miércoles, 11 de febrero de 2009

O CARBALLO DE SANTA MARGARIDA - MOURENTE




(Na primeira imaxe o famoso carballo, na segunda, Roberto Taboada Rivadulla acompañado na presentación do seu libro por María Martín Seijo e por Israel Picón Platas)

Para coñecer ben a Filgueira Valverde é preciso coñecer en profundidade á cidade que o veu nacer e finar, porque están intimamente unidos, son inseparables. E un dos símbolos naturais máis importantes desta cidade é o carballo milenario de Santa Margarida en Mourente, aldea pontevedresa de onde é nativo o pai de Filgueira.

O martes día 10 de febreiro de 2009 ás 20:00 h., presentouse no pazo de Mugartegui o fermoso libro de Roberto Taboada Rivadulla, político, profesor e artista pontevedrés nacido en 1953, o traballo leva por título: O CARBALLO E A SÚA HISTORIA. PONTEVEDRA E A MADEIRA. Nunha sala ateigada de público, comeza o acto coa desculpa da inasistencia das autoridades do grupo de goberno local por mor da convocatoria doutros actos de ineludible presencia para ditos gobernantes. Seguidamente, Roberto dalle paso a Israel Picón, que en nome do autor e colaboradores agradece a todos os que se implicaron co proxecto editorial e coas exposicións que o precederon. Logo comenta o protagonismo do carballo ao longo da historia, sinalando que significativamente o carballo foi protagonista do cartel do ano 2002, ano Sarmiento. Tamén menciona a exposición sobre o carballo de Santa Margarida, celebrada neste mesmo pazo entre o 15 de febreiro e o 6 de marzo de 2007. Indica que o carballo de Mourente foi moi mal tratado ao longo do tempo, foi soporte do tendido eléctrico, tantos e tantos clavos que o feriron. Precisamente, a maltreita árbore concedeulle unha entrevista en 1973 ao Diario de Pontevedra, na que se queixa da súa lamentable situación.
Continúa argumentando, que esta árbore é un símbolo da natureza, que representa a Pontevedra e á cultura da Nosa Terra. Hai noticias deste senlleiro carballo dende moito tempo atrás, unha das referencias literarias do mesmo débese á pluma do sabio bieito, Pai Sarmiento, mestre remoto de Filgueira Valverde, este insigne monxe sitúa a árbore preto do pazo de Santa Margarida e da ermida homónima da aldea pontevedresa de Mourente. Tamén Manuel Murguía se refire ás bondades que a tradición e a mitoloxía lle atribúen aos carballos. No Museo de Pontevedra, consérvase un manuscrito de Casto Sampedro no que fala do carballo de Redondela, como centro de reunións e de distintos actos importantes do pobo, igualmente sucedería co carballo de Mourente e doutros lugares. Finaliza Israel a súa intervención aludindo a uns versos que o poeta Manuel María lle adica ao carballo.
María Martín eloxia o traballo de Roberto Taboada, tan ben documentado e froito dun esforzo continuado no tempo, menciona a estreita relación deste carballo coa cidade de Pontevedra. Un fillo do carballo de Santa Margarida xa crece vizoso nas fragas do Eume, asimesmo indica a importancia dos carballos na fraga de Cecebre. (Subliñar, que a exposición sobre o carballo de Santa Margarida tamén puido verse na Fundación Wenceslao Fernández Flórez). Considera importante e moi significativo que unha árbore sexa o símbolo dunha cidade, que o carballo de Santa Margarida sexa un dos símbolos máis importantes da cidade de Pontevedra.
Remata o acto co agasallo deste fermoso e atractivo libro ao numeroso público asistente.

O carballo é a árbore nacional de Galicia, árbore sagrada para os celtas; por tanto de gran significado para todos os galeguistas, foi unha árbore fundamental para movementos que amaban a nosa querida patria, tales como as Irmandades da Fala, Xeración Nós, Xeración dos tempos do Seminario de Estudos Galegos, á que pertencía Filgueira Valverde. É mágoa, pero os galegos tratamos moi mal a esa árbore senlleira e protectora, cantas carballeiras e cantas fragas totalmente destruídas! Debemos, pois, facer un labor de recuperación e de repoboación con carballos por toda a nosa querida Galicia.
FILGUEIRA VALVERDE en ADRAL (1979) dedica nas pp. 194-196 un artigo ao admirado e histórico carballo de Mourente, co seguinte título: O CARBALLO DE SANTA MARGARIDA.

No hay comentarios: