este único período de paz houbo que traizoar o vello, o caduco, as
rémoras do pasado, referímonos á liña de traizóns das que
fala Javier Cercas na súa Anatomía de un
instante (2009).
Os séculos XIX e XX
foron séculos turbulentos e violentos no noso país, séculos de guerras entre
irmáns na nosa querida España, dentro
dun marco e dun contexto internacional non menos belicoso e onde un novo imperio estábase a facer co dominio
e co control do mundo e impoñendo a súa lei.
Agora, no século XXI,
máis pacífico no noso país e xa era hora, pero non así en moitos países do
mundo (non aprendemos nada), o imperio dominante é un imperio apodrecido,
decadente que vai perdendo o seu poder. Será
o ocaso de Occidente?
Por Oriente, novos
imperios emerxentes, están a loitar por abrirse camiño para irse facendo de
paseniño e silandeiramente co dominio mundial. Uns imperios caen outros xorden
con novos folgos. No mundo desde que é mundo naceron e morreron infinidade de
imperios. Agora estamos a contemplar a caída
dun imperio e as loitas doutros por abrise paso e dominar e colonizar de novo.
O chamado “sapiens,
sapiens” ten moi pouco de sabio e un moito de depredador; como depredadores son todos os imperios “habidos
e por haber”.
Mais, en concreto, en
España e pese a quen lle pese estamos a vivir o momento máis pacífico e máis
próspero da nosa recente historia.
Aínda así, no noso país
e en Occidente temos un grave problema, moi serio: o declive demográfico. Estámonos a quedar sen xente, a este paso,
somos unha civilización en risco de extinción, de desaparición. Os galegos somos unha especie cos días
contados. España e Europa, se non cambian as tornas, vanse quedar sen
xente. E para manter o nivel de vida, ese benestar que outros arelan, imos ter
que aceptar (e xa está sucedendo) que outros seres humanos, irmáns nosos,
chegados de lonxanas terras veñan traballar aquí para realizar traballos de
profesións e oficios que están a desaparecer aquí e que veñan coidar dos nosos
maiores, que veñan a cotizar para manter os servizos, para poder soster aos
xubilados e se poidan pagar as pensións,...
A min fanme pensar
moito cancións como Imagine de John
Lennon e No me llames extranjero de
Rafael Amor. Á fin todos somos cidadáns
do noso pequeno, insignificante mundo dun planeta corrente, un punto
perdido nun lugar perdido no inmenso Universo. Países, fronteiras e bandeiras,
mesmo relixións son convencións, puro invento, orixinados por múltiples e
arbitrarias razóns. Non as fronteiras e
as bandeiras que dividen e matan.
Nunca, endexamais o asasinato, as violencias, a morte dun irmán; rematen unha vez por todas as infames e absurdas guerras. E relixións? As que prediquen e practiquen a irmandade, a paz e o benestar de todas as persoas, sen distincións e dun xeito efectivo o que prediquen que o cumpran, que o traduzan a feitos concretos, para que todos poidamos convivir e compartir os bens deste pequeno mundo dun insignificante e perdido planeta, pero, ao mesmo tempo tan fermoso, coidémonos todos e coidemos a nosa casa común, a preciosa e xenerosa Terra.
https://www.pontevedraviva.com/es/opinion/traizoar-vello-xerman-torres_521608_102.html
